Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Horizonte 2012
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia, 24/09/2010)

Versión para imprimir

 

Os comicios parlamentarios venezolanos do próximo 26 de setembro afinarán o mapa político dese país de cara ás eleccións presidenciais de 2012, onde o mandatario Hugo Chávez postularase para unha nova reelección mentres a oposición tentará afirmar unha candidatura unitaria e alternativa.

Deste modo, o control político da Asemblea Nacional para o período 2011-2015 supón un novo capítulo do prolongado e polarizado pulso político entre o “chavismo” e a oposición.  En xogo están 165 escanos e 12 do Parlamento Latinoamericano, polo que Chávez e o seu Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), esperan alcanzar 110 escanos parlamentarios que lle permitan lexislar con maioría absoluta. Paralelamente, alcanzar os 99 deputados lle permitiría a Chávez gobernar temporalmente por decreto, a través da Lei Habilitante. A maioría simple se cifra en 83 deputados.

Precisamente, e tras boicotear os anteriores comicios lexislativos de 2005, a oposición tenta agora recuperar terreo político presentándose baixo o paraugas dunha Mesa de Unidade Democrática (MUD) que revela incertos escenarios políticos postelectorais. Mentres Chávez reafirma a súa pretensión de “afondar o modelo socialista” e os logros sociais do proceso revolucionario iniciado en 1999, o discurso da oposición oriéntase claramente reaccionario e a contracorrente.

Candidatos en escena

Como inevitable garantía electoral para o PSUV, Chávez multiplicou radicalmente a súa presenza nos actos electorais do seu partido a nivel nacional, un aspecto que evidencia a aínda escasa fortaleza da maquinaria electoral do PSUV, moi estreitamente ligada ao carisma do presidente.

Paralelamente, o discurso electoral de Chávez abre o xogo de cara aos comicios presidenciais de 2012, identificando estas eleccións lexislativas como un apéndice necesario para a súa reelección e a preservación do socialismo en Venezuela. Velaí o seu énfase discursivo por “demoler á oposición” e afondar a percepción dunha loita política e electoral entre clases sociais.

Similar perspectiva de cara ao 2012 obsérvase na oposición, que comeza a modelar posibles candidaturas presidenciais a través dos resultados destes comicios lexislativos. Estas expectativas semellan identificarase cara liderados como o de María Corina Machado, do movemento civil SÚMATE, e o gobernador do estado Miranda, Henrique Capriles Radonsky, do partido Primero Justicia, os cales incrementarían as súas opcións no caso de que a MUD eventualmente desactive a maioría que o PSUV espera obter na Asemblea.

O programa electoral opositor basicamente céntrase en denunciar as presuntas ameazas deste modelo socialista contra a propiedade privada, a descentralización político administrativa e os “equilibrios democráticos” dos poderes públicos, así como a presunta ineficacia gobernamental á hora de afrontar o alarmante problema da inseguridade e da criminalidade, os escándalos de corrupción na importación de alimentos e a deficiencia de varios servizos públicos. Neste apartado, Chávez acusa á oposición de fomentar un clima de sabotaxe e desestabilización.

Paralelamente, a oposición tenta capitalizar a desbandada de deputados provenientes de partidos como Patria para Todos (PPT) e PODEMOS, que anteriormente apoiaban a Chávez e que romperon con el tras a formación do PSUV a partir de 2007.

O factor Nin-Nin

As diversas enquisas, tanto afectas ao goberno como á oposición, contribúen a afondar este clima de incerteza e polarización. Mentres se identifica unha participación electoral superior ao 60%, a tendencia de voto mais frecuentemente rexistrada nas enquisas considera un 55% de votos a favor do PSUV por 45% a favor da oposición.

Pero volve aquí a imporse a perspectiva do voto dos indecisos e do sector cualificado como “Nin-Nin” (nin con Chávez nin coa oposición), aparentemente pouco identificados coa oferta política e electoral existente, pero que claramente resultarán decisivos. Este sector, que moitas enquisas localizan sobre o 30% do padrón electoral, aprecia o seu descontento ante o desgaste político e a polarización rexistrada na Venezuela dos últimos anos.

Pero diversos sectores políticos e de opinión pública, principalmente opositores, denuncian que a reforma dun 33% dos artigos da Lei Orgánica do Poder Electoral para estes comicios favorecen a Chávez, a través dunha complexa combinación de candidaturas por voto nominal, proporcional e por lista en diversos circuítos electorais, acusando así a eventual pretensión de diluír as opcións opositoras.

En todo caso, as eleccións do 26/S definirán un novo escenario político en Venezuela. De triunfar contundentemente, Chávez e o PSUV acelerarán a “construción do modelo socialista”. Por contra, se a oposición logra frear a maioría “chavista” que lle permita reformar toda serie de leis e decretos, moitos sectores temen que nos meses anteriores á constitución da nova Asemblea, prevista para xaneiro de 2011, Chávez acelerará os decretos de creación dos polémicos “consellos comunais”, afondando tamén a estatización económica a través de maiores expropiacións. Dous modelos e dous países volven a enfrontarse o próximo domingo 26.
 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/09/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta