Francia alporizada

Non é certo que Sarkozy  radicalice o movemento social francés, pero si que o está alporizando, que é outra cousa moi diferente. Porque Sarkozy non é un radical (no sentido de alguén que vai á raíz das cousas), senón un populista perdido na súa impopularidade, un demagogo, un sectario.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Non é certo que Sarkozy  radicalice o movemento social francés, pero si que o está alporizando, que é outra cousa moi diferente. Porque Sarkozy non é un radical (no sentido de alguén que vai á raíz das cousas), senón un populista perdido na súa impopularidade, un demagogo, un sectario.

A súa incapacidade para o diálogo, a súa ferreña actitude en manter sen discusión determinas reformas, as súas altivas e displicentes maneiras están mesmo alporizando a sociedade francesa. As folgas espállanse por todo o país e por varios sectores, incluídos o sistema de transportes, as refinerías e os estudantes.

Nos medios xa se fala dun novo maio do 68, se ben as situacións distan moito de ser semellantes, agás na súa gravidade. O Goberno non soubo explicar ben as medidas restritivas sobre as pensións. Por iso a sociedade non as entende.

Hai sen dúbida unha violencia de actitudes que xorde da posición inicial do Goberno. Pero aquí é onde está a gravidade da situación: que en calquera momento, se  estima popular a medida, o hiperactivo presidente pode facer uso da forza sobre bases “democráticas e constitucionais”. Medida que neste intre seguro que está calculando en votos.

Sempre hai marxe para a negociación. Por máis que Sarkozy suxira que nada hai que negociar.  A súa teoría é que os socialistas e a esquerda en xeral son os causantes do malestar popular do país, o que xustificaría o uso da forza para restaurar a orde. Supoño que o pensará dúas veces, por moito que lle tería gustado demostrar a súa autoridade –o seu autoritarismo conxénito.