Paradoxos da “economía social de mercado”

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

En plena controversia sobre a reforma laboral, a UE non ten claro como obter o equilibrio entre as políticas do mercado único e a harmonización dos mercados laborais, mentras prepara unha nova normativa que debe estar lista en 2011. Como case sempre, as realidades e os intereses de tódolos membros da UE son diverxentes, e nesas diferencias aparecen as ocasións para os oportunistas.

O tribunal europeo de xustiza, moitas veces valedor dos sincronismos e da harmonía entre os moitos estados da unión, desta vez, non contribuíu a solventar as diferenzas senón que fomentou o debate e a discusión. A polémica comeza cando en 2007 e 2008, o tribunal en base a liberdade de mercado no espazo da Unión -no contexto da Directiva sobre o desprazamento de traballadores efectuado no marco da prestación de servizos (Directiva 96/71/EC)- emitiu unha sentenza sobre o “caso Viking” na cal os sindicatos non podían acceder ó dereito a folga contra as compañias que efectuaban deslocalizacións dun estado membro a outro, debido ás diferenzas salariais. Mentres noutro caso, o “caso Laval”, suxería que os sindicatos non podían forzar ás compañías foráneas a obrigarse segundo os convenios salariais locais. Constitúe por tanto unha excepción á “Convención sobre a lei aplicable ás obrigas contractuais de 1980”, que normalmente require que os traballadores estean protexidos pola lei do país no que traballan.

O gran debate é unha vez máis, saber se a UE é un clube económico que se pon ao lado do beneficio das compañías facilitándolles o mellor contexto para obter beneficios, o que así parece, ou clube político que garante un mínimo de protección social en tódolos recantos do espazo europeo, sen producir desagravios e dumping social. Ate o momento, percíbese pouca afinidade entre os intereses ca Comisión Europea, e os representantes dos traballadores.

Na base subxacen os contrastes moi importantes de Estado a Estado. Non se trata de que todos teñamos os mesmos salarios nos catro puntos cardinais de Europa a curto prazo, nin o mesma seguridade social, o que por outra banda sería ideal se o grao de protección é cualitativamente positivo. Ben entendemos que os salarios, os niveis de protección, e os graos de competivividade das diferentes economías, depende de factores históricos, culturais e naturais, e que ate o momento non foron tratados de forma honesta para atenuar esas diferenzas, nin polos estados membros nin pola Comisión Europea. Mais ben todo o contrario, elimináronse as barreiras e fiscais para atraer investimentos, e de forma distinta en cada estado membro, sen crear harmonía fiscal. Non obstante non é de recibo deslocalizar exclusivamente por razóns de custes salariais, nin levar os teus traballadores a outro país con custes locais para ser competitivo. O mercado único debe vir acompañada de un mínimo de uniformidade no tocante á protección social e laboral, porque senón só serve de apoio ao racismo e aos listos de quenda que se aproveitan das regras. Sen contribuír ao fortalecemento do proxecto continental.

A Comisión, e as institucións comunitarias seguen aínda máis próximas das grandes corporacións empresariais, que das economías febles de Europa e dos seus traballadores, parecen insistir en propoñer normativas máis próximas aos desexos de BusinessEurope (un lobby empresarial europeo), que en atender ás demandas dos sindicatos que acusan á Comisión de promover dumping social atacando os dereitos sociais. E ese non é o camiño para combinar ambas solucións, a social e a económica. A Comisión antes de que o Tribunal Europeo de xustiza emita novas sentencias que creen precedentes xurídicos, insiste en saír adiante cunha nova directiva que mellore a interpretación da lei Europea no mesmo sentido que ate agora.

En definitiva, o que queda claro é que dereito das empresas a moverse libremente no mercado interior da comunidade parece estar por enriba do dereito á folga, permitindo abusos tales como, compañías que non teñen actividade no país de orixe, pero aproveitan as condicións favorables no seu país natal para extrapolalas ás actividades que realiza noutro estado, o uso de cadeas de subcontratación onde non se coñecen responsables nin normas aplicables, etc. Para solucionar estes problemas disque se agarda unha nova proposta en 2011, que poida mellorar a “economía social de mercado”, que é un dos obxectivos do tratado de Lisboa. Non embargantes parece máis doado dar con solucións favorables para o mercado, que para a protección social.