Temperando gaitas

O cumio de Seúl evitou o risco de ruptura do tradicional consenso que prevalece entre os seus integrantes nun momento en que a crise exacerba as rivalidades económicas (Norte-Sur) e monetarias (guerra entre o dólar, o euro e o yuan). As institucións internacionais (FMI, BM, OMC, OCDE, etc.) tentan convencer aos Estados da necesidade de evitar que cada un vaia pola súa conta, pero a propia OMC lembraba nun informe publicado o pasado 4 de novembro sobre o proteccionismo nos países do G20 que soamente o 15 por cento das medidas comerciais restritivas introducidas polos países a raíz da crise, foran suprimidas.

Os retos do G20 son coñecidos: consolidar a recuperación económica e superar os problemas que afectan ao desenvolvemento mundial, fortalecer a coordinación das políticas macroeconómicas, afrontar as reformas do sistema financeiro internacional, superar os desequilibrios Norte-Sur para cumprir cos Obxectivos do Milenio e conter o proteccionismo comercial impulsando a Ronda de Doha. Unha axenda en extremo complexa para un organismo que segue inmerso na ambigüidade, a medio camiño entre a concepción dunha entidade de emerxencia e a demanda dun corpo de gobernanza global cun horizonte de longo prazo.

As tensións entre China e EEUU que planearon sobre o encontro non podían resolverse strictu sensu neste marco pero tampouco empeoraron. O G20 contribuíu a suavizar a guerra de divisas, agudizada en vésperas do cumio pola decisión da Reserva Federal de inxectar 600 mil millóns de dólares no circuíto económico e recomprar outro equivalente de obrigacións do Estado nos próximos 8 meses, irritando a Pequín, Berlín, Brasilia ou Ankara. Cómpre lembrar que nos días previos, na reunión ministerial do G20, logrouse un acordo importante sobre a reforma do sistema de goberno do FMI e notables progresos en torno ao debate monetario, incluíndo o rexeitamento das medidas de depreciación competitiva das moedas. Pero o auténtico reto do G20 radica no establecemento dun sistema de taxa cambiaria multilateral que transcenda a definición da taxa de cambio estatal, hoxe no marco do ámbito soberano.

A salvo do debate sobre lexitimidades e competencias, o formato do G20 segue a cabalo entre a vontade de influír nas grandes economías en auxe para que acepten de novo o liderado de EEUU e a UE, e a necesidade de asentarse como plataforma para reconciliar as demandas dos países desenvolvidos e as nacións emerxentes. Este pulso vaise manter e todo parece indicar que os emerxentes, decepcionados pola irresponsabilidade e avaricia dos países ricos, non van seguir ao pe da letra as prédicas dun mundo desenvolvido abocado a aceptar o remate daquela época en que ditaba as súas condicións urbi et orbe. O mundo non volverá a ser o mesmo despois da crise financeira de 2008.

No fondo, todas as tensións actuais son o espello dun contencioso mais amplo, cifrado na disputa polo liderado do século XXI. Seúl só chega a temperar gaitas para evitar desbordamentos incontrolados en tanto non se definen de todo os contornos do novo sistema de poder global.