Pacto en Teherán

O recente acordo subscrito na capital iraniana entre Irán, Brasil e Turquía para depositar 1.200 quilogramos de uranio enriquecido por parte iraniana en territorio turco a cambio de 120 quilos de combustible nuclear, reforza a habilidade diplomática de Teherán á hora de manter un canal de cooperación coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA).

Ao mesmo tempo, este pacto tenta abrir unha fenda na comunidade internacional para persuadir a países como EEUU, Francia e Rusia a retomar as negociacións e restar a posibilidade de aplicar draconianas sancións contra Teherán a través do Consello de Seguridade da ONU. Dentro dos dez puntos deste acordo, Teherán defende o seu compromiso co Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP), enviando así unha sutil mensaxe ante os recentes intentos de Washington por substituír o TNP por outro marco de referencia nuclear, trazado na Conferencia sobre Seguridade Nuclear celebrada a mediados de abril na capital estadounidense.

Cercado pola presión exterior e con escasos aliados na area internacional, Teherán logrou inserir neste acordo a países emerxentes como Brasil e Turquía como un claro elemento de disuasión cara as potencias occidentais.

Brasilia tenta fortalecer as súas demandas de carácter nuclear, que poden reforzarse a través dunha eficaz mediación diplomática da crise iraniana. Pero tamén é certo que a súa decidida implicación neste pacto compromete seriamente a posición de Brasilia, en especial de cara as súas relacións con EEUU, e ante as súas demandas nucleares e de modificación do sistema de poder global. A acritude de Washington confirmouse coas declaracións da secretaria de Estado Hillary Clinton, quen cualificou de “inxenua” a implicación brasileira cara Irán.

No caso turco obsérvase unha perspectiva moderadamente similar. Turquía interpreta a crise nuclear iraniana como unha oportunidade para asentar o seu peso diplomático e xeopolítico en Oriente Próximo. Tradicional socio estratéxico occidental, Ankara ven posibilitando canais de apertura exterior para Teherán nun momento en que as relacións turco-occidentais non pasan, precisamente, polo seu mellor momento, en especial de cara ás negociacións de admisión turca na UE.

Non obstante a desconfianza occidental, Irán aceptou xogar a carta turca como elemento clave para obter garantías ante as presións exteriores do seu programa nuclear por parte da AIEA. Esta disposición está en plena consonancia co compromiso de Xenebra asinado pola AIEA en novembro pasado, onde se aceptaba realizar este “intercambio” de uranio enriquecido en territorio turco.

De momento, Teherán logrou tomar a iniciativa e pasar a bola ao tellado de Washington e dos seus aliados, escépticos á hora de aceptar un pacto que incluso lles outorga  o prazo dunha semana para ofrecer unha resposta. De ser o caso, o pacto de Teherán consolidaría unha inédita troika entre Teherán, Brasilia e Ankara que reforzaría o peso das potencias emerxentes nas decisións referentes á seguridade internacional. O secretario xeral da ONU, Ban Ki Moon, e China  saúdaron positivamente a concreción deste acordo.