Tempo de rupturas

A recente ruptura de relacións con Colombia lanzada polo mandatario venezolano Hugo Chávez, unha vez Bogotá presentara ante a OEA o pasado xoves 22 de xullo unhas presuntas probas da presenza da guerrilla das FARC en territorio venezolano, certifica porqué o delicado equilibrio nas relacións entre Caracas e Bogotá supón o escenario máis quente de confrontación política, e posiblemente militar, en América do Sur.

Esta ruptura de relacións bilaterais, a primeira desde 1901, acontece no marco da despedida de Álvaro Uribe Vélez como presidente de Colombia e ante o traspaso de poderes previsto para o próximo 7 de agosto ao seu sucesor, o ex ministro de Defensa Juan Manuel Santos. Polo tanto, a mesma resume a turbulenta relación entre Uribe e Chávez acaecida nos últimos anos, así como un pulso tacticamente lanzado cara Santos, no seu momento considerado o “delfín” de Uribe pero que ven amosando nas últimas semanas certo nivel de distanciamento co seu presunto “mentor”.

Uribe sabía que non podía despedirse da presidencia deixando no aire un problema sumamente obsesivo: a situación das FARC e a súa presunta relación con Chávez. No momento en que xustificaba ante a OEA as probas de suposta presenza guerrilleira en Venezuela, advertindo da posibilidade de denunciar a Chávez ante o Tribunal Penal Internacional, Uribe lanzaba unha enigmática mensaxe, case de despedida, con referencia ás FARC, na que auguraba que o seu “final está cerca”.

Pola súa banda, días despois de anunciar que non asistirá á toma de posesión de Santos, Chávez certificou a ruptura de relacións ampliando unha crise diplomática que moi probablemente incrementará ou seu nivel de tensión a curto e mediano prazo, xa con Santos na presidencia e as bases militares estadounidenses despregándose por territorio colombiano.

Independentemente da súa real veracidade, as presuntas probas da presenza das FARC en Venezuela e os seus posibles vínculos co goberno venezolano intensifican esta prolongada crise entre Caracas e Bogotá, tanto como sinalarían a Chávez ante os ollos de Colombia e da comunidade hemisférica como o principal avaliador internacional das FARC.

Dende esa perspectiva, Uribe deixa a Santos un turbulento legado á hora de afrontar as sempre complicadas relacións co seu veciño. Igualmente, a reacción rupturista de Chávez ten implicacións electorais de cara aos comicios lexislativos do próximo 26 de setembro, onde está en xogo a renovación da Asemblea Nacional venezolana.

Adoptar unha postura firme ante a “agresión colombiana” ben podería incrementar o sentimento nacionalista, elemento clave para que o “chavismo” logre vehicular unha mobilización política e electoral ao seu favor nun momento en que as enquisas amosan sensibles niveis de esgotamento da popularidade de Chávez. A consecuencia, e para deixar claro quen estaría detrás desta “agresión” colombiana, Chávez volveu a ameazar a EEUU con cortar o subministro petroleiro venezolano.

Paralelamente, a evolución da ruptura diplomática colombo-venezolana opaca e obstaculiza calquera tentativa de creación dunha comisión de verificación por parte da OEA, a fin de esclarecer as denuncias colombianas contra Chávez e as FARC.

Escenario que tamén se manifesta na erosión da confianza nas relacións bilaterais: desde 2009, o comercio bilateral fronteirizo entre Colombia e Venezuela caeu un 69%, mentres Bogotá pasou de ser o segundo socio comercial venezolano a ocupar a cuarta posición. En materia económica, os empresarios colombianos aseguran que esta ruptura diplomática afectaría un 1% do PIB colombiano, principalmente sensibles nos sectores alimenticio e téxtil.

Nunha conxuntura marcada polos Bicentenarios das Independencias latinoamericanas (Colombia precisamente celebrou o seu o pasado martes 20 de xullo, previo á crise actual), a perspectiva dunha confrontación diplomática e política entre Venezuela e Colombia empana un momento proclive á concertación de intereses conxuntos, alén dos imperativos xeopolíticos. Precisamente, os intricados camiños da xeopolítica aducen da posibilidade de que estas tensións se incrementen con maior intensidade nos próximos tempos.