Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Tenaza no Caribe
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia - Mirada Global, 06/02/2010)

Versión para imprimir

 

Resulta indubidable que a traxedia humanitaria de Haití entronca toda serie de intereses e movementos xeopolíticos, en especial para Washington. Con 10.000 marines controlando as comunicacións da illa caribeña e a VII Flota estadounidense navegando nas augas caribeñas, os últimos acontecementos na rexión apuntan a toda unha serie de escenarios destinados a recuperar o peso e a influencia hemisférica de Washington.

A traxedia haitiana coincide coa presunta finalización da crise política hondureña. Co presidente deposto Manuel Zelaya exiliado en República Dominicana e o novo mandatario Porfirio Lobo en Tegucigalpa, Washington podería estar configurando unha nova alianza centroamericana e caribeña destinada a restar operatividade a actores considerados como “incómodos”. É o caso específico do “eixe da ALBA” impulsado por Venezuela e Cuba.

Xunto a Nicaragua,  Zelaya constituía esa pedra angular da ALBA no contexto centroamericano, razón pola que o novo presidente Lobo inmediatamente anunciou a retirada hondureña deste organismo. Cómpre igualmente observar a presenza dos mandatarios colombiano Álvaro Uribe Vélez, do panameño Ricardo Martinelli e do dominicano Leonel Fernández na toma de posesión de Lobo en Honduras, evidenciando así ese posible novo eixe monitoreado dende a Casa Branca.

Este eixe “anti-ALBA” sumamente dirixido a conter a posibilidade dun expansionismo da diplomacia de Chávez no hemisferio, podería ampliarse cara o novo presidente chileno Sebastián Piñera e os posibles próximos mandatarios en Brasil, Arxentina e Perú, no caso de que a dereita e o centrismo logren alcanzar o poder de aquí a 2011.

Con este panorama, a presenza militar estadounidense en Haití suxire diversas perspectivas de actuación, non só cara Venezuela senón mesmo cara a Cuba. Washington comeza a observar con maior atención a evolución dos acontecementos en Caracas, onde o presidente Hugo Chávez afronta unha serie de crises de subministro enerxético, conflitividade social e presuntas fisuras no seu movemento político, que poderían afectar seriamente a súa presidencia e a fortaleza política do seu partido, o PSUV, de cara aos próximos comicios lexislativos de 2010 e presidenciais de 2012.

No caso cubano, o goberno de Barack Obama observa a parcial paralización dos mecanismos de diálogo coa Habana, que poden dar curso a unha ruptura intemporal. Asediado pola crise económica, o goberno de Raúl Castro apréstase a confrontar unha etapa de tensos roces coa Casa Branca, razón pola que necesitaría reforzar a súa cooperación con Chávez para afianzar o eixe da ALBA. Esta necesidade explicaría a recente visita a Caracas do vicepresidente cubano Ramiro Valdés.

Por iso, o monitoreo estadounidense busca consolidar a Haití como base de operacións. O goberno de René Preval solicitara en 2009 o seu ingreso na ALBA, que se oficializaría no primeiro semestre de 2010. A traxedia humanitaria e a presenza militar estadounidense na illa caribeña probablemente sepultaría esta orientación haitiana cara o eixe “chavista”. Cuestión de xeopolítica, amén da crise humanitaria.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta