Apostar por Cuba

Toda América Latina forma parte das áreas prioritarias de atención definidas polo Goberno galego no seu programa cuatrienal de acción exterior. Nese contexto, Cuba, pola súa transcendencia política e mesmo afectiva, sen dúbida reviste unha particular importancia. Pero cómpre sinalar que son numerosos os eidos tanxibles que poden contribuir ó artellamento dun amplo abano de relacións, hoxe case circunscritas ó intercambio universitario e cultural e polo mesmo diríase que de escaso peso.

En Galicia, Cuba pode ser un lugar de encontro para a administración e a sociedade civil, para a comunidade empresarial ou sindical, para o partido do goberno e os da oposición. Sen embargo, acontece que cada un destes axentes vai por libre, mermando a nosa efectividade. A compoñente oficial é decisiva respecto a un país como Cuba para impulsar as relacións e salvar o complexo entramado burocrático que pode dificultar o éxito dalgúns proxectos. A administración galega debe arbitrar políticas de apoio que permitan suplir as deficiencias e temores da nosa estructura empresarial, pero igualmente alentar a confluencia de intereses e políticas dos diversos axentes que na sociedade galega miran cara a Cuba. Unha aposta seria por Cuba require a institucionalización dun diálogo que nos permita avaliar o andado e avanzar máis rápida e sólidamente enriquecendo cun maior contido as simpatías mutuas.