Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Os xiros de Humala
Roberto Mansilla (igadi.gal, 26/07/2011)

Versión para imprimir

 

De cara a asunción presidencial prevista para o próximo 28 de xullo, o futuro presidente peruano Ollanta Humala ven acelerando a constitución do seu gabinete gobernamental, tanto como impulsaba unha ampla xira rexional con claros visos de pragmatismo político.

Moitos observan nestes movementos de Humala a confirmación da súa aposta pola vía “lulista” e do centrismo socialdemócrata por riba da súa orientación nacionalista de esquerdas. A elección dun tecnócrata “neoliberal” como Miguel Castilla no ministerio de Economía, así como de Julio Valverde, membro do Partido Popular Cristiá (PPC), no Banco Central de Reserva, son factores que certificarían a disuasión de Humala de cara os sectores económicos e financeiros peruanos, cos que ven reuníndose con frecuencia nestes últimos días.

Outro cargo clave é a elección de Salomón Lerner, filósofo e reitor da Pontificia Universidade Católica de Perú, no posto da Presidencia do Consello de Ministros, cuxas funcións practicamente de primeiro ministro lle outorgarán un peso político estratéxico dentro dun gabinete de marcada tendencia centrista. Deste modo, o equilibrio político entre Humala e Lerner se anuncia como clave para garantir a estabilidade do futuro goberno peruano.

Optando polo continuísmo político e económico, Humala tenta igualmente pulsar o clima político rexional, en especial ante as especulacións e expectativas exteriores sobre cal será a súa orientación política e ideolóxica. Non estraña, por tanto, que a súa primeira escala da recente xira internacional fora Brasil, país que está chamado a ser un referente xeopolítico clave nos asuntos peruanos.

Tras Brasil, a visita a Hugo Chávez en Caracas nunha conxuntura determinada pola convalecente saúde do presidente venezolano, significa tamén unha sinal de pragmatismo con quen ven sendo un referente ideolóxico esencial para Humala, principalmente ante os temores e críticas desde diversos sectores dentro e fóra do Perú sobre a presunta conexión política e ideolóxica entre ambos líderes.

Suspicacias que se intensificaron coa visita de Humala a Cuba, país que pechaba a súa xira rexional, coincidindo co proceso de rehabilitación de Chávez, na que o próximo presidente peruano tamén se reuniu co mandatario venezolano, o seu homólogo cubano Raúl Castro e o propio Fidel. A ampla xira de Humala tamén levouno por Arxentina, Ecuador, Uruguai, Paraguai, EEUU, Colombia, Chile e Bolivia.

Pero a pesar desta sensación de pragmatismo, Humala acometerá o seu período de goberno 2011-2016 cun panorama politicamente atomizado. Paralelamente, a conxuntura social apréciase tensa, tomando en conta as recentes manifestacións populares nas rexións de Huancavelica e Puno, en contra da expansión das actividades das multinacionais mineiras e petroleiras, un escenario que pode reproducirse proximamente na área amazónica.

E nin falar da eventual presión que se impulsará dende as bases do seu Partido Nacionalista Peruano (PNP) e dos sectores indixenistas e de esquerdas que levárono á presidencia, principalmente ante a orientación económica e social dun gabinete dominado polos tecnócratas. Na inevitable nova fase política que experimentará o Perú a partir do próximo 28 de xullo, Humala deberá sortear toda serie de equilibrios para garantir unha incerta estabilidade política.


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/07/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta