¿A guatepeor?

As eleccións celebradas o pasado domingo en Guatemala, país que próximamente visitará o Presidente da Xunta de Galicia, ofreceron un resultado pouco esperanzador para a consolidación do proceso de pacificación iniciado hai tres anos. Despois do fracaso do referendo do mes de maio, que rexistrou unha abstención de máis do setenta por cento, o trunfo de Portillo, candidato da Fronte Republicana Guatemalteca de Ríos Montt, desperta unha razoable inquietude nos sectores máis comprometidos coa paz, a defensa dos dereitos humanos e a xustiza social. ¿Estará en disposición de desatascar os compromisos do proceso de paz? Oscar Berger, candidato oficialista, xa ofreceu un entendemento á Alianza Nova Nación, formación de esquerdas na que se integrou a guerrilla e que obtivo algo máis do 12% dos votos, para establecer unha fronte común na segunda volta. Pero aínda con acordo será difícil invertir a tendencia.

Na sociedade indíxena, esa inmensa maioría que dende hai anos vira as costas á vida política oficial, sigue estando unha das claves esenciais para a normalización de Guatemala. Sen involucrar activamente na estabilización do país a ese sesenta por cento de poboación, o proceso guatemalteco seguirá avanzando a duras penas. Vencer as mutuas desconfianzas esixe a adopción de políticas que reduzan as elevadísimas taxas de desemprego e de analfabetismo que de vello padecen. Unha tarea sen dúbida apremiante pero que precisa tempo e sobre todo recursos que o presidente saínte, Alvaro Arzú, nunca empregou. Á súa disposición tivo 800 millóns de dólares de fondos internacionais para sustentar o proceso de paz, pero nunca chegaron ós seus principais destinatarios. Agora, as recetas ultraliberais de Portillo choverán sobre mollado.

Por iso, se a resultas destas eleccións vai a máis o distanciamento entre os principais garantes da tregua, tamén aumentarán proporcionalmente as posibilidades de reabrir as feridas da guerra civil.