Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Outro cerco para Chávez
Roberto Mansilla (A Nosa Terra, 27/05/2011)

Versión para imprimir

 

O recente anuncio do Departamento de Estado de EUA de sancionar á empresa estatal petroleira venezolana Petróleos de Venezuela (PDVSA) por “apoiar ao sector enerxético” da República Islámica de Irán, reproduce un novo escenario de tensión entre Caracas e Washington, enmarcado dentro dun amplo contexto de acusacións e presións contra o presidente venezolano Hugo Chávez.

Esta tensión non semella limitarse unicamente á polémica relación entre Venezuela e Irán, cuxa preocupación dende Washington explícase ante eventual implicación xeopolítica de Teherán no hemisferio occidental a través da súa estreita relación con Chávez. A mediados de maio, o think tank británico International Institute for Strategic Studies (IISS) publicou un revelador documento sobre os arquivos dixitais dos ordenadores capturados polas forzas de seguridade colombianas a Raúl Reyes, o ex Nº 2 da guerrilla das FARC, asasinado durante un ataque militar na fronteira entre Colombia e Ecuador en febreiro de 2008. Segundo o IISS, Chávez observaba ás FARC como “un aliado estratéxico que mantería aos militares colombianos e a EUA enfrascados nunha guerra antisubversiva”, un escenario que eventualmente “reduciría as ameazas contra Venezuela”, segundo os cálculos de Caracas.

O documento da IISS revela tamén estreitos contactos entre Chávez e as FARC, aínda que a súa repercusión estritamente oficial non está provocando actualmente ningún tipo de tensións diplomáticas entre Caracas e Bogotá (tomando en conta a actual “lúa de mel” entre Chávez e o seu homólogo colombiano Juan Manuel Santos), ou incluso Ecuador, debido ás presuntas implicacións do seu presidente Rafael Correa coa guerrilla colombiana. A diminución de tensións colombo-venezolana iniciouse a comezos de maio, cando Bogotá extraditou a Venezuela ao narcotraficante venezolano Walid Makled, quen afirmara dende a súa prisión colombiana haber subornado a funcionarios e militares venezolanos. Paralelamente, Caracas extraditou a Colombia a Joaquín Pérez Becerra, cidadán colombiano quen dirixía dende Suecia unha axencia informativa considerada polo goberno colombiano como afín ás FARC. Pérez Becerra foi detido en Venezuela a finais de abril, procedente de Alemaña.

No caso das sancións contra PDVSA polos vínculos con Irán, Washington tenta verificar ata qué punto son “estratéxicas” as relacións de Chávez con Irán, ao mesmo tempo que pulsa un escenario de tensión para medir a real capacidade do mandatario venezolano para reaccionar nun contexto aparentemente adverso. As primeiras reaccións por parte venezolana limítanse ao aspecto retórico, reaccionando contrariamente e con virulencia ante o que considera como un ataque contra a súa soberanía nacional.

Pero máis que a implicación iraniana a través de Venezuela, o goberno estadounidense observa con preocupación cómo Caracas altera a súa tradicional alianza enerxética con EUA, a través da potenciación de novos socios como China, Rusia e o propio Irán. Tensións aparte, a relación petroleira entre Caracas e Washington durante os doce anos de goberno de Chávez revélase invariable e fluída: ata agora, 1,2 millóns de barrís diarios de cru venezolano son exportados ao mercado estadounidense, mentres EUA paga con solvencia e sen retardos. Estas contradicións amplían a posición ambivalente de Washington, aplicando sancións contra PDVSA sen penalizar a outros países con maior peso xeopolítico, como Rusia e Brasil, que igualmente manteñen unha fluída relación enerxética e incluso política con Teherán.

Así e todo, aumentan as presións no Congreso estadounidense, a través de lexisladores republicanos e demócratas, para incluír decididamente ao goberno de Chávez na listaxe de presuntos benefactores do terrorismo internacional, vía relación con Teherán. Estas presións tentan xerar un consenso dentro da administración do presidente Barack Obama que poden afectar as súas relacións con Venezuela nun momento en que o actual goberno estadounidense tenta manter apaciguado o escenario latinoamericano. Velaí o marcado silencio de Washington ante o informe do IISS sobre as presuntas relacións entre Chávez e as FARC.

Precisamente, mentres Washington anunciaba as sancións contra, as forzas de seguridade españolas activaron unha operación contra o tráfico ilegal de armas na que impediron a venda de nove helicópteros de combate BELL-212 a Irán por parte venezolana, e na que foron detidos cincos empresarios españois e tres iranianos. Este escenario incrementa as complicacións diplomáticas para Caracas, que pode observar cómo dende Madrid se reactivan as presións para vixiar a Chávez polo presunto apoio de funcionarios e simpatizantes “chavistas” a ETA, incluso a través das FARC, especialmente ante a perspectiva de que o Partido Popular (PP) retorne ao poder.

A pesar da retórica contraria ás sancións, dificilmente Chávez abrirá un escenario conflitivo con Washington a través dunha ruptura do subministro petroleiro venezolano a EUA. Nese sentido, a súa resposta limitaríase ao discurso político “contra o imperialismo estadounidense”, mentres reforza politicamente á nova directiva de PDVSA co nomeamento de dous aliados fieis como o ministro de Exteriores Nicolás Maduro e de Finanzas, Jorge Giordani. Con isto, Chávez tentará reducir as tensións tomando en conta o esencial que resulta o factor enerxético para viabilizar o gasto público dos programas sociais do seu goberno, o cal se definirá imprescindible de cara as súas aspiracións de reelección presidencial previstas para os comicios de 2012. Non obstante, o mandatario venezolano sabe de sobra que un contexto marcado polo enfrontamento con Washington pode retribuírlle importantes cotas de apoio político e electoral.

Precisamente, pode que estas tensións que actualmente se activan dende o exterior contra Chávez (Irán, FARC, PDVSA), ampliadas co frontal apoio do mandatario venezolano ao líder libio Muammar al Gadafi e o presidente sirio Bashar al Asad nun momento de máxima tensión en Oriente Próximo, abran paso a un marco internacional de illamento contra o goberno venezolano, unha estratexia que pode estar igualmente concibida como mecanismo de persuasión que, con marcado interese electoral, tente propiciar os escenarios e factores pertinentes para evitar outra posible reelección de Chávez.


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/05/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta