Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Acto cívico en Baiona
 
 
Acto cívico en Baiona
Xosé Luís Franco Grande (La Voz de Galicia, 03/01/2011)
 
 

O día 7 deste mes, o venres que vén, celebrarase un acto cívico nun hotel de Baiona, baixo os auspicios do IGADI, en homenaxe e en lembranza de Fernando Pérez Barreiro-Nolla, galego da diáspora, exemplo de galego universal, home de raíz na terra e mente en moitas culturas do mundo.

Home de gran vocación e experiencia internacional, puxo todo o seu saber, que era moito, e toda a súa cultura, que era moi sólida e moi variada, ao servizo da proxección exterior do noso país, consciente de que sen esta non seriamos máis que un pobo mancado e sen porvir.

Xunto con Xulio Ríos foi moito o empeño que puxo nun libro branco da política exterior galega, nas posibilidades da nosa diáspora, na proxección, en xeral, do noso país no exterior. Sentiuse ás veces decepcionado pola pouca sensibilidade das autoridades galegas nestas materias; pero seguiu sempre adiante sen vagar.

Fernando axudou de maneira decisiva no IGADI a que hoxe Galicia conte en foros e organismos internacionais. Ningún outro organismo galego, nin a Xunta, nin a Academia Galega, nin ningunha das nosas universidades, fixo nada en comparanza con aquel pola nosa proxección exterior.

Na liña internacionalista de Plácido Castro desenvolveu unha notable actividade para dar a Galicia unha dimensión da que carecía, en realidade facendo un labor que correspondería aos nosos ensimesmados políticos, que aínda hoxe semella non se teren decatado das ricas posibilidades da nosa proxección exterior.

 

Xosé Luís Franco Grande é escritor.

 
 
 
04/01/2011 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.gal
http://www.igadi.gal/artigos/2011/xfg_acto_civico_en_baiona.htm