“Auga fría” entre Caracas e Bogotá

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A designación do xeneral Henry Rangel Silva como ministro da Forza Armada Nacional (FAN) de Venezuela, decretada polo presidente Hugo Chávez a comezos de xaneiro e ratificada trala súa comparecencia ante a Asemblea Nacional a semana pasada, imprime un breakpoint inesperado na distensión das relacións bilaterais colombo-venezolanas, acaecidas trala asunción presidencial de Juan Manuel Santos en Bogotá en 2010.

Diversos medios informativos e políticos colombianos, entre os que salienta o ex presidente Álvaro Uribe Vélez, non dubidan en acusar a Rangel Silva de presuntas conexións co narcotráfico e a guerrilla das FARC, fomentadas eventualmente desde 2005 e a través de reunións informais de Rangel Silva co actual máximo líder da guerrilla colombiana, Rodolfo Londoño, o “comandante Timoshenko”. Estas presuntas conexións foron inmediatamente reveladas polas autoridades e medios de comunicación colombianos, emanadas do famoso portátil decomisado ao ex líder das FARC Raúl Reyes, asasinado durante unha operación militar colombiana en territorio ecuatoriano en febreiro de 2008.

Desde 2010, co triunfo electoral de Juan Manuel Santos en Bogotá, as relacións colombo-venezolanas viñan manifestando unha inédita (e necesaria) etapa de achegamento, moi celebrada internacionalmente tomando en conta a irritación bilateral rexistrada durante a etapa presidencial de Uribe (2002-2010), na que Santos foi o ministro de Defensa e “delfín” político do “uribismo”. As tentativas escaramuzas de confrontación militar entre Caracas e Bogotá e unha retórica incendiaria, provocada polos presuntos vínculos do goberno de Chávez coas FARC, incrementou unha tensión militar reflectida no incremento do gasto militar bilateral e a aproximación de actores externos, como Rusia e Irán, como socios militares venezolanos contra o eixe estratéxico establecido desde 2000 por Colombia e EUA.

A ampliación do polémico Plan Colombia de 2000 cara o Plan Patriota de Uribe e, posteriormente, xa con Santos na presidencia, deixaron unhas FARC militarmente abatidas e politicamente descabezadas tralas sucesivas mortes dos seus máximos líderes Raúl Reyes, Manuel Marulanda “Tirofijo”, Jorge Briceño Suárez, “Mono Jojoy” e mais recentemente, de Alfonso Cano. Agora en mans de Timoshenko, cualificado sen ambigüidades pola prensa colombiana como “o amigo de Rangel Silva”, as FARC afrontan unha delicada posición que, indirectamente, tamén salpica ao goberno de Chávez, máis agora co nomeamento de Rangel Silva como ministro de Defensa.

Non obstante, este nomeamento de Rangel Silva pode evidenciar un cambio de timón por parte de Chávez coa intención de consolidar os seus apoios políticos dentro da FAN de cara ao proceso electoral presidencial venezolano previsto para outubro próximo. A pesar de seguir contando con notables índices de popularidade e de encabezar as enquisas preelectorais, Chávez prefire rodearse de aliados fieis como Rangel Silva a fin de asegurar posicións de cara ás futuras “batallas políticas”, con especial interese ante a celebración en febreiro dunha elección primaria para dirimir a candidatura unitaria da opositora Mesa da Unidade Democrática (MUD) e ante as presumibles implicacións de actores externos, principalmente EUA, dentro do proceso electoral venezolano.

Non obstante, en Caracas diversos sectores aducen dun posible descontento e dentro das FAN ante a designación de Rangel Silva, motivada mais ben por factores políticos que poden minar o ascenso de oficiais con maior rango profesional.

Sen dúbida, a designación de Rangel Silva supón unha inesperada alteración na “lúa de mel” entre Caracas e Bogotá que, con toda probabilidade, rexistrará consecuencias diplomáticas para Chávez. Unha perspectiva igualmente determinada pola xira latinoamericana do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad , derivada da actual tensión con Washington no Estreito de Ormuz, e que levouno a visitar Venezuela, Ecuador, Nicaragua e Cuba. Paralelamente, as relacións entre Caracas e Washington volveron a confrontarse trala expulsión da cónsul venezolana en Florida, acusada polas autoridades estadounidenses de presuntos vínculos con organizacións terroristas.

Tras recibir Chávez a Ahmadíneyad en Caracas e ratificar no cargo ministerial a Rangel Silva, o presidente colombiano Santos anunciou o estado de alerta militar na fronteira con Venezuela, toda vez Bogotá espera observar a reacción dunhas FARC que aparentemente reciben un inesperado balón de osíxeno tras designarse a un presunto “aliado” como ministro de Defensa en Caracas. Pero estes acontecementos presenten un escenario delicado nun ano electoral como o que se anuncia en 2012 para Venezuela, onde as tensións e a posibilidade de violencia política ameazan con dispararse.