Libia, Siria, Iemen… responsabilidade de protexer?

A ampliación por tres meses máis da misión da OTAN en Libia mentres se intensifica o apoio occidental aos rebeldes, co pretendido obxectivo de acabar co réxime de Muammar al Gadafi, contrasta notoriamente co silencio e a inacción internacional ante a crise iemenita, trala abrupta saída do poder do seu presidente Alí Abdulá Saleh e a posibilidade de renovación da guerra civil, así como da brutal represión do presidente sirio Bashar al Asad contra as protestas neste país, con estimacións dun milleiro de mortos.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

A ampliación por tres meses máis da misión da OTAN en Libia mentres se intensifica o apoio occidental aos rebeldes, co pretendido obxectivo de acabar co réxime de Muammar al Gadafi, contrasta notoriamente co silencio e a inacción internacional ante a crise iemenita, trala abrupta saída do poder do seu presidente Alí Abdulá Saleh e a posibilidade de renovación da guerra civil, así como da brutal represión do presidente sirio Bashar al Asad contra as protestas neste país, con estimacións dun milleiro de mortos. 

Precisamente, Libia, Siria e Iemen supoñen unha alteración significativa da evolución, aparentemente pacífica e democrática, da denominada “Primavera árabe” que en xaneiro e febreiro pasado acabou coas presidencias autocráticas de Ben Alí en Tunisia e Mubarak en Exipto. En Libia, a ONU activou sen paliativos e de forma inmediata a controvertida prerrogativa de Responsabilidade de Protexer, a fin de evitar unha presunta represión por parte de Gadafi contra os civís e rebeldes. Paralelamente, a OTAN iniciaba unha operación militar que, tres meses despois, apréciase atascada, dando paso á materialización dunha división de feito nese país, sen visos a curto prazo de desmantelar o réxime.

A diferenza de Libia, nin a ONU nin a OTAN fixeron causa común para deter a desproporcionada e brutal represión en Siria nin os fortes enfrontamentos en Iemen, que levaron a caída dun novo presidente árabe. En ambos casos, a represión contra a poboación civil foi tan notoria como o silencio occidental ante a represión gobernamental en Bahrein en febreiro pasado, e que contou coa cooperación dun aliado enerxético occidental como Arabia Saudita. En ningún destes casos, a Responsabilidade de Protexer apareceu como argumento clave para dar curso a unha intervención internacional contra os seus respectivos réximes.

A diferenza do que sucedeu en Iraq en 2003, ninguén dubida da legalidade imposta pola ONU para intervir en Libia a través dunha zona de exclusión aérea que, en ningún caso, estipulaba unha intervención militar do calibre que se observa na actualidade. Cuestionable pode ser a activación dunha Responsabilidade de Protexer contra presuntos crimes cometidos por Gadafi contra a súa poboación civil, tanto como resulta pouco fiable o apoio outorgado por Francia, Gran Bretaña e EEUU a unha plataforma de rebeldes libios como “autoridade lexítima” nese país.

No caso sirio, a represión de Bashar al Assad só provocou unha inicial condena do Consello de Seguridade da ONU, mentres en Iemen os temores occidentais se centran na inestabilidade e posible reactivación da guerra civil entre clans e comunidades étnicas, onde o islamismo yihadista salafista podería aproveitar a conxuntura para tomar o poder. Sería, entón, o único caso no mundo árabe e musulmán no que o integrismo salafista defendido por Al Qaeda, puidera achegarse ao poder, curiosamente nunha conxuntura materializada polo asasinato do seu líder Osama ben Laden en Paquistán, e a percepción de debilitamento da súa rede terrorista.

O secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen, pedía esta semana un “maior compromiso” dos socios da alianza atlántica para “repartir a carga militar” en Libia. Pero dificilmente Occidente logrará reverter ao seu favor o curso da crise no mundo árabe, nin tampouco equilibrar a incerteza dos cambios que esperan na rexión. Tampouco semella que as transicións políticas na rexión consideren escrupulosamente os intereses occidentais: o novo goberno exipcio post-Mubarak, que busca lexitimarse a través dunha reforma constitucional, comeza a orientar unha posición máis pro-palestina que modifica sensiblemente o mapa xeopolítico rexional, en especial de cara aos intereses de Israel e EEUU. Consecuencias imprevistas da cuestionable activación da Responsabilidade de Protexer.