A xeopolítica da “primavera árabe”

A rebelión popular acaecida a comezos de 2011 en Tunisia, que acabou coa autocrática presidencia de Zine El Abidine Ben Alí, está reproducindo os seus efectos na veciña Exipto, sacudida desde o pasado 25 de xaneiro por unha vaga interminable de protestas populares que colocan nunha delicada posición ao seu octoxenario presidente Hosni Mubarak, no poder desde 1981.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

A rebelión popular acaecida a comezos de 2011 en Tunisia, que acabou coa autocrática presidencia de Zine El Abidine Ben Alí, está reproducindo os seus efectos na veciña Exipto, sacudida desde o pasado 25 de xaneiro por unha vaga interminable de protestas populares que colocan nunha delicada posición ao seu octoxenario presidente Hosni Mubarak, no poder desde 1981.

Se ben os actuais acontecementos en Exipto supoñen a maior contestación social e a peor crise política para Mubarak, estes non exactamente sentenciarían a definitiva caída do seu réxime. Ante isto, a actual rebelión exipcia semella manter contornos similares á presentada en Irán en 2009, tras unha eleccións presidenciais consideradas pola oposición iraniana e Occidente como presuntamente fraudulentas.

Independentemente do que suceda en Exipto, o escenario actual aborda un inédito mapa xeopolítico no Magreb, na zona mediterránea e en Oriente Próximo, impulsado por un explosivo cóctel de crise económica, frustración social ante a falta de perspectivas profesionais e demandas de apertura política. Albania viviu fortes protestas pola alza de alimentos, colocando nunha delicada posición ao goberno de Alí Berisha.

Igualmente, Alxeria, Iemen e Xordania presentaron protestas nas rúas, que incluso deron paso á súbita remoción do goberno xordano e ás promesas do mandatario iemenita de non presentarse á reelección. Deste modo, a faísca contestataria pode igualmente espallarse cara o Magreb, o Golfo Pérsico e, incluso, Paquistán, escenarios sumamente estratéxicos para os intereses europeos e estadounidenses.

Estamos así presenciando a “primavera democrática árabe”?. En principio, resulta evidente que os cidadáns árabes comezan a perder o medo ao poder represivo, demandando unha necesaria apertura democrática. O exemplo tunecino convértese nunha referencia ata agora impensable no mundo árabe, así como nun escenario rexional aparentemente indescifrable para EEUU e a Unión Europea, incapaces de reaccionar cun peso político decisivo e, incluso, adoptando contraditorias posicións sobre os cambios que están acontecendo nesa rexión. 

Se a rebelión popular exipcia finalmente acaba co réxime de Mubarak como sucedera en Tunisia con Ben Alí, a súa caída suporía un golpe estratéxico para Occidente e Israel, que observan a Exipto como un aliado xeopolítico e militar de gran importancia dentro do mundo árabe, así como un actor clave para repeler o ascenso político e electoral do islamismo. Deste modo, o réxime de Mubarak veríase seriamente obstaculizado para renovarse nas mans do seu fillo Gamal Mubarak, de 47 anos, de cara ás próximas eleccións presidenciais pautadas para setembro, dando paso a unha transición igualmente complexa, similar á tunecina.

Un eventual Exipto post-Mubarak sacudido por unha rebelión popular co mais que probable apoio do poderoso estamento militar exipcio, podería converterse nunha referencia ineludible noutros contextos como Alxeria, pero con posible menor impacto en Libia ou Marrocos, tomando en contra a aínda sólida lexitimidade popular e control político por parte dos seus respectivos gobernantes, o libio Muammar Gadafi e o monarca marroquí Mohammed VI. 
Pero probablemente é en Oriente Próximo onde se observarían os maiores efectos dun eventual triunfo das revolucións tunecina e exipcia. Baixo diversos parámetros, Xordania e os territorios palestinos podería presenciar importantes protestas populares. Pola súa banda, Israel perdería en Mubarak a un aliado estratéxico dentro do mundo árabe, tomando en conta que Exipto foi o primeiro país árabe en recoñecer en 1978 a existencia do Estado israelí.

O aliñamento entre Tel Aviv e O Cairo permite unha contención xeopolítica clave ante a eventual influencia iraniana en Oriente Próximo, así como de cara a repeler o accionar dos movementos islamitas, como o palestino Hamas. Outro caso é Occidente, sorprendido polos acontecementos en Tunisia e Exipto: EEUU e Europa tentan subitamente desmarcarse de réximes autoritarios aliados, incluso tentando moderar as súas respectivas transicións a través de actores políticos como o ex Premio Nobel exipcio Mohammed ElBaradei.

Pero a dinámica dos cambios no mundo árabe pode anunciar escenarios inesperados (ou incluso indesexables) para os intereses occidentais, en especial ante a perspectiva de ascenso do islamismo político. Se ben no caso exipcio non semella clara a fortaleza de ElBaradei como líder da rebelión contra Mubarak, o seu novo escenario político podería identificar o ascenso e popularidades do ilegalizado movemento dos Irmáns Musulmáns como actor político clave na transición, un aspecto que podería reproducirse noutros países árabes. Incluso, Turquía, gobernada por un partido islamita moderado como o AKP, tenta influír no escenario xeopolítico demandando unha transición pacífica en Exipto.

Tal e como ocorrera coa infrutuosa rebelión iraniana de 2009, as actuais revolucións tunecina e exipcia permiten igualmente ilustrar a influencia das redes sociais (Twitter e Facebook) e da telefonía móbil á hora de capitalizar as protestas. Pero  resta observar se Tunisia e, eventualmente, Exipto continuarán a vaga de rebelións populares que anteriormente acabaron con réximes autoritarios en Serbia (2000), Xeorxia (2003), Ucraína (2004) e Quirguizistán (2005 e 2009). En todo caso, as sociedades árabes están presenciando unha necesaria (e inevitable) primavera política.