América na nosa acción exterior

O Presidente da Xunta, Manuel Fraga, inicia unha nova viaxe a Arxentina e Uruguai. A iniciativa enmárcase na liña dos contactos habituais do goberno galego con América Latina, se ben cun lixeiro aditivo sentimental: son os mesmos países que visitou en novembro de 1990, na primeira xira efectuada pola rexión, a uns meses da toma de posesión. Dende entón, a atención a Iberoamérica, e sobre todo ao grupo de países do Mercosur, é unha constante da "paradiplomacia" do gabinete autonómico. Asi se reflicte no Programa Cuatrienal de Acción exterior da Xunta , escrupulosamente respectado neste ámbito, aínda que menos no que atinxe ás economías emerxentes, falemos dos países da Europa da ampliación ou do ámbito asiático. É algo que está por facer.

A atención a América Latina é unha proxección compartida por amplos sectores da nosa sociedade. Transcende, con moito, o meramente institucional. Múltiples institucións, concellos, cámaras de comercio, sindicatos, partidos políticos (sobre todo en tempo electoral), organizacións non gobernamentais, todos contemplan este ámbito xeográfico como unha rexión preferente no seu traballo, un escenario inevitable das súas actividades. Toda unha enerxía, sen embargo, que camiña por rotas paralelas, sen a penas conexión ou coordinación efectiva entre si. Sería importante que esa ampla converxencia de intereses se coordinase aquí a traves dalgún Plan para Iberoamérica, concibida ademais como a primeira pedra dese edificio común que procedería abordar na próxima lexislatura para establecer unha alianza por Galicia no eido exterior, onde tanto nos xogamos.

Liderado pola Administración, un Plan para Iberoamérica permitiría conxugar esforzos, aproveitar sinerxias, definir prioridades e crear estructuras que non soamente perseveren no día a día senón que imaxinen o futuro; eses mecanismos proporcionan á cooperación internacional unha solidez engadida a ese outro impulso persoal que ten o seu momento pero que debe ser contextualizado.

É o momento de visualizar unha proxección distinta de Galicia que, sen merma dos Centros Galegos, afirme a nosa presencia exterior cun sentido máis innovador, volcado no apoio dos sectores empresariais que a cotío viaxan a esta rexión, na acción política de profundización democrática, ou no decidido aval ós proxectos de cooperación ó desenvolvemento que moitas ongs galegas executan en toda a rexión.

Esta viaxe do Presidente Fraga é unha ocasión excelente para facer balance dunha década, dos numerosos contactos mantidos, dos múltiples convenios e outros documentos suscritos pola Xunta de Galicia e as autoridades da prática totalidade de América Latina, sempre cun nivel de representación absolutamente impensable en calquer outro escenario internacional. É hora tamén de recoller o sementado e iniciar unha nova andaina.