Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Un mapa sen Uribe
Roberto Mansilla Blanco (igadi.gal, 03/03/2010)

Versión para imprimir

 

Diversas incógnitas e escenarios políticos xorden en Colombia trala decisión da súa Corte Constitucional de declarar “inexequible” a realización do referendo consultivo que posibilitara un terceiro mandato presidencial para Álvaro Uribe Vélez, de cara aos comicios do próximo 30 de maio.

Se ben resulta indubidable o peso de Uribe na política colombiana dos últimos anos e os seus manexos políticos para alcanzar o referendo, a decisión da Corte supón un reforzamento do carácter democrático e da fortaleza institucional existente entre os poderes públicos colombianos, afastando levemente as reiteradas acusacións de corrupción e nepotismo contra o seu sistema legal.

Desarticulada a posibilidade doutra reelección, Uribe afronta espiñentos dilemas, orientados en trasladar a un sucesor (potencialmente o ex ministro de Defensa, Juan Manuel Santos) o legado da súa eficiente estratexia de “seguridade democrática” contra a guerrilla, así como o efecto simbólico en clave electoral que supón ser o presidente colombiano con maiores índices de popularidade.

Así, o escenario colombiano semella compararse ao actualmente existente en Brasil, onde o presidente Lula da Silva tenta fortalecer a aparentemente débil candidatura de Dilma Roussef de cara aos comicios de outubro próximo.

Paralelamente, sen Uribe e cunha candidatura de Santos con poucos consensos, o “uribismo” corre o risco de fragmentarse nunha serie de cúpulas escasamente intelixibles, sempre á espera de que o propio Uribe se converta nun “poder na sombra”que tutele ao seu “delfín”. Este escenario dilata aínda máis unha campaña electoral presidencial que, dende xa e coa ausencia de Uribe, anuncia unha dura segunda volta.

Coa posibilidade de fragmentación do uribismo, estímase tamén que o legado de Uribe interpreta un proceso de “derechización” da política e sociedade colombianas. Non semella existir alternativa ao programa de “seguridade democrática” que estipula a total derrota militar das FARC e da guerrilla, un escenario que va directamente ligado ao afondamento da cooperación militar con Washington, a través da ampliación de bases militares en territorio colombiano, e que tanta polémica provoca entre os seus veciños.

Sen Uribe e cun sucesor politicamente débil, o eixe da ALBA manifestado en torno a Venezuela, Ecuador e Bolivia, consegue un táctico triunfo xeopolítico, aínda que pouco doado tomando en conta que a cooperación militar entre Bogotá e Washington se fortalecerá no próximo período 2010-2014. Aínda así, resta observar a mecánica das tradicionalmente polarizadas relacións entre Bogotá e Caracas, unha vez Uribe non estea na presidencia do pazo de Nariño.

En todo caso, a decisión da Corte Constitucional, considerada a máis transcendental desde a súa creación en 1991, confirma o final dunha era na política colombiana. Con isto, resulta dubidosa unha retirada formal dun Uribe que, con 57 anos, moi probablemente reconfigurará o seu rol político. No fondo, o que se aprecia é o impacto político da decisión da Corte, un aspecto que reforza o considerable carácter institucional da política colombiana.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta