Sarkozy revírase

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Conforme Sarkozy baixa en popularidade (a súa aceptación polos franceses ao día de hoxe anda entre o 25 e o 30  por 100) máis rufo se pon e máis disposto se mostra á agresividade. Boa proba é o seu recente discurso en Seine-Saint-Denis co gallo do 150 aniversario da unión de Saboia a Francia. As recentes revoltas alí habidas reduciunas tan só a un caso de seguridade. As demais cuestións, socias e económicas, nin sequera as nomeou.

O recurso, unha vez máis, á total prohibición do pano islámico (niqab) conseguiu alporizar a uns e a outros, de maneira que o renacido Villepin (hoxe con máis aceptación que a do presidente da República, se ben illado politicamente) criticou, con razón, a tendencia deste ás provocacións.

E acertou ao suxerirlle que ningunha reforma que leve a unha prohibición xeral semella coherente coas necesidades do país, podendo resultar pouco práctico lexislar dende a paixón e a emoción –sen esquecer que a proposta, tal como se fai, podería ser inconstitucional.

Nos casos de absentismo escolar inxustificado –o que non é nada novo, ao menos dende 1959- ameazou aos pais dos alumnos con cancelar sistematicamente certas prestacións sociais, ameaza que, ao parecer, non foi mal recibida polos franceses afectados. O que non deixa de ser unha proposta tan teatral como oca.

Un diría que Sarkozy quere demostrar que non ten medo dos problemas e por iso máis se revira canto máis grandes son os que lle veñen enriba. Pero, ao mellor, é unha maneira de ocultar que xa empezan a ser moi difíciles de aturar.