Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Non retorno para Chávez
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia - Mirada Global, 19/04/2010)

Versión para imprimir

 

Preparándose politicamente para as eleccións lexislativas do próximo 26 de setembro, nas últimas semanas o presidente venezolano Hugo Chávez acelera as pautas estipuladas no proxecto revolucionario de “construción da patria socialista e bolivariana”, afirmando no seu horizonte o período 2010-2030 como fase definitiva.

Neste sentido, de cara á celebración do Bicentenario da Declaración da Independencia venezolana realizada o 19 de abril e coincidindo cun cumio da ALBA en Caracas, Chávez enroca aos seus militantes e as súas alianzas exteriores. Por vez primeira, e como parte da ampliación da cooperación militar trala recente visita a Caracas do primeiro ministro Vladimir Putin, efectivos militares rusos e bielorrusos participarán no desfile conmemorativo da independencia en Caracas.

A hora dos milicianos

Paralelamente, estes últimos días o goberno activou dous proxectos de carácter ideolóxico e de seguridade, que provocarán sensibles reaccións na sociedade venezolana. Nunha cerimonia oficial foron conformados os primeiros 35.000 milicianos civís destinados a “defender a patria socialista e bolivariana”. Ao mesmo tempo, e no marco do pulso ideolóxico e comunicativo, activouse a conformación da “guerrilla comunicativa” como “grupos de discusión e debate”, a través de patrullas de mozos, destinadas a “defender a revolución socialista e bolivariana” ante os constantes “ataques mediáticos do imperialismo”.

Dentro e fora do país, a milicia civil armada foi inmediatamente identificada por sectores opositores como unha especie de “garda pretoriana” do chavismo.
No caso das “guerrillas comunicativas”, estes mesmos sectores acusaron a Chávez de utilizar a menores de idade como vehículos politizados do proceso revolucionario, e de conformar órganos políticos similares aos Comités de Defensa da Revolución cubanos.

Dende unha perspectiva política, a conformación das milicias armadas está concibida como instrumento eficaz da doutrina de “guerra asimétrica” e da “mobilización popular revolucionaria contra o imperialismo” establecida a partir de 2005 na Forza Armada Nacional. Pero moitos observan a estas milicias como auténticos “garde-corps” destinados a repeler calquera tentativa de golpe de Estado ou intervención exterior, afirmando a esencia tantas veces pregoada por Chávez dunha revolución “cívico-militar”.

O perfil electoral

Con isto, o contexto venezolano de cara ao próximo proceso electoral da a entender que Chávez atopase nunha fase de radicalización do proceso revolucionario, trazando a axenda política nacional a través do aceleramento dos mecanismos de construción dunha “patria socialista e bolivariana”.

Non obstante, o panorama semella incerto. Os índices de popularidade de Chávez reducíronse a menos do 50%, os máis baixos nos seus once anos de goberno, especialmente ante a manifestación de curtes de subministro eléctrico, deficiencia nos servizos públicos, elevada inflación, desabastecemento de produtos básicos, tensións en torno á propiedade privada e imparable inseguridade cidadá, todos estes problemas extremadamente sensibles para a sociedade venezolana, en especial para as clases populares tradicionalmente afectas ao “chavismo”.

Concentrado en fortalecer ao PSUV como referente político da revolución, que deberá definir en maio próximo aos seus candidatos ás lexislativas a través dunha consulta interna, o pulso político venezolano aduce unha complexa confrontación de  forzas de cara á elección dos representantes da Asemblea Nacional para o período 2010-2015.

Aínda que con dificultades na designación dalgunhas candidaturas, a oposición semella avanzar na conformación dunha plataforma moderadamente unitaria, coa intención de restar a hexemonía chavista a fin de desarticular diversas leis “socialistas”, previstas para o próximo período lexislativo. A consecuencia, Chávez tenta pechar o círculo de poder interno no PSUV, instando a constante mobilización da súa militancia para non perder cotas de poder na Asemblea.

Non obstante, nas últimas semanas apreciánse diversas desercións políticas no chavismo, así como o aumento dos sectores críticos dentro do PSUV contra diversos grupos de poder burocraticamente instalados, factores que obrigan a Chávez a fortalecer a súa “liña dura”. Compre así observar o fortalecemento político de aliados fieis ao presidente venezolano, como é o caso do actual vicepresidente Elías Jaua.

Movementos no vecindario

Complexo panorama obsérvase igualmente na xeopolítica rexional. A poucas semanas de celebrarse as eleccións presidenciais en Colombia, que tentarán asegurar a continuidade do “uribismo” sen Uribe, Washington traza acordos de cooperación militar con Brasil e Perú á espera de acelerar a construción das polémicas bases militares antidrogas en Colombia.

Monitoreando o panorama venezolano, esta estratexia de Washington está claramente deseñada para pechar o círculo en torno a Chávez, con especial énfase en observar se as crises económicas e o incremento da contestación interna poden minar a popularidade do presidente venezolano de cara aos comicios lexislativos e as presidenciais de 2012.

Velaí que Chávez acelera as alianzas exteriores, reforzando a cooperación política, militar e enerxética con Rusia, China e Irán (que tanta preocupación causan na Casa Branca), que implique ao mesmo tempo a ampliación da operatividade do eixe da ALBA, con Cuba e Bolivia como principais socios xeopolíticos.

No plano interno, a necesidade imperiosa de acelerar a construción do “socialismo bolivariano” require dunha maior mobilización social, vía milicias e patrullas de defensa da revolución, coa vista posta no período 2010-2030. Con este panorama, Chávez sabe que está chegando a un importante punto de “non retorno”, mentres Venezuela incrementa as incertezas propias dunha prolongada polarización.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/04/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta