A desilusión Obama

En EEUU, os resultados dos comicios a metade do mandato, considerados como un referendo sobre a administración Obama, amosaron que boa parte do electorado perdeu a confianza no presidente e as súas políticas. A pesar da asignación de 800.000 millóns de dólares no plan de estímulo, Obama non logrou recuperar a economía, nin librala da ameaza de tocar fondo de novo.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

En EEUU, os resultados dos comicios a metade do mandato, considerados como un referendo sobre a administración Obama, amosaron que boa parte do electorado perdeu a confianza no presidente e as súas políticas. A pesar da asignación de 800.000 millóns de dólares no plan de estímulo, Obama non logrou recuperar a economía, nin librala da ameaza de tocar fondo de novo. O desemprego mantense preto do 10 por cento e o número de parados supera os 15 millóns, con 1,3 billóns de déficit financeiro e 14 billóns de dólares en débedas, por non falar da drástica redución de ingresos, a insolvencia das hipotecas inmobiliarias e a baixa no nivel de vida. Certo que Obama deu prioridade á reforma sanitaria, garantindo a asistencia a 40 millóns de estadounidenses. Sen embargo, os seus esforzos non deron resultados inmediatos, agravando o déficit. Os estadounidenses logo esqueceron que a crise foi obra dos republicanos. 

Noutra orde, Obama retirou as tropas de combate de Iraq, se ben alí seguen indefinidamente decenas de miles de militares estadounidenses. Co envío de máis reforzos militares, a guerra de Afganistán converteuse na “guerra de Obama”. Non houbo progresos na resolución dos litixios nucleares con Irán e Corea do Norte, nin nas negociacións en Oriente Medio. A súa postura conciliadora cos países musulmáns foi obxecto de críticas da oposición republicana amosando os prexuízos de credo que abrigan moitos estadounidenses.

A vitoria opositora demostra que o electorado está extremadamente decepcionado cos demócratas. Ese descontento facilitou o robustecemento do ultraconservador Tea Party, partidarios de reducir o tamaño do goberno federal e o seu orzamento, baixar os impostos e opoñerse á intervención gobernamental, medidas incluídas no programa dos republicanos. 

A Obama quédanlle dous anos para recuperar popularidade. Co control do Congreso pola oposición e cunha exigua maioría no Senado, afronta unha situación particularmente difícil. As súas principais reformas teñen agora menos posibilidades de saíren adiante e por iso non cabe agardar del unha persistencia extenuante que podería encallar cunha oposición pechada en banda. O ton de Obama deixa entrever a posible escolla dalgunhas propostas dos seus rivais para adaptalas e levalas á práctica no marco dunha actitude de man tendida que podería permitirlle remontar esta derrota nas presidenciais de 2012.

En suma, estas eleccións midterm non comprometen de todo a reelección de Obama, pero ben que entorpecen as súas reformas.