Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Máis americanos e globais
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 15/12/2010)

Versión para imprimir

 

En plena efervescencia das revelacións de Wikileaks, entre finais de novembro e comezos de decembro celebráronse cumios paralelos en América Latina que sinalan importantes perspectivas de carácter xeopolítico: Guíana albergou o 4º cumio da Unión de Nacións do Sur (UNASUR), mentres Arxentina celebrou o 20º Cumio Iberoamericano de Nacións (CIN).

Ambos encontros aproximaron interesantes variables sobre a concepción autóctona dos procesos de integración latinoamericanos e a súa percepción dos cambios no sistema internacional. Nun contexto de relevo da presidencia na UNASUR trala morte do ex mandatario arxentino Néstor Kirchner, os países sudamericanos elixiron, por vez primeira, como presidente pro tempore a un representante proveniente dunha ex colonia europea, recaendo este cargo no actual mandatario guianés Bharrat Jagdeo, cuxas identidades remarcan a súa condición de anglofalante de relixión hinduísta.

Esta perspectiva de recoñecemento da variedade de identidades colectivas americanas expresadas dentro dun marco de integración cada vez máis hemisférico, permitiu igualmente á UNASUR abrir as súas xanelas cara outros países situados fóra do contexto sudamericano, como son os casos de Panamá e México, que acudiron ao cumio de Georgetown en calidade de observadores. A presidencia guíanesa igualmente permitiría unha aproximación inédita deste país cara o mundo sudamericano, a través da UNASUR, así como dos países sudamericanos cara a xeopolítica caribeña, mediante a Comunidade do Caribe (CARICOM).

Baixo o lema “Educación para a inclusión social”, o Cumio Iberoamericano de Nacións (CIN) celebrado na localidade arxentina de Mar del Plata tamén expresou avances significativos, a pesar da ausencia de líderes relevantes como os presidentes Zapatero, Hugo Chávez e Evo Morales.

Ademais da comunidade iberoamericana, por vez primeira a CIN acolleu a representantes de  países asiáticos e africanos: Timor Leste, Filipinas, Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, e São Tomé e Príncipe, así como de Sáhara Occidental e Porto Rico, en clara solidariedade coas súas respectivas demandas de recoñecemento internacional. Completaron a asistencia a Mar del Plata representantes de territorios que forman parte do mundo iberoamericano por razóns culturais e lingüísticas, como California, Xibraltar, Macau, Novo México, Guam, Goa, Damão e Diu e Dadrá e Nagar-Aveli (India), e da francofonía.

Deste modo, os cumios da UNASUR e da CIN expandiron as súas visións de integración incluíndo como observadores a representantes de países do Caribe e América do Sur angloparlante, así como de territorios e comunidades hispanas, lusófonas e francófonas a nivel mundial. En paralelo a estes cumios de integración, compre salientar o recoñecemento ao Estado palestino outorgado a principios de decembro por parte de Brasil, Arxentina e o MERCOSUR.

Estas realidades confirman os esforzos dende o Sur por atopar realidades comúns de integración e demandas de cambio e reforma das institucións internacionais e das pautas xeopolíticas tradicionais. O peso latinoamericano deixa a súa pegada tamén no eido económico: o recente informe da Comisión Económica para América Latina (CEPAL) indica que a rexión crecerá economicamente un 6% no 2010, por riba de EEUU e Europa. Un informe da consultora Goldman Sachs prevé que, en 2050, países como Brasil e México desprazarán a Alemaña, Xapón e Reino Unido entre as principais economías do mundo, mentres o peso demográfico e lingüístico hispano determinará un EEUU cada vez máis bilingüe.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/12/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta