Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Paraguai: camiño da “colombianización”?
Roberto Mansilla Blanco (igadi.gal, 17/05/2010)

Versión para imprimir

 

A inesperada reaparición da guerrilla marxista Exército Popular do Pobo (EPP) a finais de abril co asasinato de catro policías manifesta un serio obstáculo para o presidente paraguaio Fernando Lugo, definido en torno aos problemas de gobernabilidade e a sensación de debilidade estatal.

Tras rachar con seis décadas de hexemonía autoritaria do Partido Colorado, a vitoria da plataforma Alianza Patriótica para o Cambio (APC) do ex sacerdote e actual presidente Lugo en 2008 supuxo un aire fresco orientado a cambiar a política paraguaia. Pero dende entón, o presidente afronta unha serie de dificultades nun país con amplas desigualdades socioeconómicas, azoutado pola pobreza, a corrupción e a criminalidade.

Cun Congreso dominado pola oposición, Lugo recibe presións dende diversos sectores da plataforma gobernamental, que premen por cambios máis radicais e inmediatos. Igualmente, increméntanse os constantes rumores de golpe militar (un factor tradicional na política paraguaia) así como a actividade das mafias e do narcotráfico que ameazan o tecido institucional e social. En 2009, Washington incluíu a Paraguai nunha lista de grandes produtores e tráfico da marihuana.

Neste contexto, a recente irrupción do EPP, acusado de posuír vínculos estreitos coa guerrilla colombiana das FARC, obrigou a Lugo a declarar o “estado de excepción” en cinco departamentos a nivel nacional, orquestrando un amplo dispositivo militar contra un ínfimo grupo de guerrilleiros. No entanto, este plan evidenciou diversas fallas de coordinación entre as forzas de seguridade, aumentando así a percepción de debilidade gobernamental.

Premido dende diversos sectores, Lugo veuse persuadido a facer unha inmediata demostración de forza que deixara de lado a sensación de debilidade do seu goberno. Pero vese entrampado nunha serie de disputas internas, a máis importante emanada do propio vicepresidente Federico Franco, quen comeza a erixirse como o principal detractor da xestión de Lugo. A mediados de abril, Franco liderou unha concentración pública opositora.   

Paralelamente, un recente atentado contra un senador liberal incrementou os temores sobre a posible aparición do “sicariato” e accións de carácter terrorista, co narcotráfico como trasfondo. Dende Washington percíbese a Paraguai como un territorio de constante tráfico de criminalidade e presuntos vínculos con movementos islamitas considerados “terroristas”, coa suposta presenza de células de apoio ao movemento libanés Hizbulah na denominada “Triple Fronteira” con Brasil e Arxentina, onde habita unha florecente comunidade árabe.

Velaí a importancia xeopolítica de Paraguai no contexto sudamericano, en especial para actores como Brasil e EUA e veciños como Arxentina e Bolivia, que se amplían ante os intereses externos polos seus importantes recursos hidráulicos en clave enerxética. Deste modo, o espectro da “colombianización” afronta perigosos retos para a estabilidade paraguaia e o curso do cambio progresista impulsado por Lugo.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/05/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta