Bhopal

Un tribunal de Bhopal, na India, recoñeceu culpables a sete hindús imputados de  “morte por neglixencia”. Eran xulgados pola súa responsabilidade na catástrofe de Bhopal, acontecida en 1984, cando unha nube de gas tóxico escapou dunha fábrica de pesticidas estadounidense, Union Carbide, provocando milleiros de mortos (3.500 segundo un primeiro balance oficial, 20.000 segundo outras fontes) e medio millón de lisiados. Un cuarto de século despois do desastre, o lugar aínda non foi descontaminado nin o incidente adecuadamente investigado (din que os sistemas de seguridade estaban desactivados para aforrar custes). Os superviventes e os seus fillos, arredor de 100.000 persoas, padecen as secuelas na súa saúde sen recibir os coidados necesarios. Incluso agora nacen bebés con malformacións e as aguas seguen contaminadas. Moitos seguen agardando as compensacións.

Os condenados, a dous anos de prisión e multas de escasa contía (algo máis de 2.000 dólares), axiña foron liberados baixo fianza. A empresa recibiu unha multa por valor de dez mil dólares e o ex-presidente de Union Carbide, Warren Anderson, non figura entre os condenados. Anderson fuxiu ao pouco de ser arrestado tralo pago dunha fianza e todo apunta a que se refuxia en EEUU, sen que ninguén en Nova Delhi movese un dedo nunca por asegurar a súa extradición de forma efectiva. Ningún estranxeiro foi condenado, todos eles eludiron a xustiza.

A sentencia evidencia as miserias da administración xudicial na democrática India e constitúe toda unha mofa aos familiares das vítimas. O xuizo iniciouse en 1987. Pasaron 23 anos ata chegar a esta sentencia, unha dilación probablemente intencionada á espera de que se consumaran a maioría das mortes posibles polos efectos do escape de gas. Ata así de fríos deben ser botando as súas contas. Todo a prezo de saldo.

As feblezas do sistema xudicial e a insensibilidade da clase política, claramente comprometida cos intereses de Union Carbide, conforman as claves da neglixencia criminal dunhas autoridades corruptas ata a medula (en novembro pasado tencionaban aínda abrir a planta para demostrar que era segura, pero botáronse atrás). Non só se trata dos tribunais de Bhopal (capital dun dos estados máis pobres da India) senón da propia Corte Suprema, que en 1996 reduciu os cargos contra os acusados, predispoñendo este resultado.

O fallo, con todo, é máis ca un escándalo maiúsculo. En vez de servir de escarmento para que as empresas perigosas adopten medidas de seguridade apropiadas e valoren e protexan as vidas dos seus traballadores e o entorno circundante, alenta a impunidade máis repugnante. Con seguridade, as aves do Golfo de México que padecen as consecuencias da neglixencia de BP sentiranse moito máis protexidas ca estas persoas, vítimas agora dunha vomitiva e inmoral burla xudicial. Tamén estas empresas deberían comparecer ante un Tribunal Penal Internacional. ¿Como crer na xustiza? Os gobernos deberían actuar, o de India e de EEUU, en primeiro lugar.