Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
A “reprimarización” de América Latina
Xulio Ríos (ECO, 03/2011)

Versión para imprimir

 

O máis recente informe emitido pola CEPAL (Comisión Económica de Nacións Unidas para América Latina e o Caribe) destaca que esta rexión experimentou un crecemento positivo en 2010 (6%), tendencia que deberá reiterarse en 2011, se ben máis atenuada (4,2%). Ese crecemento, non obstante, explícase fundamentalmente pola alta dependencia das exportacións de produtos primarios e de baixa elaboración (petróleo, solla, café, cobre, ferro…), que presentan a vantaxe conxuntural de cotizarse a prezos elevados no mercado mundial.

Os bos datos de América Latina tamén obedecen a un mellor desempeño da economía global. Segundo un informe do BID (Banco Interamericano de Desenvolvemento), as exportacións da rexión en 2010 medraron un 29%, chegando aos 853 mil millóns de dólares, un récord histórico. O Banco Mundial destaca que a capacidade adquirida para sortear a crise débese en boa medida á exportación de materias primas aos mercados emerxentes de Asia, o cal sinala eses riscos derivados dun modelo de desenvolvemento en extremo dependente da volatilidade habitual dos prezos destes bens nos mercados globais.

Este mesmo problema ten aflorado en distintos momentos da historia latinoamericana, xerando inestabilidade no desenvolvemento económico e múltiples tensións políticas e sociais. A fin de evitalo, o momento de bonanza debería aproveitarse para mellorar a estrutura produtiva a longo prazo, modificando gradualmente as modalidades de comercio, aumentando os investimentos na produción, diversificando as exportacións, incrementando o valor engadido dos produtos e elevando a competitividade das exportacións. A dependencia dos recursos naturais non permitirá alcanzar un crecemento sostible nin erradicar a pobreza.

Ás autoridades da rexión, máis comprometidas ca nunca con dinámicas de desenvolvemento orientadas a pechar ciclos históricos de atraso apostando polo fortalecemento de mecanismos endóxenos e a integración hemisférica, cabe transcender esta especie de “maldición”.

Para sobrepoñerse á dependencia externa, América Latina debe facer un uso prudente dos beneficios derivados da cotización á alza dos seus recursos e investir en investigación e innovación, alentando unha transformación estrutural que poña fin a esa maquiavélica relación entre crecemento e exportación de recursos primarios.

Os obxectivos estratéxicos das multinacionais en América Latina centráronse tradicionalmente na explotación dos recursos naturais, a ocupación dos mercados locais e a busca de beneficios a todo trapo. Sen tecnoloxías que ofrecer ao mundo, sen apostas a fondo por elevar o nivel científico e tecnolóxico, as posibilidades de aproveitar estes positivos datos para saír do pozo son remotas. A consolidación do cambio experimentado na rexión nos últimos anos é indisociable desa transformación.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi e asesor de Casa Asia.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/02/2011


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta