Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica/ Latinoamérica
Unha “pragmática fraternidade”: novas realidades nas relacións luso-brasileiras
Roberto Mansilla (igadi.gal, 20/02/2012)

Versión para imprimir

 

Historicamente, Brasil e Portugal transitaron por estreitas e inevitables conexións de carácter lingüístico e cultural, aínda que tamén por notorias diverxencias políticas e ideolóxicas derivadas do proceso de descolonización. Así e todo, as relacións entre a República Federativa de Brasil e a República Portuguesa discorreron nas últimas décadas a través dun notorio nivel de fluidez e estabilidade, principalmente tralas respectivas transicións democráticas acaecidas entre 1974 e 1985.

Un factor que vertebrou a fluidez desta relación foi o ingreso portugués na Comunidade Económica Europea (CEE) a partir de 1986 e, posteriormente, co ascendente papel de Brasilia no plano económico e político a nivel global, en particular a partir de 1991 coa creación do Mercado Común do Sur (MERCOSUR). Desde mediados da década de 1990, estas relacións adquiriron un factor esencialmente económico, tomando en conta a posición portuguesa como foco de apertura para a economía brasileira dentro do mercado común europeo, a través da concreción de diversos foros e encontros bilaterais entre Brasil e a Unión Europea (UE). Ao mesmo tempo, compre considerar a vontade de Brasilia de inserirse na globalización económica, adquirindo un estratéxico peso económico como potencia comercial no hemisferio occidental, así como unha posición clave nos procesos de integración entre a UE e o MERCOSUR.

Outro factor esencial e relevante das relacións luso-brasileiras está concentrado no aspecto da inmigración, principalmente en torno aos fluxos de inmigrantes brasileiros cara Portugal e a legalización da súa situación en Europa. Non obstante, a actual crise económica en Portugal acaecida a partir de 2011, co rescate financeiro decretado pola Unión Europea, contrasta coa puxanza económica de Brasil, un aspecto que podería propiciar, eventualmente, un proceso inverso de inmigración portuguesa cara o país suramericano a tenor da apertura de oportunidades económicas. Ao mesmo tempo, cobra unha notable relevancia o desprazamento de Portugal nos derradeiros anos como un dos principais socios comerciais de Brasilia, substituído pola preponderancia adquirida por China na última década como principal socio comercial de Brasil.

Finalmente, abórdase o tema da Lusofonía, coa pluralidade de percepcións existentes en Portugal e Brasil, en especial ante a cada vez maior autonomía da política exterior brasileira co respecto a Lisboa á hora de concretar unha maior inserción de Brasilia na África lusófona, especialmente en países como Angola e Mozambique, ilustrada na última década coa crecente presenza diplomática e económica brasileira neste países.

a) Alicerces dunha “relación fraternal”

Sen intención de abarcar a prolongada colonización portuguesa en Brasil e a súa importante influencia na formación da estrutura socioeconómica, cultural e política do Brasil contemporáneo, o cometido de abordar unha achega nas relacións entre Brasil e Portugal no derradeiro século da conta dunha relación con “laços especiais de fraternidade”, “afinidades históricas e culturais” e cunha “tradiçao de amizade, colaboraçao e profundas raízes culturais”(1) que se mantén inalterable na actualidade.

Esta visión de “fraternidade” e “lazos históricos e culturais” perdurou de forma recorrente nos discursos das autoridades gobernamentais e das elites brasileiras e portuguesas durante máis dunha centuria(2), en particular ante a vontade principalmente emanada de escritores e intelectuais portugueses e brasileiros, de constituír unha idea de comunidade lusófona que abarcara a Portugal, Brasil, a África lusófona e as colonias portuguesas en Asia, tales como Timor Leste, Macau e Goa. Aínda así, e a pesar das reiteradas tentativas de achegamento cultural, persiste entre as elites portuguesas e brasileiras un certo nivel de descoñecemento mutuo, baseados en estereotipos construídos e consolidados durante décadas(3).

Un antecedente da construción deste imaxinario lusófono con base na relación “fraternal” entre Portugal e Brasil (e, posteriormente, na concreción da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, CPLP, a partir de 1996) acontece entre 1815 e 1822, coa creación do Reino Unido de Portugal e Brasil(4). Non obstante, a proclamación da independencia brasileira en 1822, que permitiulle a súa andaina como nación independente, e posteriormente a proclamación da República Portuguesa a partir de 1910, ofreceron un prolongado interregno onde os vínculos asociativos entre Portugal e Brasil non se materializaron institucionalmente.

Non foi ata o asinamento do Tratado de Amizade e Consulta subscrito por ambos países o 16 de novembro de 1953, cando as relacións bilaterais entre Portugal e Brasil adquiriron un novo carácter institucional. Neste documento resulta evidente o peso da afinidade cultural e lingüística común, manifestada na conformación dunha Comunidade Luso-Brasileira con certo e limitado status xurídico(5). Este tratado tamén deu orixe a outras iniciativas, como a Academia Internacional da Lingua Portuguesa, que tivo a súa continuidade durante a década de 1960, a través dos futuros promotores da Comunidade de Países da Lingua Portuguesa, en especial José Aparecido de Oliveira e Agostinho de Neto(6).

A raíz do Tratado de Amizade e Consulta, a partir da década de 1960, Lisboa impulsou a visión de crear unha unión política, económica, militar e cultural entre Brasil, Portugal e as denominadas Provincias Ultramarinas(7), sendo estas as colonias portuguesas en África e Asia. Non obstante, unha corrente brasileira, apoiada tamén polo estadista africano Leopod Senghor, propuxo a constitución dunha comunidade lusófona onde os pobos africanos serían membros de pleno dereito e independencia(8).

Por tanto, a vontade de consolidar este acervo cultural e lingüístico común luso-brasileiro comezou a materializarse desde comezos do século XX, dando paso á superación dos prexuízos e percepcións existentes entre ambas sociedades, tal e como se ilustra no seguinte parágrafo:

“Superada a vaga nativista hostil aos portugueses que, com mais intensidade se manifestou no Brasil após a declaração da independência, e perdurou durante o século XIX e princípios do século presente, alguns intelectuais brasileiros, como Olavo Bilac e Sílvio Romero, procuraram, no início do século, pôr em relevo o papel importante dos portugueses na construção e desenvolvimento do Brasil. Em Maio de 1902, no real gabinete de leitura português do Rio de Janeiro, Sílvio Romero, que tinha aliás um passado nacionalista, proferiu uma conferência sobre “O elemento português no Brasil”, na qual sustentou “a conveniência de fortalecer no Brasil o elemento português”. João do Rio foi outro intelectual brasileiro que, no início do século se empenhou em fomentar uma maior aproximação entre Brasil e Portugal. Do lado português há que referir os esforços pioneiros no mesmo sentido de Alberto de Oliveira, João de Barros e José Osório de Oliveira”(9).

Neste perspectiva, compre considerar a partir de 1926 a importante influencia adquirida, tanto nas elites brasileiras como portuguesas, da obra do antropólogo e sociólogo brasileiro Gilberto Freyre, en particular a súa visión do “luso-tropicalismo”, como teoría socioantropolóxica baseada na necesidade de creación dunha moderna federación cultural con base na lingua portuguesa(10). Esta visión exerceu unha importante influencia na óptica lusófona vertebrada no réxime do Estado Novo dirixido por António de Oliveira Salazar (1932-1974), en especial ante a idea de recrear un imperio portugués construído en base á lingua lusófona dentro dun discurso de nación plurirracial e pluricontinental(11). 

Durante décadas acusado de defender a visión colonialista portuguesa, a teoría do “luso-tropicalismo” de Gilberto Freyre tamén exerceu influencia no presidente brasileiro Juscelino Kubitschek (1956-1961), defensor do réxime salazarista e amigo persoal do propio ditador portugués. Foi Kubitschek quen outorgou apoio político ao réxime de Salazar no mantemento do colonialismo portugués en África e Asia, defendendo ante a IV Comisión da ONU a tese de que estes territorios constituían provincias ultramarinas portuguesas(12). Deste modo, Kubitschek regulamentou durante a súa presidencia a vixencia do Tratado de Amizade e Consulta asinado en 1953.

Non obstante, e salvo a visión de Kubitschek e do “luso-tropicalismo” de Freyre, a posición brasileira co respecto ao colonialismo portugués amosábase dividida: por unha banda, a esquerda brasileira propugnaba a ruptura de relacións con Portugal ou, en todo caso, “coa ditadura portuguesa de direita”, a fin de apoiar os procesos independentistas das colonias portuguesas en África e Asia.

Por outra banda, os sectores máis conservadores, con moita influencia da inmigración portuguesa en Brasil e baseados no contexto da “guerra fría”, defendían unha posición reaccionaria ante o proceso de descolonización, considerando que os movementos de independencia nas colonias portuguesas acrecentarían a ampliación da esfera comunista nestes países. Por tanto, non foi ata a presidencia de Jânio Quadros en Brasilia (1960-61), coa súa visión da “política externa independente”, cando Brasil adoptou unha posición tendente a apoiar o proceso de descolonización “por motivos éticos e económicos”(13).

Institucionalizada esta achega cultural común a través do Tratado de Amizade e Consulta, a súa visión perdurou durante décadas nas relacións entre Lisboa e Brasilia, a tal punto que, “procurando ir mais longe, no sentido de uma quase-dupla nacionalidade ou igualdade de direitos de brasileiros e portugueses, juristas de ambos os países conseguiram que se efectuassem as necessárias alterações constitucionais que permitiram a assinatura, em 7 de Setembro de 1971, da Convenção sobre Igualdade de Direitos e Deveres de Brasileiros e Portugueses”(14).

b) Democratización e integración: a nova base da relación (1974-2003)

Tomando o Tratado de Amizade e Consulta de 1953como marco fundamental da relación bilateral entre Portugal e Brasil, a mesma adoptou unha traxectoria sumamente densa no aspecto xurídico e institucional(15).

Segundo o Ministerio de Relacións Exteriores de Brasil, existen máis de 60 acordos bilaterais subscritos entre Brasil e Portugal nos derradeiros cen anos(16), nos que se destacan esencialmente catro deles: o mencionado Tratado de Amizade e Consulta de 1953; a Convençao sobre Igualdade de Direitos e Deveres de 1971; o Acordo Quadro sobre Cooperaçao de 1991; e o Tratado de Amizade, Cooperaçao e Consulta de 2000(17). Compre igualmente considerar o Acordo Comercial de 1966, na que se crea a Comissão Económica Luso-Brasileira.

Non obstante, os trocos comerciais e a fluidez da relación bilateral entre Brasil e Portugal durante as décadas de 1960-1970 foi, mais ben, de carácter modesto aínda que sempre dentro dun marco de cordialidade. Incluso existía certa conexión de carácter político e ideolóxico: a prolongada ditadura salazarista ata a Revolución dos Cravos de abril de 1974 coincidiu temporalmente en algúns períodos coa ditadura militar brasileira (1964-1985).

O cambio significativo, desde a perspectiva política, deuse coa caída do réxime salazarista e a Revolución dos Cravos do 25 de abril de 1974. Esta revolución política provocou certas desconfianzas en Brasil(18), aínda que os militares brasileiros foron os primeiros en recoñecer ao novo goberno en Lisboa trala caída do “salazarismo”. A transición democrática portuguesa provocou reaccións encontradas no Brasil, debido a que foi recibida positivamente polos sectores opositores e de esquerdas á ditadura militar brasileira (que obviamente sufrían persecución e represión) mentres, paralelamente, provocou reaccións contrarias dentro da influente inmigración portuguesa en Brasil, aínda significativa na década de 1970, e que foi o baluarte da relación luso-portuguesa durante o réxime salazarista(19).

A pesar do ton de cordialidade e a mencionada “fraternidade común”, o período 1974-1978 foi de franco distanciamento nas relacións luso-brasileiras, probablemente ante a posición expectante sobre o acontecer político da transición democrática en Lisboa. Tanto como os efectos que a democratización portuguesa puideran ter nos sectores opositores á ditadura en Brasil, un foco central de atención foi o proceso de descolonización portuguesa a partir de 1974 e, igualmente, a posición brasileira favorable á mesma.

Por tanto, o proceso de descolonización portuguesa, particularmente en África, paralelo á transición democrática en Portugal, foi identificado como o aspecto clave que “reconciliaria a Portugal com o sistema internacional e que permitiria reequacionar as relações luso-brasileiras”(20). Aínda así, Lisboa non recibiu con beneplácito a mediación brasileira no proceso de independencia de Guiné Bissau en 1974.

Despois da revolución portuguesa, a primeira visita dun alto cargo portugués a Brasil foi a do entón primeiro ministro Mario Soares en decembro de 1976, continuada en maio de 1978 coa visita a Brasil do entón presidente portugués Ramalho Elanes. Non obstante, entre 1976 e 1985, a orientación europea de Lisboa, en particular ante a súa necesidade de ingresar na Comunidade Económica Europea (CEE), relegou a prioridade mantida por Brasil na súa política exterior, aínda que sen menosprezar os evidentes lazos de fraternidade cultural(21).

Foi a partir dos dous períodos de goberno de Aníbal Cavaco da Silva en Portugal (1985-1991), cando as relacións luso-brasileiras adquiriron unha nova dimensión, principalmente de carácter estratéxico. Portugal xa ingresara na CEE en 1986 xunto con España, ao mesmo tempo que a ditadura brasileira deu paso en 1985 á transición democrática baixo o goberno de José Sarney, o que posibilitou unha maior inserción de Brasil na economía internacional e nos procesos de integración rexional sudamericana, en particular ante a constitución en 1991 do Mercado Común do Sur (MERCOSUR), xunto a Arxentina, Uruguai e Paraguai.

Foi aquí precisamente cando Portugal, xa membro da CEE, impulsa e acelera a concreción dunha relación estratéxica europea con Brasil, na que Lisboa contribuíu eficazmente coa percepción dunha nova sensibilidade europea cara os asuntos e intereses brasileiros(22). Aínda así, o goberno brasileiro concibía a Portugal como un aliado estratéxico e importante en Europa, pero non como o único e principal vínculo político coa CEE(23). Todo iso a pesar de que Lisboa esforzouse por amosar unha imaxe de país “moderno, democrático, dinámico e integrado na CEE”, tal e como caracterizou o entón presidente Mario Soares ante o Congreso brasileiro durante a súa visita oficial en abril de 1987(24).

A política exterior de Cavaco Silva orientouse principalmente cara tres eixes: a integración europea; a participación portuguesa na Alianza Atlántica (OTAN), e o reforzo das relacións cos países africanos de lingua portuguesa, así como o apoio ás comunidades portuguesas no mundo(25). En 1991, ambos países asinan o Acordo Quadro de Cooperação, na que se institucionaliza a creación da Comissão Ministerial Luso-Brasileira, que prevé a realización anual dos cumios de xefe de Estado(26). Este primeiro cumio foi celebrado en maio de 1991 en Brasil, coa participación de Cavaco Silva e o mandatario brasileiro Fernando Collor de Mello (1990-1992). Non obstante, e contrariando a natureza do Acordo Quadro, o segundo cumio non se celebrou ata xullo de 1995.

Os cumios anuais luso-brasileiros formalizaron unha axenda común para debater cuestións de interese para a política exterior de ambos países, sendo principalmente estes temas a inmigración, as negociacións entre a Unión Europea (a partir de 1993) e o MERCOSUR; o turismo; a defensa e cooperación militar; o cambio climático; a cooperación empresarial; e a promoción da lingua portuguesa e da lusofonía(27).

Este peso da lusofonía e da promoción exterior da lingua portuguesa tivo o seu momento clave coa creación dun órgano institucional común, sendo este Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), creada en xullo de 1996 en Lisboa por Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, Mozambique, Portugal e São Tomé e Príncipe. A CPLP xurdiu durante o goberno do primeiro ministro portugués Antônio Guterres (1995-2002), quen impulsou aínda mais a variante estratexicamente económica da relación bilateral con Brasil, visión plenamente aceptada polo seu homólogo brasileiro Fernando Henrique Cardoso (1995-2003).

Durante o seu segundo mandato iniciado en 1999, Guterres vertebrou unha diplomacia de carácter esencialmente económico con Brasil, postulados que foron estritamente mantidos polos seus sucesores José Manuel Durão Barroso (2002-2004) e Pedro Santana Lopes (2004-2005). Paralelamente, a UE, a OTAN, o espazo lusófono, a divulgación da lingua portuguesa, a expansión cara as comunidades portuguesas no exterior e a diplomacia económica foron así os resgos de identificación da política exterior portuguesa no decenio 1995-2005(28).

É importante subliñar o apartado das visitas oficiais entre xefes de Estado e de Goberno de Portugal e Brasil no período 1979-2003. Entre 1979 e 1985 non se rexistraron visitas bilaterais de presidentes de ambos países, caso contrario ao período 1986-1995, tralo ingreso portugués á CEE e a creación do MERCOSUR. Nese período efectuáronse cinco visitas oficiais de altos cargos portugueses a Brasil mentres que, por parte brasileira, compre sinalar as visitas dos mandatarios Itamar Franco (1995) e Fernando Henrique Cardoso (marzo de 2000), esta última con motivo dos actos do 500º aniversario do descubrimento portugués de Brasil, coa chegada do almirante Pedro Alves Cabral(29).

Esta visita de Cardoso a Lisboa tamén tivo un marcado significado histórico, xa que foi proclive á revitalización da “fraternidade común” e do espazo común lusófono entre ambos países. Tivo un impacto importante nas relacións luso-brasileiras debido ao asinamento do Tratado de Amizade, Cooperação e Consulta, o cal revogou o Tratado de Amizade e Consulta de 1953, establecendo unha maior igualdade de dereitos políticos entre cidadáns brasileiros e portugueses(30).

Así e todo, esta visita de Cardoso igualmente fomentou a visión dun mundo en cambio, determinado pola inserción na economía globalizada e os esforzos por alcanzar cotos de multipolaridade e multilateralidade, plenamente asumidos na política exterior del sucesor de Cardoso, Lula da Silva.

c) Unha nova realidade: os gobernos de Lula e Sócrates (2003-2011)

A asunción dun goberno de esquerdas en Brasilia baixo a presidencia de Lula da Silva durante o período 2003-2011 (con reelección en 2006), consolidou o proceso de transición e pluralidade democrática en Brasil, ao mesmo tempo que acelerou aínda mais a inserción brasileira no escenario internacional, sendo identificada como unha “potencia emerxente” de relevante posición económica e xeopolítica.

Non obstante, esta realidade constatou co escaso peso de Portugal na axenda exterior de Brasilia. Tras asumir o seu cargo como Ministro de Asuntos Exteriores en xaneiro de 2003, Celso Amorim definiu como áreas de prioridade estratéxica para Brasil a Unión Europea; os países africanos de lingua portuguesa; e a Timor Leste, sen mencionar especificamente a Portugal(31). A partir de 2007, coa perspectiva de crise económica en Portugal, certificada co rescate financeiro europeo de 2011, a realidade suxeriu un cambio de balanza de poder nas relacións bilaterais, claramente favorable para Brasilia.

Non obstante, Lisboa seguiu a definir a prioridade brasileira na súa política exterior: en 2004 visitou Brasilia o primeiro ministro portugués Santana Lopes, a petición do propio Lula nos actos de conmemoración da independencia brasileira. En 2005, trala vitoria do socialista José Sócrates como primeiro ministro de Portugal, Brasil ocupou un lugar relevante na súa axenda: en agosto de 2006, Sócrates realizou a súa primeira visita oficial a Brasil a fin de impulsar o I Cumio Unión Europea-Brasil, celebrado en xullo de 2007 en Lisboa, durante a presidencia portuguesa no Consello da UE(32).

Este cumio deu paso a unha asociación estratéxica UE-Brasil que consolidaba a visión de Bruxelas (con relevante influencia de Lisboa) de observar a Brasil como un socio fiable. Antes de Brasil, a UE só concretara asociacións estratéxicas con EUA, Rusia, Xapón, China, Canadá, Sudáfrica e a India, preferindo incluír nesta modalidade a Brasilia polo seu crecente peso no escenario internacional(33).

Outro apartado ten que ver coas relacións económicas. No período 1985-2003, Portugal impulsou a idea dunha sociedade estratéxica con Brasil na que as potencialidades de Lisboa serían maiores como país membro da CEE, tomando en conta o aumento da riqueza no país, a súa estabilidade socioeconómica e política e ante os problemas económicos acaecidos en Brasil no período 1985-1999, especialmente en materia de inflación e depreciación da súa moeda. No goberno de Guterres, Lisboa fomentou a internacionalización das empresas portuguesas a través dun acelerado plan de investimentos en Brasil, por parte das principais firmas portuguesas EDP, PT, CIMPOR, SONAE, TAP Air Portugal, Brisa ou Augas de Portugal(34).

Para 1995, Portugal ocupaba a 21º posición entre os investidores estranxeiros en Brasil para, un ano despois, ocupar o décimo posto(35). Para 2000, Portugal pasou a ser o terceiro maior investidor estranxeiro no mercado brasileiro. Non obstante, e curiosamente coincidindo co período presidencial de Lula, esta tendencia comezou a ser decrecente: a partir de 2004, Portugal pasou a ocupar a 14º posición como investidor estranxeiro en Brasil, sendo suplantado por outros países como China ou EUA.

Pola súa banda, os investimentos brasileiros en Portugal seguen a ser pouco significativos(36), a diferenza do maior interese brasileiro por investir en países da África lusófona, como Angola e Mozambique. En materia turística, esta relación segue consolidando a súas pautas de interese: entre 2006 e 2007, Portugal foi o 3º país emisor de turistas a Brasil, mentres que Portugal constitúe o segundo destino europeo para os turistas brasileiros(37).

En maio de 2010, Lula realizou a súa última visita a Portugal, sendo entón recibido por Sócrates. Cunha crise económica en curso en Portugal e as perspectivas de rescate financeiro por parte da UE, a visita de Lula foi concibida como un respiro económico para o país europeo, especialmente ante a oferta brasileira dun maior impulso aos investimentos portugueses de cara á celebración no país suramericano do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016(38).

En marzo de 2011, a actual presidenta brasileira Dilma Roussef visitou Portugal, acompañada de Lula (quen acudía a recibir un galardón) e sendo igualmente recibida por Sócrates. Nesa oportunidade, o Banco Central de Brasil recibiu a oferta portuguesa para comprar débeda pública dese país, opción desestimada baixo a promesa de maiores investimentos brasileiros(39).

Compre, igualmente, considerar a relación luso-brasileira desde a óptica da inmigración. O Tratado de 1953 instituía unha igualdade de dereitos para nacionais brasileiros e portugueses, só limitado polas Constitucións de ambos países. A equiparación de dereitos entre cidadáns portugueses e brasileiros ocorreu de forma definitiva coa Convenção sobre Direitos e Deveres de 1971(40), sendo a mesma reafirmada co Tratado de Amizade, Cooperação e Consulta de 2000.

Nas décadas de 1980 e 1990, Portugal converteuse nun país receptor de inmigración, aumentando ata un 50% a poboación estranxeira neste país, beneficiado polo seu ingreso á CEE. Non obstante, a adopción portuguesa do Acordo de Schegen en 1991 deu paso a maiores restricións no fluxo de inmigración(41).

Entre 1986 e 2003 rexistrouse un vertixinoso aumento da inmigración brasileira a Portugal, a tal punto de constituírse como a segunda mais grande no país europeo(42). A partir de 2003 asinouse un Acordo Bilateral sobre a Contratação Recíproca de Nacionais (coñecido como “Acordo Lula”), que permitiu a regularización de milleiros de inmigrantes brasileiros ilegais en Portugal, así como prover de maiores igualdade de dereitos, en especial á hora de avaliación de títulos universitarios para o seu labor profesional.

d) Cambios xeopolíticos na Lusofonía

Co respecto ao marco de actuación luso-brasileiro dentro do espazo lusófono, en especial tralo impulso institucional outorgado coa creación en 1989 do Instituto Internacional de Lingua Portuguesa (IILP) na localidade brasileira de San Luis de Maranhão e, principalmente, coa creación en 1996 da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), é necesario considerar unha diversidade de visións entre Lisboa e Brasilia.

Desde comezos da década de 1990, Brasil orientou a súa atención cara o mundo desenvolvido e os esforzos de integración latinoamericana a través do MERCOSUR, outorgando un segundo plano as súas relacións coa África lusófona, agrupados nos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP), aínda que con marcadas excepcións como no caso de Angola, país onde os intereses brasileiros deron paso ao establecemento de fortes relacións bilaterais(43). Deste modo, no período 1990-2003, e a pesar da creación da CPLP, a África lusófona agrupada non representaba un estratéxico e primordial interese para a política exterior brasileira, o cal esvaecía o papel de Brasilia dentro do espazo lusófono(44).

Esta baixa intensidade nas relacións brasileiras coa África lusófona e, particularmente, dentro do espazo lusófono, presentou unha notable alteración coa chegada de Lula á presidencia en Brasilia, outorgándolle un gran interese á África lusófona na axenda da política exterior brasileira. Esta aposta pola Lusofonía e, especialmente, no escenario africano, foi un elemento clave na concreción de apoios internacionais para o obxectivo de Brasilia de contar cos votos suficientes dentro da ONU, a fin de elevar a súa petición de ingreso brasileiro ao Consello de Seguridade(45).

A cambio, Lula non só intensificou os investimentos brasileiros na África lusófona senón que, na súa visión multipolar dun sistema internacional mais equitativo, promoveu diversas iniciativas nos foros internacionais a favor dunha reestruturación do comercio internacional con claras perspectivas para favorecer aos países africanos e o mundo en desenvolvemento, como foi a creación do G-20 dentro da Organización Mundial do Comercio (OMC), ou ben a concreción do foro IBSA xunto á India e África do Sur.

No seu período de goberno (2003-2011), Lula visitou 27 países africanos, con especial énfase no espazo PALOP(46). Nese mesmo período, os intercambios comerciais entre Brasil e os países africanos pasaron de US$ 5.000 millóns a US$ 26.000 millóns.  En xullo de 2010 en Brasilia, no marco da promulgación do Estatuto de Igualdade Racial que definiu un novo marco de dereitos para a poboación afro-descendente, Lula invocou a “débeda histórica” que ten o Brasil co respecto aos países africanos, anunciando a creación da Universidade da Integração Internacional da Lusofonía Afro-Brasileira (UNILAB), con sé na localidade brasileira de Fortaleza, simbólica e historicamente relevante por ser a primeira que aboliu a escravitude en Brasil no ano 1888(47).

A UNILAB(48) está integrada por 2.500 alumnos brasileiros e outros 2.500 alumnos procedentes de países da África lusófona e constitúe unha referencia clave para observar porqué Lula outorgou ás relacións con África un carácter de “política de Estado”. A súa sucesora presidencial Dilma Roussef continuou esta “política de Estado” brasileira cara os países africanos, iniciando en Angola e Mozambique unha xira africana en outubro de 2011, que tamén levouna a África do Sur. Mozambique é o país onde Brasil destina a maior parte da súa cooperación exterior, con proxectos valorados en US$ 70 millóns para o período 2010-2013. Pola súa banda, Angola é o país africano con maiores niveis de crédito outorgados polo Banco Nacional de Desenvolvimento Económico e Social (BNDES) de Brasil, valorados en US$ 3,7 millóns, así como un dos principais socios comerciais de Brasilia, cunha balanza comercial que creceu 20 veces no período 2002-2010, amosando neste último ano un saldo comercial de US$ 1,44 millardos(50).

Esta aposta institucional e comercial, así como a autonomía brasileira á hora de definir a súa axenda de política exterior cos países da África lusófona, explica un novo momento das relacións dentro do mundo lusófono, tomando en conta que a diplomacia brasileira xa non depende directamente dunha concreción de intereses e consultas con Lisboa(50). Pero moitos expertos consideran que o futuro da Lusofonía pasa definitivamente por Brasil, a tenor da súa impresionante dimensión demográfica (188 millóns de habitantes) e económica (unha das 10 potencias económicas do mundo) que lle outorgan a este país un peso xeopolítico clave no espazo lusófono, superando así a tradicional dimensión outorgada por Portugal como “país nai” creador da Lusofonía(51).

Deste modo, o discurso tradicional da Lusofonía ven definido en torno á construción imaxinaria portuguesa dun espazo físico e territorial dentro do mundo lusófono como escenario de prioridade xeopolítica para Lisboa, visión que atopou escaso eco tanto en Brasil como nos demais países de lingua portuguesa(52), probablemente percibido nestes países como unha reminiscencia do colonialismo portugués.

Aínda que Portugal segue a ser o país con maior riqueza socioeconómica dentro do espazo lusófono, o tradicional discurso da Lusofonía emanado por Lisboa aporta contraditorios beneficios para os intereses portugueses, tomando en conta o seu status de “país periférico” dentro do sistema internacional, actualmente superado polo ascenso emerxente de novas potencias como Brasil e a definición do autonomismo na política exterior dos países africanos. Como explica António Marques Bessa, profesor da Universidade Técnica de Lisboa e do Instituto Superior de Ciencias Sociais e Políticas:

“Esta singular manía de centralidade de Lisboa para os países descolonizados, incluindo o Brasil, é pura e simplesmente desastrosa e não é mais que um reflexo da própria colonização”(53).

Unha visión comparativamente similar emanase do profesor Andrés Malamud, do Instituto de Ciencias Sociais da Universidade de Lisboa, sobre as diversidades da política exterior portuguesa:

La política externa de Portugal resulta de la convergencia de tres ejes geopolíticos: los que unen al país con Europa, con los Estados Unidos y con los demás países lusófonos. Este último, que constituye la Comunidad de Países de Lengua Portuguesa (CPLP) es el más impreciso de los tres. Ello se debe a dos razones:la primera es que los países lusófonos tienen, en cuanto actor internacional, una consistencia mucho menos sólida que la Unión Europea (UE) y los Estados Unidos; la segunda es que la sustancia del vínculo reposa en factores identitarios antes que en intereses comunes o convergentes”(54).

O ascenso global de Brasil determina así un novo momento para a Lusofonía, cun claro cambio de orientación xeopolítica cara a marxe occidental atlántica. Seguindo con Malamud:

Sin embargo, esta situación ha comenzado a cambiar a partir de la emergencia de Brasil como potencia media, proceso que se consolida en las últimas dos décadas – y especialmente desde la creación del Mercosur en 1991. El peso demográfico y económico, así como el rol creciente de Brasil en el escenario internacional, han contribuido a transferir el centro de gravedad de la comunidad lusófona de la orilla oriental a la occidental del Atlántico. Al mismo tiempo, le han conferido a la CPLP una densidad económica de la que antes carecía, lo que se manifiesta en el aumento de las inversiones, el comercio y la cooperación entre Portugal, Brasil, los países africanos de lengua oficial portuguesa (PALOP´s) y Timor Oriental”(55).

Deste modo, a relación luso-brasileira dentro da Lusofonía oriéntase claramente favorable á preponderancia e o peso de Brasil como actor fundamental:

“Las asimetrías entre Portugal (el estado “madre” de la Lusofonía y el de mayor riqueza relativa) y Brasil (el de mayores dimensiones demográficas y económicas y mayor potencial de liderazgo) son considerables. Por comparación con las que existen entre otras ex potencias coloniales europeas y sus antiguas colonias, la relación Portugal-Brasil es la más desbalanceada a favor de la ex colonia. Este factor, difícil de asimilar en términos psicológicos e ideológicos, ha contribuido para que sólo recientemente las elites portuguesas admitieran la irreversibilidad de la asimetría y reconocieran, pese a todo, el potencial que contiene la relación bilateral” (56).

No segundo decenio do século XXI, a Lusofonía e, por tanto, as relacións entre Brasil e Portugal, abordarán un momento claramente favorable para o ascenso dos países do Sur, escenario que definirá ao mesmo tempo novas prioridades e retos na relación bilateral entre Lisboa e Brasilia. Deste modo, a secular e invariable fraternidade luso-brasileira dará paso, progresivamente, ao peso do pragmatismo e da realpolitik na concreción de novos espazos de interese, na que a consolidación das relacións entre Brasil e a África lusófona suporá o seu elemento de maior definición.

 

 

1 ) FONSECA, Carmen Sofía, “Intenções versus desempenho: o Brasil na política externa portuguesa (1976-2007)”, Revista Brasileira de Política Internacional, Nº 53 (2), Brasilia, 2010. Accesible en: http://redalyc.uaemex.mx/redalyc/src/inicio/ArtPdfRed.jsp?iCve=35818465003

2 ) DE FREIXO, Adriano; “As relações luso-brasileiras e a CPLP: algumas reflexões em torno da idéia da
 Lusofonia”. Ver en: http://www.oplop.uff.br/sites/default/files/documentos/as_relacoes_luso-brasileiras_e_a_cplp.pdf

3 ) Ibid

4) DURÁNTEZ PRADOS, Frigdiano Álvaro, “La Comunidad de Países de Lengua Portuguesa. Un nuevo foro de concertación y cooperación”, Documentos CIDOB d´Afers Internacionals, Nº 48, Barcelona, 1999. Ver en: http://www.raco.cat/index.php/revistacidob/article/viewFile/28159/27993

5 ) Ibid

6 ) Ibid

7 ) Ibid

8 ) Ibid

9 ) “Relaçoês Luso-Brasileiras: O sucesso da aposta comercial”. Ver en: http://www.ieei.pt/publicacoes/artigo.php?artigo=875

10) DURÁNTEZ PRADOS, op.cit

11 ) DE FREIXO, Adriano, op.cit

12 ) Un interesante artigo que explica o apoio do ex presidente brasileiro Juscelino Kubitschek ao réxime de Salazar e o proxecto colonialista portugués, está contido en RAMPINELLI, Waldir José, “A política internacional de JK e as súas relações perigosas com o colonialismo portugués”, Revista Lutas Sociais, Vol. 17/18, 1º semestre 2007. Núcleo de Estudos de Ideologias e Lutas Sociais (NEILS), Programa de Estudos Pós Graduação em Ciências Socias, Pontificia Universidade Católica de São Paulo (PUC-SP), Brasil. Ver en: http://www.pucsp.br/neils/downloads/v17_18_waldir.pdf

13) BARBOSA TAVARES, André; “Relações luso-brasileiras: passado, presente e futuro”, Working Paper, Relações Internacionais de Portugal, Centro de Estudos de População, Economia e Sociedade (CEPESE), Porto (Portugal). Ver en: http://www.cepese.pt/portal/investigacao/working-papers/relacoes-externas-de-portugal/relacoes-luso-brasileiras-passado-presente-e-futuro/Relacoes-luso-brasileiras-passado-presente-e.pdf

14 ) Relaçoês Luso-Brasileiras: O sucesso da aposta comercial”, op.cit

15 ) BARBOSA TAVARES, André; op.cit

16 ) Páxina web do Ministerio de Relacións Exteriores do Brasil: http://www2.mre.gov.br/dai/biport.htm. Tomado de BARBOSA TAVARES, op.cit

17 ) BARBOSA TAVARES, op.cit

18) FONSECA, Carmen Sofía, op.cit

19 ) Ibid

20 ) CARVALHO, Thiago; Do lirismo ao pragmatismo. A dimensão multilateral das relações luso-brasileiras (1974-1976), Instituto Diplomático, Lisboa, 2009. Citado en FONSECA, Carmen Sofía, op.cit

21 ) FONSECA, Carmen, op.cit

22 ) CARVALHO, Thiago; “Portugal e as relações Brasil-União Europeia (1986-2007)”, Relações Internacionais, Nº 29, Lisboa, Marzo 2011. Instituto Português de Relações Internacionais (IPRI).

23 ) Ibid

24) FONSECA, Carmen, op.cit

25 ) Ibid

26 ) BARBOSA TAVARES, op.cit

27 ) Ibid

28 ) FONSECA, Carmen, op.cit

29 ) Ibid

30 ) Ibid

31 ) MALAMUD, Andrés; Portugal y Brasil: relaciones asimétricas, potencial de complementación,
XXIII Conferência Internacional de Lisboa, Sessão temática
Prioridades para a Acção Externa de Portugal Relações Bilaterais, CIES-ISCTE, Lisboa, 2005.

32) FONSECA, Carmen, op.cit

33) CARVALHO, Thiago; “Portugal e as relações Brasil-União Europeia (1986-2007)”, op.cit

34) FONSECA, Carmen, op.cit

35) Ibid

36) Ibid

37) Ibid

38) “Lula patrocina novos negócios na última visita”, Económico (Portugal), http://economico.sapo.pt/noticias/lula-patrocina-novos-negocios-na-ultima-visita_89986.html

39) “La visita de Lula y Roussef da un respiro político a Portugal”, El País (España), 30 de marzo de 2011. http://elpais.com/diario/2011/03/30/internacional/1301436010_850215.html

40) BARBOSA TAVARES, op.cit

41) FONSECA, Carmen, op.cit

42) Ibid

43) DE FREIXO, Adriano, op.cit

44) Ibid

45) Ibid

46) “Lula anuncia creación de universidad para estudiantes africanos y brasileños”, Info7 (México), 20 de xullo de 2010. Ver en: http://info7.mx/a/noticia/208416

47) Ibid

48) Páxina web da UNILAB: http://www.unilab.edu.br/

49) “Próxima viagem de Dilma Rousseff mantém aproximação à África lusófona iniciada por Lula da Silva”, Noticias SAPO (Mozambique), 15 de outubro de 2011. Ver en: http://noticias.sapo.mz/lusa/artigo/13202924.html

50) DE QUEIROZ, Mario; “Brasil-Mozambique: las relaciones ya no pasan por Portugal”, Inter Press Service en Español, 10 de setembro de 2010. Ver en: http://ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=42126

51) Unha visión compartida pola profesora Marzia Grassi, experta en temas afro-portugueses na Universidade de Lisboa. Ver en DE QUEIROZ, op.cit

52) DE FREIXO, Adriano, op.cit.

53) MARQUES BESSA, António; “Uma visão sobre as grandes linhas da política externa portuguesa nos últimos anos”, en KNOPFILI, Francisco (coord..), As políticas exteriores de Brasil e Portugal: visiões comparadas, Lisboa, Instituto Superior de Ciências Sociais e Políticas, 2004. Tomado de  BARBOSA TAVARES, op.cit

54) MALAMUD, Andrés: Portugal y Brasil: relaciones asimétricas, potencial de complementación
XXIII Conferência Internacional de Lisboa, Sessão temática, Prioridades para a Acção Externa de Portugal, Relações Bilaterais CIES-ISCTE, Lisboa, 2005

55) Ibid

56) Ibid


 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Latinoamérica



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 20/02/2012


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta