Zapatero go home

Xenio e figura … A decisión do presidente Zapatero de comprometer a España no escudo anti mísiles promovido pola Administración estadounidense pon a guinda a un mandato errático que tamén na política exterior evidencia contradicións de envergadura no fondo e na forma.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

Xenio e figura … A decisión do presidente Zapatero de comprometer a España no escudo anti mísiles promovido pola Administración estadounidense pon a guinda a un mandato errático que tamén na política exterior evidencia contradicións de envergadura no fondo e na forma. Despois de converter a defensa da paz, a cooperación e o diálogo civilizatorio en sinais de identidade dunha diplomacia que na época de Aznar discorrera pola senda do atlantismo mais exacerbado, Zapatero, por conta propia e coas sesións das cámaras interrompidas pola convocatoria electoral, decide sumar España a unha das iniciativas mais polémicas dos últimos tempos, desprezando as consecuencias que poda ter nas relacións con Rusia e con outros países, críticos coa iniciativa do Pentágono.

Moscova expresou en numerosas ocasións as súas reservas ante este escudo e suxeriu unha opción compartida que atinxira a todo o continente, alternativa mais razoable que esta outra á que España se apunta para reproducir na vella Europa a dicotomía da vella guerra fría baixo o patrocinio inmutable da OTAN. Por outra banda, cabe imaxinar que terceiros países que poidan sentirse aludidos polo empuxe a esta nova medida “defensiva” acelerarán os seus esforzos para blindarse. Por moito que se diga, o escudo anti mísiles non servirá á causa da paz, ameaza con desatar unha nova carreira de armamentos e xustificará as ambicións nucleares de países como Irán.

Despois de plantar cara a Washington na guerra de Iraq e do desplante ante a bandeira estadounidense no desfile da Castellana, Zapatero cambia de rumbo, pasando dun extremo a outro sen dar conta a ninguén mais que ao líder da oposición, obviando todo debate político interno pero garantindo “a máxima transparencia” a Moscova. Esta febril política de feitos consumados simboliza a renuncia fáctica aos bos principios que insertara na política exterior española, accedendo ás esixencias e presas de Washington sen garantía ningunha de que esta decisión contribúa, como di, a asegurar a paz, como tampouco a reforma urxente da Constitución serviu en absoluto para mellorar as garantías da economía española fronte aos mercados financeiros. 

O incremento da presenza estadounidense en España e en Europa e o seu enfeudamento ás estratexias defensivas da superpotencia é un fraco favor á identidade continental nun momento de especial crueza para o proxecto europeo. O novo sistema debilita a autonomía da UE no defensivo e fará mais inviable o deseño de políticas específicas que respondan a esa dimensión euroasiática que está na natureza territorial do propio continente e contrapeso necesario do euroatlantismo.