Os tempos en Galicia

Leo con satisfacción que emerxen proxectos conxuntos de pequenas e medianas empresas galegas e portuguesas para promover a súa internacionalización. En concreto, do sector agroalimentario e no marco do proxecto Lan Pymexport, con financiamento europeo. Ao longo do último ano, algunhas voces, tamén institucionais, téñense feito eco da importancia de favorecer unha alianza interrexional de cara á internacionalización.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Leo con satisfacción que emerxen proxectos conxuntos de pequenas e medianas empresas galegas e portuguesas para promover a súa internacionalización. En concreto, do sector agroalimentario e no marco do proxecto Lan Pymexport, con financiamento europeo. Ao longo do último ano, algunhas voces, tamén institucionais, téñense feito eco da importancia de favorecer unha alianza interrexional de cara á internacionalización. Hai unha década, nunha iniciativa impulsada pola Universidade Fernando Pessoa e o IGADI, abordamos as posibilidades de que a eurorrexión compartirse políticas de acceso aos mercados exteriores, transformando as complementariedades en sinerxías, ad intra e ad extra, para gañar cotas de mercado e acelerar a internacionalización dos respectivos tecidos produtivos. A construción da eurorrexión estivo preferentemente pensada cara dentro, fomentando aqueles procesos que facilitaban a mellora das comunicacións e a integración dos respectivos mosaicos a todos os niveis. Non obstante, pouco contaba a vertente da proxección exterior, hoxe unha variable esencial para encarar a crise gañando posicións no entorno global.

O triste do caso é que teñan que pasar dez anos para que aquela idea poda abrirse camiño. Non é a primeira vez que isto ocorre, e da idea da “paciencia” que se precisa en Galicia para que as iniciativas collan un mínimo xeito ou, sensu contrario, da cegueira de boa parte da nosa sociedade, incapaz de construír a prospectiva do seu futuro. Podemos dicir outro tanto das oportunidades sinaladas no mercado polonés para unha estratexia de desembarco nos países de Europa central e oriental. Por non falar da China, hoxe xa confirmada como segunda potencia económica do planeta. Os que dubidan e renegan do interese do labor dos think tank ben poderían reflexionar agora sobre a utilidade de contar con espazos de reflexión que alerten acerca de variables e tendencias que transcenden o día a día.

Unha extrema lentitude caracteriza os reflexos da nosa sociedade. O poder público ten responsabilidade neste retraso pola súa incapacidade para transformar as análises prospectivas en políticas e liderados efectivos. Pero o sector privado é especialmente responsable pola súa ineptitude para agrandar a cultura empresarial e prestar atención aos indicios lóxicos e racionais que dende terceiras instancias poden facerse para asegurar e fomentar os seus proxectos.

Non hai resortes que impidan que isto pase novamente. Porque vivimos instalados nunha secuencia de escenificacións pouco rigorosas, mais pendentes da preservación dunha imaxe superficial e conveniente ca da imponderable urxencia de adiviñar e construír novos rumbos que nos aseguren a vitalidade mínima para progresar nun contexto que só asumimos no plano do discurso.