Réchauffage Français

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

As elección rexionais francesas que tiveron lugar o 14 e o 21 de marzo a dúas voltas, renovaron os 25 consellos rexionais e a Asemblea corsa. Ao fío deste acontecemento, una serie de feitos e consecuencias poden ser extraídas, e van a tomar corpo durante os vindeiros días. En primeiro lugar é remarcable o grao de abstención, ate o punto de que os abstencionistas serían un grupo maioritario de indiferentes o que dá pe a establecer o binomio inacción=protesta.

En segundo lugar, o feito de que exista tanta abstención so pode ser entendido como que ou ben o público non entende a importancia destes comicios, cren que son uns comicios  menos relevantes que os estatais e presidenciais, non perciben o rol e a importancia que as rexións pouco a pouco toman na política interna e no artellamento social francés, e en definitiva, non se identifican coa división administrativa do estado francés.

En terceiro lugar, a baixa participación nesta convocatoria, implica unha maior relevancia de forzas extremistas coma a Fronte Nacional de Le Pen, que contaban con menos presenza dende as últimas eleccións.

Por outra banda, e en cuarto lugar, semella que nos patróns que se seguen nas eleccións rexionais e nas europeas, existe un voto de protesta contra a presidencia e o goberno presente. Por iso as taxas de voto para os partidos de esquerda son máis favorables que para UMP, é dicir, partido de centro-dereita sobre o que se asenta a actual presidencia e o goberno.

A UMP fagocitou tódalas alternativas de centro dereita que servían de alternativa para formar unha coalicións nestas rexións, co cal o partido Socialista que controlaba 20 de 22 rexións extende o seu control rexional a 23 de 26 rexións. Polo tanto a esquerda será liderada polo PS en coalición na maioría dos casos coa Fronte de Esquerda (alianza do PCF e do Parti de Gauche) e os ecoloxistas.

En quinto lugar, os resultados da dereita gardando ao seu favor  un área metropolitana, Alsacia, lles permitiría aos seguidores de Sarkozy dicir que os resultados son menos malos do que se agardaban. Pero en realidade os resultados son tan pobres, e era unha crónica tan anunciada, que xa antes de coñecer os resultados finais o presidente fixo un amago de reforma do seu equipo para demostrar que escoitaba os descontentos.
Os plans presidenciais para seguir adiante coa reforma do sistema de pensións antes do fin de ano, van ter que esperar. E con esta derrota tamén será máis complicado enfrontarse aos poderosos sindicatos do sector publico, mentras busca reducir o enorme déficit fiscal do 8,2% do PIB.

A participación foi superior na segunda volta, pero de pouco serviu. A remodelación do goberno xa foi publicamente anunciada na maña do luns 22, e os movemento dos descontentos dentro da UMP xa se deixan sentir. A preocupación polo desemprego, a inmigración e a reapertura do debate sobre a identidade nacional, a seguridade, os resentimentos polos rescates bancarios e os altos salarios dos executivos aumentaron as críticas contra Sarkozy. Os chiraquistas, os centristas, e os villepenistas pretenden pasar   factura ao presidente. Un presidente que segue mantendo a fama de amigo dos ricos, cunha popularidade en caída no medio do seu mandato o que se suma á crise do centro dereita en xeral.

Dominique de Villepin, de xira por China, despois de toda a revoltura levantada polo “affair Clearstream”, vai dar unha rolda de prensa o xoves 25. É o momento de saldar contas pendentes co presidente e relanzarse na candidatura presidencial para 2012. Para amolalo, na inmediata remodelación do goberno xa se lle propuxo entrar a un próximo de Villepin, Georges Tron.

O antigo primeiro ministro xa viu cómo o distanciaban dun antigo colaborador, Bruno Le Maire, nomeado secretario de Estado para os asuntos europeos antes de ser promovido para ministro de agricultura. A estratexia de contención dos colegas de partido de Sarkozy, deu resultado polo de agora. Trátase dunha estratexia de inclusión dos críticos dentro do equipo de goberno. A cuestión é saber ata cando poderá controlar todo o aparato e coñecer as concesións a cambio.