Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
2011-2020: unha década clave para América Latina
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 12/01/2011)

Versión para imprimir

 

Enmarcada nun prolongado período de celebracións dos Bicentenarios das súas independencias, coa perspectiva doutro novo ciclo electoral e unha dinámica de procesos de integración, América Latina apréstase a transitar nunha nova década onde ansía alcanzar diversos logros de desenvolvemento e consolidar unha identidade común.

A década 2000-2010 trazou un novo momento para América Latina, coa elección popular de gobernos dende a esquerda en Venezuela, Brasil, Uruguai, Bolivia, Nicaragua, Ecuador, Paraguai e O Salvador, entre outros, outorgando un inédito matiz político na rexión. Estes cambios políticos progresistas confirman a vocación democrática hemisférica, tanto como sentou as bases dun proceso de integración plenamente autóctono baixo novas estruturas (UNASUR, ALBA), con maior dinamismo que os marcos de integración xa establecidos, como os casos de MERCOSUR ou Comunidade Andina de Nacións.

No contexto global, a inserción exterior latinoamericana, principalmente baixo o impulso de Brasil e Venezuela, determinou un maior peso da rexión nos foros internacionais e na concreción de novas estruturas emerxentes (BRIC, IBSA, etc). Deste modo, a imaxe do “patio traseiro” de Washington comezou a esvaecerse a cambio da afirmación dun Sur en ascenso.

Inevitablemente, o mapa do decenio anterior influirá no período 2011-2020. Imporanse a ampliación dos marcos de participación política dende diversos sectores sociais, que permitirán calibrar a calidade democrática rexional dentro dun escenario non exento de riscos derivados da confrontación socioeconómica e das tentacións personalistas e populistas.

A loita contra a pobreza e as desigualdades sociais permitirán igualmente calibrar a fortaleza do Estado, da sociedade civil, dos actores políticos e económicos e da eficacia dos procesos de integración hemisféricos, ante necesidade de superar problemas máis agudos como a criminalidade, o narcotráfico ou a alza do armamentismo rexional. Un escenario tamén determinado polo impacto da crise económica global no contexto latinoamericano para os próximos anos, principalmente nunha rexión caracterizada pola produción de materia primas.

Un novo ciclo electoral

Deste modo, o 2011 continuará un ciclo electoral aberto dous anos antes que, momentaneamente, rematará no 2012 en países clave como México e Venezuela. Baixo este contexto, a rexión pode experimentar nos próximos anos determinados e significativos cambios políticos, como o retorno ou incluso a consolidación dun novo perfil conservador e da centrodereita, tal e como aconteceu recentemente en Panamá, Chile e Colombia.

Estes próximos escenarios electorais xa están en marcha. Perú, un dos países latinoamericanos con maior crecemento económico nos últimos dous anos, acudirá ás urnas en abril para elixir unha presidencia enmarcada polo posible retorno de liderados do pasado: o ex presidente Alejandro Toledo, Keiki Fujimori, filla do ex mandatario agora en prisión; e a variable populista personificada no ex coronel Ollanta Humala.

Pola súa banda, Guatemala elixirá presidencia en setembro próximo, coa posibilidade dunha nova dupla matrimonial no poder a través de Sandra Torres, esposa do actual mandatario Álvaro Colom. Un caso similar á da Arxentina post-Kirchner, que celebrará comicios presidenciais en outubro como proba de alto nivel para a actual mandataria Cristina Fernández de Kirchner, quen está logrando capitalizar política e electoralmente ao seu favor a actual conxuntura arxentina. Finalmente, Nicaragua acudirá en novembro a unhas eleccións clave, derivadas da polarización existente ante a perspectiva dun novo período para o sandinismo de Daniel Ortega.

O peso de Brasil

Pero o liderado indiscutible a nivel latinoamericano seguirá estando en mans de Brasil, cuxa emerxencia determinará unha nova pauta a nivel global e, no caso hemisférico, co respecto a EEUU.

O Brasil post-Lula en mans da actual mandataria Dilma Rousseff definirá un perfil máis tecnócrata e menos carismático pero que inevitablemente consolidará o cada vez máis decisivo peso de Brasilia no contexto latinoamericano e o seu ascenso a nivel global, en perspectiva de cara á celebración de sendos eventos deportivos: o Mundial de Fútbol 2014 e os Xogos Olímpicos de 2016. Un escenario se ben ascendente pero que deberá pulsarse ante o ineludible reto de superar a pobreza e desigualdades socioeconómicas existentes, así como unha sociedade politicamente mais madura, con maiores demandas e marxes de participación.

Se ben o prisma brasileiro seguirá orientando, en gran medida, a evolución latinoamericana no próximo decenio, non será o único actor e escenarios a tomar en conta. O próximo decenio marcará a evolución decisiva da Cuba post-Fidel, toda vez que a polarizada revolución de Chávez en Venezuela ou a andaina da Bolivia indixenista e “refundada” por Evo Morales afrontarán novos retos e escenarios que medirán, unha vez mais, a consolidación dos seus respectivos liderados e procesos de cambio.

Problemas crónicos como a criminalidade e a seguridade cidadá imporán o seu peso nas axendas políticas dos respectivos gobernos latinoamericanos. Compre considerar se é factible observar unha eventual e incerta pacificación post-guerrilleira en Colombia, toda vez se imporán outros retos, máis agudos, derivados do rol do narcotráfico e das bandas criminais en México e América Central.

América Latina sorteou con notable desempeño o impacto da crise económica global, pero os desafíos políticos para o próximo decenio definirán outros retos ineludibles, basicamente orientados cara a estabilización dunha democracia con equidade e inclusión social.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/12/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta