A impunidade en Guatemala

Durante trinta e seis anos de conflito armado en Guatemala, consumáronse numerosas matanzas e xenocidios da man da oligarquía, políticos ou militares que aínda hoxe non foron nin esclarecidos, nin moito menos xulgados. En 1996 asináronse os Acordos de Paz que permitirían camiñar cara a democracia e a xustiza histórica, abordando nos tribunais os abusos cometidos no pasado.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Durante trinta e seis anos de conflito armado en Guatemala, consumáronse numerosas matanzas e xenocidios da man da oligarquía, políticos ou militares que aínda hoxe non foron nin esclarecidos, nin moito menos xulgados. En 1996 asináronse os Acordos de Paz que permitirían camiñar cara a democracia e a xustiza histórica, abordando nos tribunais os abusos cometidos no pasado. Hoxe, catorce anos despois, existen probas que exemplifican o abismo existente entre as previsións e a práctica. O feito de que Guatemala non implementase os acordos de paz e as recomendacións da Comisión para o Esclarecemento Histórico (establecida en virtude dos acordos), contribuiu a que se cometan novos e alarmantes abusos, dirixidos especialmente contra aqueles que tratan de combater a impunidade.

Atopámonos así ante un caso de “Estado de Mafia Corporativa” dado que  a xustiza so é quen de resolver un 2% dos crimes que se cometen, e, a maiores, moitos dos asasinatos extraxudiciais están relacionados con individuos que traballan mesmo para as institucións públicas. Un dos casos mais coñecido é o de José Gerardi, asasinado en 1998 trala publicación de “Guatemala: Nunca Más” onde daba conta dos nomes das vítimas da guerra civil. Houbo moitos sospeitosos, e entre eles dous directamente relacionados co Estado Maior Presidencial, que non foron investigados. Pouco despois de se coñecer a noticia, curiosamente, desapareceron os arquivos públicos que contiñan as probas. O caso aínda continúa aberto na fiscalía guatemalteca.

Formalmente, a normativa guatemalteca concorda coas leis internacionais no que atinxe á protección dos dereitos humanos. En virtude dos tratados e pactos internacionais dos que Guatemala é Estado Parte, e en virtude tamén das propias leis guatemaltecas, o poder xudicial debe ser independente. Na realidade, o sistema xudicial é incapaz de actuar ou de garantir os dereitos dos cidadáns, así como de impedir a impunidade. Existen axentes ou ex-axentes do Estado que teñen ao seu dispor unha rede secreta tecida de costas á vida pública, dedicada a obstruir a xustiza. Contan practicamente cun goberno alternativo que funciona clandestinamente facendo ostentación das súas maneiras de facer.

Carlos Castresana, fiscal español que traballou no país para o Comisionado das Nacións Unidas contra a impunidade en Guatemala, acabou dimitindo o pasado mes de xuño ante os reiterados incumprimentos das propias instancias do Estado. Tras tratar de levar ao estrado ao ex presidente Alfonso Portillo, comezou a promoverse unha campaña de información pública, encargada de desautorizar e descualificar ao fiscal aludindo a condutas da súa vida privada. Castresana asegura que este é un dos países máis violentos do mundo, no que as persoas non teñen confianza algunha no sistema de seguridade. E este é un dos motivos polos que segue a enxendrarse a violencia. As persoas vense na tesitura de tomar a xustiza pola man, dado que calquera denuncia é moi probable que non chegue a materializarse nunha investigación e moito menos nun xuizo.

Hai poucos anos coñeceuse o caso dunha traballadora de Amnistía Internacional que foi amordazada e ameazada nun hotel de Cidade de Guatemala. A violación dos Dereitos Humanos vai moito mais alá das personaxes públicas guatemaltecas, chegando incluso á transgresión con persoas alleas ao entramado político do país, como xornalistas ou observadores internacionais.

Ante una situación tan delicada, cómpre tomar medidas para incidir no cumprimento das normas internacionais. O primeiro a ter en conta sería fomentar o respecto aos Acordos de Paz asinados baixo os auspicios das Nacións Unidas, así como promover as visitas de expertos en dereitos humanos da organización e poñer en práctica as súas recomendacións. E, en segundo lugar, a nivel estatal, establecer un programa efectivo de protección do persoal xudicial e dos testemuños e garantila seguridade e o facer dos defensores dos dereitos humanos, para así poder comezar un auténtico camiño cara a xustiza sen volta atrás.