Venezuela: máis plural e polarizada

Por moi plural e “multicolor” que sexa (o cal reafirma un necesario equilibrio de poderes), a composición política da próxima Asemblea Nacional venezolana reforzará para o período 2011-2016, a marcada polarización existente entre o goberno e a oposición, con eleccións municipais e presidenciais de por medio, a celebrarse en 2012.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Por moi plural e “multicolor” que sexa (o cal reafirma un necesario equilibrio de poderes), a composición política da próxima Asemblea Nacional venezolana reforzará para o período 2011-2016, a marcada polarización existente entre o goberno e a oposición, con eleccións municipais e presidenciais de por medio, a celebrarse en 2012.

A falta de certificarse os resultados definitivos, que non variarán substancialmente esta composición lexislativa, unha lectura preliminar salienta un novo mapa político cun indubidable avance da oposición, persuadida agora a transitar polos camiños da legalidade a través dunha inédita (e non menos incerta) Mesa da Unidade Democrática (MUD). Tras boicotear os comicios de 2005, que deron unha hexemonía lexislativa case absoluta ao “chavismo” nos últimos cinco anos, a oposición semella agora decatarse das súas posibilidades electorais e políticas.

Con 63 dos 165 deputados en disputa, que corresponde a un 40% do total da próxima Asemblea, a oposición poderá agora bloquear unha serie de leis orgánicas que obstaculicen a “aceleración do modelo socialista”, impulsada polo presidente Hugo Chávez. Ese peso decisivo deberá dirimir a súa real capacidade política para ofrecer unha alternativa viable ao “chavismo”, así como a súa vocación unitaria, especialmente ante o desafío das presidenciais de 2012.

Se ben as análises postelectorais resaltan o impresionante avance opositor, non debe esquecerse que os resultados do 26/S reafirmaron a hexemonía do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV). Aínda que non alcanzou o seu obxectivo de maioría absoluta (110 deputados) e viu bloqueada a súa maioría cualificada de 99 deputados ante o avance opositor, os 95 deputados alcanzados polo partido de Chávez consolidan a súa fortaleza política, superando o consecuente desgaste que supoñen doce anos de goberno e unha forte campaña internacional na súa contra.

Igualmente, e se ben pódense validar as denuncias esgrimidas pola oposición sobre a controvertida reforma dun sistema electoral que prexudica a maioría dos votos populares, o novo momento político en Venezuela reafirma unha inédita paridade política entre o PSUV e a MUD que, a todas luces, dirimirase nos comicios presidenciais de 2012. Unha paridade que deberá medirse nunha Asemblea que, paralelamente, requirirá dun necesario diálogo entre goberno e oposición para levar adiante a aprobación de toda serie de leis orgánicas, permitindo así fortalecer o carácter institucional do poder lexislativo.

 Non obstante, a actual polarización e falta de diálogo pode intensificar a tensión política, toda vez se manifeste un gradual proceso de radicalización entre ambos bandos. Mentres Chávez anuncia a “aceleración do socialismo”, que pode intensificarse nos próximos tres meses mediante a aprobación de decretos, a MUD anuncia un paulatino programa de bloqueo destas leis orgánicas, en especial as relativas á creación dos consellos comunais e a posibilidade de maiores expropiacións.

En todo caso, se ben a maioría dos venezolanos renovou a súa confianza en Chávez e no PSUV, o avance da oposición reafirma unha alternativa orientada, principalmente, a propiciar un sistema de contrapesos que diminúa calquera asfixiante hexemonía política. A elevada participación (66,45% do electorado), consolida tamén a convicción democrática da sociedade venezolana. Unha convicción que, ironicamente, expresa tanta pluralidade como polarización nunha conxuntura decisiva para o futuro dese país.