O informe dos sabios

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O cacarexado informe dos “sabios”, encomendado polo Consello Europeo a unha ducia de personalidades –baixo a presidencia de Felipe González-, vén  soster, conforme informou a prensa, que a UE só se pode salvar apostando pola enerxía nuclear, renuncia ás xubilacións anticipadas, cambio da política migratoria e impulso da investigación.

Queda fóra do dito o que para nós é o máis importante: o non superado nacionalismo europeo, do que tanto saben Sarkozy, Merkel e os demais dirixentes políticos nosos –o recente caso de Grecia é un bo síntoma do grave que pode ser o nacionalismo miope deses dirixentes.

Nin unha palabra sobre a urxente necesidade dunha política europea común que nos permita encararnos cos graves problemas –o grego, entre outros- con axilidade. Un grave problema moi ben sinalado por Paul Krugman nun recente artigo e que, para os tales “sabios”, como se non existise.

Preocúpalles máis que se poñan dificultades a Turquía para a súa entrada na UE, aínda que non cumpra coas mínimas esixencias democráticas, dirixíndolle a Francia e a Alemaña unha roñadela polas dificultades que lle poñen. Tampouco parece importarlles moito a abafante burocracia de Bruxelas, sen que fagan a menor suxestión para que nos poidamos  liberar dese pesadelo.

Ou sexa, o parto dos montes. E iso despois de ano e medio de meditacións e de axudas e colaboracións que se subliñan ao longo das dúas páxinas finais do informe. Claro que son graves os temas que tratan, pero os que sinalamos son, case sempre, causa ou orixe de todos eles.