Traxedia interminable en Haití

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A devastación física e humana causada polo terremoto de 7.0 graos na escala Richter, acaecido o pasado 12 de xaneiro de 2010, con saldo hipotético de 50.000 mortos e 250.000 feridos, agravou en gran medida, as dificultades existentes en Haití á hora de consolidar unha precaria estabilidade, a eficiencia do seu tecido administrativo e estatal, así como da súa escasa e maltreita infraestrutura.

Practicamente supeditado á axuda exterior enviada trala catástrofe (cuxa excesiva tardanza deu paso a escenas de anarquía e violencia social) así como ao éxito da Misión de Pacificación da ONU (MINUSTAH), asentada desde 2004 baixo o liderado de Brasil, o presidente de Raúl Preval afronta serios retos e dilemas a curto prazo.

Un deles será o futuro de tarefas pendentes na axenda política, tales como a convocatoria para as eleccións lexislativas previstas para o próximo 28 de febreiro de 2010. A morte e desaparición de diversos membros do gabinete gobernamental e representantes do Senado e da Asemblea Nacional deixou a Haití practicamente sen goberno funcional, ameazado pola anarquía e a violencia social da que nin sequera a misión da MINUSTAH, composta por 7.300 “cascos azuis” da ONU, 2.000 policías e 500 funcionarios, puido controlar.

Co proceso electoral lexislativo no aire e un país sumido na pobreza e o caos, as autoridades deberán sopesar graves problemas de seguridade en zonas do interior e barrios da capital Porto Príncipe, como é o caso do inestable Cité Soleil, dominado pola proliferación de mafias e bandas criminais que expandiron enormemente o seu nivel de actuación os días posteriores ao terremoto.

O polémico papel de Washington

Cun escenario determinado polo caos e a anarquía, Washington decidiu intervir unilateralmente na illa caribeña, co envío de 10.000 marines para garantir a seguridade, un fondo de urxencia US$ 10.000 millóns, o nomeamento do ex presidente Bill Clinton como representante da ONU en Haití e o control case absoluto das comunicacións, en especial o aeroporto de Porto Príncipe.

Así, o goberno de Barack Obama manifestaba a súa intención de “solucionar” os problemas haitianos, ante a aparente ineficacia da MINUSTAH e a práctica inexistencia dun goberno estatal. Isto motivou a unha resposta da ONU asegurando un reforzamento militar da MINUSTAH.

Mentres diversos países e a Unión Europea activaban os seus plans de asistencia sanitaria e financeira a Haití, a unilateral presenza militar estadounidense nese país provocou toda serie críticas e denuncias, en especial por parte dos presidentes de Venezuela, Hugo Chávez e de nicaraguano Daniel Ortega, así como as suspicacias dos gobernos de Francia, Brasil, da propia Unión Europea e da Comunidade de Estados do Caribe (CARICOM)

Con isto, a traxedia humanitaria haitiana pode estar dando curso a un pulso xeopolítico entre EEUU, Francia, Brasil e incluso China, cuxa notable presenza tamén denotaría os seus intereses na área caribeña.

Un futuro repleto de incertezas

A fin de concretar un compromiso global para reconstruír Haití, o goberno francés anunciou a celebración dunha conferencia internacional para a reconstrución e o desenvolvemento de Haití, realizada o pasado 25 de xaneiro en Montreal (Canadá).

Non obstante, a ONU estima que Haití necesitará US$563 millóns para asistir, por un período de seis meses, aos máis de tres millóns de persoas afectadas, así como en materia de alimentos, servizos sanitarios, abastecemento de auga e outras necesidades básicas. Para principios de 2010 estaba prevista unha xuntanza da Conferencia de Doantes, cunha urxencia que agora aumentará ante as graves perspectivas da situación humanitaria.

Resta tamén considerar a posibilidade real e lóxica de suspensión temporal dos comicios lexislativos previstos para o próximo 28 de febreiro de 2010, en particular ante o grave estado nacional causado pola destrución de infraestruturas, a precariedade dos servizos e a necesidade de evitar a polarización política ante o drama humanitario. Na axenda política do presidente Preval tamén estaba prevista a discusión dunha reforma da Constitución de 1987, agora con futuro incerto trala traxedia humanitaria.