Putin 2012

Percibido como un fait accompli, o recente anuncio da candidatura do actual primeiro ministro Vladímir Putin para os comicios presidenciais pautados para marzo de 2012 sepulta a perspectiva dunha bicefalia de poder no Kremlin, afirmando o peso e influencia de Putin como a figura política máis decisiva da Rusia post-soviética.

Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Percibido como un fait accompli, o recente anuncio da candidatura do actual primeiro ministro Vladímir Putin para os comicios presidenciais pautados para marzo de 2012 sepulta a perspectiva dunha bicefalia de poder no Kremlin, afirmando o peso e influencia de Putin como a figura política máis decisiva da Rusia post-soviética.

Percibido como un fait accompli, o recente anuncio da candidatura do actual primeiro ministro Vladímir Putin para os comicios presidenciais pautados para marzo de 2012 sepulta a perspectiva dunha bicefalia de poder no Kremlin, afirmando o peso e influencia de Putin como a figura política máis decisiva da Rusia post-soviética.

Putin acometerá así a candidatura do seu partido Rusia Unida, cuxa abafante hexemonía política pode confirmarse nas eleccións parlamentarias para a Duma previstas para o próximo 4 de decembro. Con esta decisión remátase calquera expectativa sobre unha eventual candidatura do actual presidente Dmtri Medveded, cuxo papel na política rusa vese abertamente tutelada polo propio Putin.

Aclarado o panorama político, ábrense agora diversos escenarios. Aparentemente, ningún liderado nin movemento político en Rusia posúe a capacidade suficiente para derrotar a Putin e Rusia Unida, cuxa asfixiante presenza pública e mediática, engadida a unha eficiente capacidade de mobilización popular, supera amplamente a calquera contrincante. O carisma de Putin dentro da sociedade rusa, erixido como o líder coa suficiente forza para asegurar o retorno de Rusia como potencia global, incrementa igualmente as súas perspectivas de vitoria electoral.

A presidencia “imperial”

Por tanto, a correlación de forzas políticas na próxima Duma ou Parlamento ruso asegura a preponderancia de Rusia Unida, tan só levemente secundada pola oposición do Partido Comunista da Federación Rusa, cuxas expectativas de votación sitúanse na franxa do 13-15% de intención de voto. Incluso, unha terceira forza política, o Partido Liberal Democrático do populista e ultranacionalista Vladimir Jirinovsky, co 12% de intencións de votos, manifesta estreitas relacións e apoio político a Putin.

Nin falar doutros movementos opositores como o liberal Jabloko, sen representación parlamentaria dende 2003, nin doutros liderados políticos que eventualmente poderían confrontar a Putin, como o recentemente destituído alcalde de San Petersburgo Yuri Luzhkov. Baixo o peso da xustiza ou simplemente “motivando” ao seu exilio, Putin encargouse de “aniquilar” a clase oligarca predominante da era Ieltsin, ao mesmo tempo que asegurouse en someter a unha oposición política “domesticada” e incapacitada de confrontar a súa hexemonía. Todo isto baixo un marco de restrición de liberdades políticas que consideran serias consecuencias para a débil democracia rusa.

Descontada a súa vitoria presidencial en 2012, Putin gobernaría por un período de catro anos ata 2016, con posibilidades de reelección ata 2020. Compre observar se durante este período, que coincide coa celebración en Rusia do Mundial de Fútbol 2018, Putin non acometerá unha reforma constitucional que permita unha reelección indefinida ou, ao menos, para un novo período presidencial.

Deste modo, as perspectivas a longo prazo consideran unha presidencia “imperial” de Putin ata aproximadamente o 2024, superando en período de poder a outros líderes históricos rusos como o soviético Iosif Stalin. Así, Putin confirmaría unha hexemonía política iniciada en 1999, cando foi nomeado como primeiro ministro polo desaparecido ex presidente Ieltsin, e que posteriormente foi elevado a presidente en funcións trala renuncia de Ieltsin (decembro 1999), presidente da Federación Rusa (2000-2008, con reelección en 2004), de novo primeiro ministro con Medveded de presidente (2008-2012) e de novo presidente en 2012.

Baixo a súa hexemonía política, a Rusia de Putin tenta asentar unha modernización económica con claroscuros, sen progresos democráticos e con amplas desigualdades socioeconómicas que propician igualmente a emigración da mocidade rusa. O poder no Kremlin segue concentrándose en mans dunha clase oligárquica enquistada na burocracia administrativa e política a través da súa afiliación a Rusia Unida e da súa aparente suxeción ao incontestable liderado de Putin.

Mentres tenta retornar como potencia na area internacional, o Kremlin deberá igualmente acometer un urxente plan de modernización dun aparato militar e industrial anquilosado e en aparente decadencia, un factor que de seguro calibrará as relacións de poder entre Putin, a clase oligarca e burocrática e o poderoso estamento militar, determinando con case toda probabilidade a evolución dos escenarios políticos en Rusia a mediano e longo prazo.

Aínda que reivindicando publicamente as bondades do pasado soviético, a Rusia de Putin afánase por abrir unha nova etapa histórica, afastándose dese pasado recente pero sen poder evitar reproducir os seus efectos na cultura política nacional. A candidatura presidencial de Putin revela a orientación hexemónica e autoritaria da Rusia post-soviética, pero ao mesmo tempo intensificando a preocupación sobre o incerto futuro da democracia e da política rusa.