CFK e YPF

Oficializada a través do Senado arxentino a decisión adoptada polo goberno de Cristina Fernández de Kirchner de nacionalizar o 51% das accións da empresa enerxética Yacimientos Petrolíferos Argentinos (YPF), filial da multinacional Repsol, compre observar algunhas leccións clave que dirimen, principalmente, o momento que vive América Latina e cal é o peso e influencia da diplomacia española.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Oficializada a través do Senado arxentino a decisión adoptada polo goberno de Cristina Fernández de Kirchner de nacionalizar o 51% das accións da empresa enerxética Yacimientos Petrolíferos Argentinos (YPF), filial da multinacional Repsol, compre observar algunhas leccións clave que dirimen, principalmente, o momento que vive América Latina e cal é o peso e influencia da diplomacia española.

Como ben sinala o economista e sociólogo arxentino Julio Gambina, esta decisión non supón unha estatización total de YPF, tomando en conta que do 51% da expropiación, un 26,03% recaerá en mans do Estado central e o restante 24,99% nas arcas das provincias arxentinas, aspecto este que revela o considerable peso político da relación centro-periferia. Repsol, o principal afectado, seguirá a controlar o 6% do capital mentres outros actores, como o Grupo Petersen, sinalado dende diversos medios como próximo ao “kirchnerismo”, mantería mais do 25,46% das accións. Un 17% restante estaría suxeito a circulación bursátil.

Tampouco esta decisión supón un peche aos investimentos estranxeiros, entrando aquí en consideración os cada vez mais reais intereses chineses ou estadounidenses. En todo caso, a decisión de CFK clarifica unha nova estratexia enerxética, en gran medida enfocada en desenvolver os novos xacementos localizados nas provincias interiores, agora baixo un maior control estatal.

A proliferación de reaccións nos medios de comunicación, principalmente españois, así como dos gobernos e organismos internacionais (FMI, Banco Mundial, UE), transmiten a sensación de condena contra a decisión do goberno arxentino, en aras de preservar o “incuestionable” modelo de privatizacións das empresas públicas latinoamericanas a partir de 1990. Por tanto, a percepción mais constante nos medios internacionais identifica unha presunta ola de proteccionismo, “populismo” e estatización en América Latina, nunha evidente manobra por comparar a CFK co seu homólogo venezolano Hugo Chávez. Un elemento contraditorio que oculta, paralelamente, cómo e de qué forma o proteccionismo estatal e a austeridade están igualmente instalados nas medidas adoptadas por EUA e Europa a consecuencia da crise económica.

Durante a campaña electoral de 2011 e, principalmente, trala súa reelección por maioría absoluta en outubro pasado, a presidenta CFK deixou entrever un proceso de revisión dos investimentos españois na Arxentina, aspecto que podería concentrar a atención no seu actual período de goberno ata 2015. Tras rexistrar un breve período de crecemento, a economía arxentina preparase para un proceso de recesión nun contexto socioeconómico cada vez mais complexo.

Este escenario pode resultar sintomático do momento que vive América Latina, cuxos gobernos con diversos matices progresistas e de esquerdas amosasen persuadidos a revisar ese caudal de privatizacións de empresas públicas iniciado na década de 1990, a carón dun proceso de globalización neoliberal que permitiu ás multinacionais estranxeiras ingresar no mercado latinoamericano, en moitos casos grazas a intereses de grupos de poder con fortes conexións políticas e empresariais. En perspectiva comparada, compre observar a escasa crítica nos medios e organismos oficiais cara esa privatización acelerada, en clara contradición coa reaccionaria posición adoptada contra a decisión de CFK.

Pódense, por tanto, especular e incluso cuestionar as formas, razóns e factores de índole económica e política en clave interna que expliquen o mantra da decisión de nacionalizar YPF. Neste apartado, os focos eríxense en torno á cada vez maior influencia do viceministro de Economía, Axel Kicillof, como presunto “cerebro” da nacionalización de YPF, un factor que daría a entender o peso de grupos internos de poder, como “La Cámpora”, impulsados e amparados polo “kirchnerismo”.

Pero o que revela principalmente a nacionalización de YPF é o declive da diplomacia española en América Latina, case absolutamente determinada polos intereses de multinacionais como Repsol e Telefónica. Este escenario dilúe a capacidade de reacción de Madrid, obstaculizando en moitos casos a adopción de alternativas cribles orientadas a medir e pulsar con claridade os cambios políticos na rexión. Esta pode ser a clave da lección, para ben ou para mal, da decisión de CFK sobre YPF.