Disparidades atlánticas

Un balance do VI cumio Unión Europea-América Latina e o Caribe (UE-ALC) celebrado en Madrid certifica a sinuosa fenda existente en ambas beiras do Atlántico. Nun contexto de crise económica e de transformacións políticas e de integración en América Latina, as disparidades parecen impoñerse por riba dos acordos alcanzados.

Tras este cumio, podería intuírse que Europa xa non constitúe un actor estratéxico tan relevante para unha América Latina que outea outros horizontes, máis ao Sur. Por contra, Europa semella máis orientado a observar a Brasil como o gran interlocutor latinoamericano, a tenor da importancia política e mediática que tivo o presidente brasileiro Lula da Silva ao seu paso por Madrid.

A preponderancia brasileira marcaría as pautas dunha nova etapa nas relacións transatlánticas. Proveniente de Teherán, onde a diplomacia brasileira fixo gala das súas habilidades tras subscribir un inédito pacto nuclear con Irán e Turquía, Lula ocupou en Madrid o case total centro de atención dos representantes da UE.

Paralelamente, este cumio estivo marcado pola polémica política. As ausencias dos mandatarios Hugo Chávez e Raúl Castro incrementaron unha sensación de incerteza e polarización que xa tivera o seu clímax co boicot anunciado pola maioría dos países da UNASUR ante a posible presenza do mandatario hondureño Porfirio Lobo.

A fin de salvar o envite, a diplomacia española elaborou anticipadamente un encontro entre a UE e América Central no que, coa presenza de Lobo, alcanzouse un importante acordo de libre comercio. Pero a discordia hondureña non foi a única nun cumio que presenciou as críticas da mandataria arxentina Cristina Fernández de Kirchner contra a política migratoria da UE e as acusacións do presidente boliviano Evo Morales dunha presunta conspiración golpista do PP na súa contra.

Non obstante, nunha Europa inmersa nun delicado contexto de crise orientada a salvar economías en dificultades como a de Grecia así como as especulacións sobre a real consistencia do euro (perspectiva que tamén afecta aos países latinoamericanos), alcanzáronse acordos estratéxicos, aínda que con non menos incertezas. Un caso concreto foi a revitalización das paralizadas negociacións entre a UE e MERCOSUR, así como os convenios de libre comercio coa Comunidade Andina, a pesar da aparente oposición por parte do eixe da ALBA conformado por Venezuela, Bolivia e Ecuador. No caso de MERCOSUR, diversos aspectos poden complicar a medio prazo a súa relación coa UE, en especial en materia agropecuaria.

Con América Latina celebrando os seus bicentenarios independentistas, o cumio UE-ALC debía constituír o foro clave para medir este momento histórico e abrir novas perspectivas. Neste sentido parece encamiñarse o anuncio da creación dunha Fundación Europa-América Latina e o Caribe, que pode significar un esforzo por trazar unha relación moito máis fluída. Pero a opacidade e certo nivel de desconfianza seguen a marcar as pautas nas relacións entre ambos continentes, dificultando así a fluidez dos mecanismos de asociación.