Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
As Maras en Centroamérica: unha ameaza para o futuro da rexión
Samanta Fernández Cortés (igadi.gal, 21/10/2010)

Versión para imprimir

 

En Centroamérica, máis do 50% da poboación son persoas con idades comprendidas entre os 0-24 anos. Permanentemente, milleiros de persoas, especialmente mozos, emigran dos seus países de orixe en busca de emprego, para enviar recursos ás súas familias. Outros deciden integrarse en bandas como as Maras, como unha opción de supervivencia.

As Maras empezan a coñecerse nos anos 70 en Los Angeles, California, dentro dun contexto caracterizado por aglutinar a rapaces pobres emigrados de América Latina, especialmente de México e dos países centroamericanos. Orixinariamente, estas pandillas aglutínanse baixo os seguintes nomes: “Mara 18”,  nacida na rúa 18 de Los Angeles, e a chamada “Mara Salvatrucha”, creada por mozos emigrados do Salvador na mesma cidade californiana. Ámbalas dúas teñen carácter transnacional e hoxe en día, seguen a ser as que aglomeran a maior parte das persoas que se incorporan a bandas destas características.

Ao inicio dos anos 90, e unha vez finalizados os conflitos armados en Centroamérica, prodúcese unha deportación masiva cara a rexión de mozos que se atopaban en  Estados Unidos nunha situación ilegal, cando os seus países aínda comezaban o seu lento e complicado camiño cara o proceso de democratización. É neste contexto político no que as Maras comezan as suas accións, fundamentalmente en Guatemala, El Salvador e Honduras, e con moita menos incidencia en Nicaragua.

Deste modo, as Maras estableceron uns códigos propios a través de símbolos xestuais coas mans, adquiriron un aspecto físico determinado marcado polas tatuaxes, e comezaron así a funcionar como unha grande familia na que se defendía e respectaba aos compañeiros, ata o extremo de por en perigo a vida de un se fose preciso. Unha grande cantidade dos mozos “mareros” proveñen de fogares desintegrados onde sufriron ou sofren a violencia familiar.

A pobreza en tódalas súas facetas, a migración masiva do ámbito rural ao urbano, a carencia de alternativas sociais como sistema de prevención, o consumo de drogas, a tenencia de armas ou o débil sistema de xustiza, son algunhas das causas que promoveron o desenvolvemento destes grupos. Na maioría dos casos, os pandilleiros son xente que está á marxe da lei, case inexistentes para o Estado. Ninguén sabe exactamente cantos mozos e mozas están integrados nas Maras, e isto dificulta o coñecemento real das mesmas, así como a elaboración de políticas públicas que axuden a combatilo fenómeno.

Unha violencia interminable

Nas últimas décadas, Centroamérica caracterízase por ser unha rexión marcada polos enfrontamentos armados. A xente moza ven combatendo baixo diversas bandeiras políticas e ideolóxicas. Moitos morreron, outros quedaron discapacitados e outros tantos foron desprazados, refuxiados ou emigrantes. A través dos diversos procesos de desarme e pacificación a partir da década 90, moitos deles retornaron coa esperanza de reincorporarse á escola, encontrar un emprego e reconstruír as súas vidas.

Pero o remate do conflito non supuxo a mellora nas súas condicións de vida. Pola contra, desenvolvéronse políticas neoliberais e privatizadoras que debilitaron aínda máis o papel do Estado no desenvolvemento das democracias emerxentes. A preferencia pola privatización dos servizos básicos como a saúde ou a educación, afondaron as condicións de marxinación e exclusión. Cada vez máis, o Estado diminúe as súas funcións e deslígase das súas obrigas constitucionais: a penas acode á escola unha media do 20% dos adolescentes.

Igualmente, Centroamérica é unha rexión de grande importancia xeopolítica. Tanto a súa posición xeográfica como a variedade de recursos naturais presentes no seu solo, convértena en privilexiada e cobizada. En diversas épocas da súa historia contemporánea, diferentes intereses económicos, tanto locais como estranxeiros, foron os inspiradores a través de gobernos ditatoriais, padecendo innumerables guerras civís durante moitas décadas, sen ter en conta as aspiracións e as necesidades básicas dos seus habitantes.

Nesta última década, leváronse a cabo unha serie de leis “antimaras” de carácter represivo por parte da policía, o Exército e até por paramilitares. A lei máis coñecida e impopular foi a que presentou o presidente salvadoreño Francisco Flores (1999-2004), denominada “Plan Mano Dura”, e que máis tarde foi declarada anticonstitucional. Con esta lei reformouse o Código Penal para poder aumentalas penas a menores de idade, exercer detencións arbitrarias, execucións extraxudiciais e ata campañas para dar popularidade á pena de morte. Todo este esquema viola os tratados internacionais sobre os dereitos humanos e as propias constitucións estatais.

Os resultados destas medidas non diminuíron nin a inseguridade, nin a violencia nin a crecente incorporación de mozos e mozas ás Maras. Pola contra, os grupos paramilitares exercen unha violencia tolerada polas autoridades, converténdose nunha ameaza mais para o Estado de Dereito.

Todas estas medidas que se están a tomar á volta do fenómeno das pandillas son xustificadas polas autoridades como unha necesidade para mantela seguridade. Pero pouco falan as institucións da seguridade alimentaria, da seguridade laboral nin da seguridade xurídica para a protección dos dereitos da cidadanía. Non se di en ningures que as verdadeiras ameazas son a pobreza, a exclusión, a desigualdade e a discriminación.

Se a responsabilidade por parte do Estado non é afrontada dunha maneira real, o efecto das Maras non só non cesará senón que aumentará nos próximos anos, porque os fillos dos “mareros” están entrando en contacto coa violencia a idades máis temperás ca os seus pais, converténdose nunha verdadeira ameaza para as futuras xeracións.

 
 
Samanta Fernández Cortés, é licenciada en Ciencias Políticas
e da Administración (USC) e realiza prácticas no IGADI .
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/10/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...

... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta