Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Condena, aínda a destempo
Xosé Luís Franco Grande (A Nosa Terra, 11/02/2010)

Versión para imprimir

 

En varios foros da Rede suxírese a comenencia de que España, diante das celebracións dos países de América Latina do bicentenario das loitas independistas, pida desculpas polos actos de abuso e de exterminio de pobos indios cometidos polos colonizadores españois en estreita colaboración cos crioulos.

O secretario de Estado español para Iberoamérica, Juan Pablo de Laiglesia, diante desa suxestión, manifestou que non é a historia o que agora preocupa ao goberno español nin tampouco aos gobernos latinoamericanos. “Preocúpalles, engadiu, moito máis o futuro que o pasado.”

Unha resposta digna dos responsables do PP cando ven que abrir fosas de fusilados pode poñer de manifesto o seu propio pasado ou o dos seus. Non hai futuro que non asente no pasado. E non moito futuro se pode construír se non arrinca do pasado. E, para iso, cómpre coñecelo.

Por suposto que se trata dun xesto simbólico. Pero non outra cousa se pide cando xa é imposible obter nada mellor. É un xesto que non debe custar tanto (aínda que semella que é moito o que custa), non obriga a moito e axudaría a unha mellor convivencia. Cómpre unha condena, aínda a destempo.

E a min paréceme tamén que non sería desavido dar a coñecer nas aulas de todos os niveis do ensino o libro, breve pero intenso, do P. de la Casas, Brevísima relación de la destrucción de las Indias, no que se documentan as atrocidades e abusos que os colonizadores executaron e que dalgunha maneira pesan aínda sobre a pobreza e a miseria actuais dos pobos liberados do xugo dos colonizadores.

 
 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/03/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta