Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
O labirinto de Evo
Roberto Mansilla (igadi.gal, 18/10/2011)

Versión para imprimir

 

A preponderancia do voto nulo, calculado nun 45%, nas inéditas eleccións xudiciais en Bolivia realizadas o pasado domingo 15 de outubro, probablemente marcarán un novo momento político no país andino, que pode interpretarse como un táctico revés para o presidente Evo Morales.

Dende diversos sectores da oposición política, que premeron a favor do voto nulo ou en branco, apresuráronse en cualificar os resultados como unha “derrota política para Evo”. Dun xeito global, os resultados non poden interpretarse literalmente como unha derrota electoral decisiva para o presidente boliviano, debido a que non estaba en xogo nin a súa popularidade (a pesar de que a mesma semella rexistrar unha sensible caída nos últimos meses) nin a hexemonía política do seu partido Movemento ao Socialismo (MAS).

Non obstante, o proxecto de reforma do poder xudicial a través da elección de xuíces e maxistrados suporía para Evo e o MAS un baluarte político clave na súa pretensión de reformular os poderes públicos bolivianos e “democratizar a xustiza”. Enmarcado nun duro pulso con diversos movementos indixenistas que preparan unha manifestación masiva cara a capital A Paz, o proceso electoral xudicial resultou sumamente confuso para a maioría da poboación, principalmente polo seu descoñecemento dos candidatos e das claves da reforma.

Cunha probablemente deficiente campaña propagandista gobernamental que certificou a escasa repercusión social sobre esta reforma xudicial, o revés electoral de Evo rememoran levemente a primeira derrota electoral sufrida polo seu homólogo venezolano Hugo Chávez no referendo de reforma constitucional de decembro de 2007.

Diversos analistas e un sector importante da opinión pública boliviana consideran que o triunfo do voto nulo nos comicios xudiciais non supoñen unha votación a favor da oposición (a pesar de que esta boicoteou publicamente estas eleccións) nin tampouco un rexeite a Evo e a súa política. Moitos consideraron que a maioría dos cidadáns bolivianos expresaron a súa opinión sobre un proceso electoral que consideraron “mal deseñado e peor administrado”, segundo diversos analistas, e que podería albiscar unha excesiva concentración do poder executivo sobre o xudicial. Velaí que un importante sector da opinión pública e, incluso, da clase política boliviana considere a anulación destas eleccións como a saída política máis viable e de consenso.

Resultados aparte, o presidente Evo Morales está confrontando un difícil mapa político desde finais de 2010, a través da potenciación de diversas protestas sociais, primeiro ante a alza dos carburantes (que o goberno finalmente deu marcha atrás) e desde setembro pasado a través de diversos movementos indixenistas amazónicos, que se opoñen á construción dunha carreteira nunha reserva natural entre os departamentos de Cochabamba e Beni, para a extracción de recursos enerxéticos e mineiros. O pasado 25 de setembro, a manifestación foi fortemente reprimida polos organismos policiais e que provocou unha protesta formal da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos.

Esta reserva natural, denominada Tipnis, está habitada por poboacións indíxenas aimaras, quechuas, yuracaré, chimanes e mojeños, que tradicionalmente subsisten das plantacións da folla de coca. Levar adiante o proxecto de extracción enerxética defendido polo goberno suporía, segundo diversos estudos, a perda dun 43% da reserva natural de Tipnis. Por tanto, o pulso entre Evo e os movementos indixenistas se concentra nun factor clave do proxecto presidencial de “refundación de Bolivia”: está en xogo a autonomía territorial das poboacións indíxenas para decidir sobre a extracción dos seus recursos naturais.

O pulso está garantido ante a masiva marcha que desde fai semanas levan a cabo os movementos indixenistas dende a zona amazónica ata a capital boliviana, a fin de esixir a anulación dun proxecto no que o presidente boliviano non semella estar disposto a ceder. Polarizar o cada vez más influente sector indixenista boliviano erosionará gradualmente a popularidade e os apoios políticos de Evo e do MAS. Velaí que o pulso cos indixenistas resulta, politicamente, máis decisivo para Evo que as fracasadas eleccións xudiciais.


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/10/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta