Bolivia, golpe a golpe

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O país do altiplano está marcado por un péndulo histórico que latexa a un ritmo endiañadamente vertixinoso. Dixeriu máis golpes de estado que anos ten como independente. O presidente Hugo Banzer, electo agora democraticamente, é unha pegada activa da cruel dictadura dos 70 e, para desconcerto da progresía, está apontoado polo Movemento de Esquerda Revolucionario (MIR) que integra o seu goberno.

Para a maioría da poboación do antigo Alto Perú, instalada na pobreza máis desmesurada de Latinoamérica, o reloxo do tempo do progreso permanece inmóbil, cravado no posto 112 do ranking do Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

A veces, as agullas parecen circular en sentido contrario, así os labregos de, hoxe en día, teñen que vender as patacas a un prezo inferior ao de hai dez anos. As enxurradas cartos, xeradas polo "sagrado cultivo da coca", así denominado polos sindicatos labregos, ollando cara as tradicións indíxenas, padecen unha progresiva seca. O país axítase nunha persistente chuvia de mobilizacións que tensan a escasa paciencia do dictador converso, que periodicamente ameaza con medidas propias dos tempos de seu esplendor autoritario.

Un abril en estado de excepción

Golpes de estado, revoltas, represión, violencia, mortes, miseria repítense, sen interrupción, durante os 175 anos de independencia e prolónganse ata á actualidade.

Abril foi un mes de especialmente crispado, no que unha inacabada serie de conflictos illados, aparentemente inconexos, xeraron unha sensación de desgoberno. A gravidade dos sucesos puxeron a Bolivia no escenario da actualidade mundial, ao que raramente acceden os países proscritos a vivir na cola do desenvolvemento.

Logo de vintecatro días pechados, os universitarios decidiran pasar a unha innovadora forma de protesta. Cada cinco minutos extraerían sangue para realizar pintadas nas paredes demandando a dimisión do rector Robles da Universidade Maior e Pontificia de San Francisco Xavier. Paralelamente Grupos de labregos, policías, cocaleros levaban unha semana de intensas mobilizacións demandando auga, subidas salariais, mantemento da coca, dimisións…

O conflicto máis duro foi propiciado pola Coordenadora de Defensa da Auga e a Vida que decidiu bloquear a cidade de Cochabamba e paralizar a súa actividade urbana. Esixían a retirada do contrato subscrito polo Estado Boliviano coa Empresa británica "Aguas de Tunari" polo que esta empresa privada administraría os recursos hídricos e a súa distribución. Non estaba de acordo en que a auga, pasase as mans de "Aguas de Tunari" e que os ríos e os mananciais quedasen a disposición da empresa. O goberno retrucaba que era o único xeito de dar auga corrente, a curto prazo, ao 50% da poboación de Cochabamba . Mais os campesiños non estaban dispostos a renunciar ao acceso libre aos mananciais, nin a pagar un aumento do prezo da auga estimado nun 300%.

O dictador dos anos 70, e agora presidente Hugo Banzer, arroupado por unha heteroxénea "megacoalición", só acertou a afrontar a situación con medidas de represión. Estado de sitio, mortos, feridos, detidos, cúpulas sindicais encadeadas, violacións domiciliarias, militarización das rúas…renacen como historia que, 20 anos máis tarde, se repite a xeito de pesadelo.

O compromiso cívico da igrexa, a debilidade da megacoalición que polo camiño dos tres anos de goberno foi deixando aliados e a esmagadora maioría parlamentaria inicial, a firmeza nas mobilizacións, a presión internacional…foron argumentos suficientes par convencer ao dictador de que remataran os tempos da doutrina da seguridade nacional e veuse obrigado a minguar a forza do pulso para rematar negociando.

Banzer retornara ao poder no outono de 1997 cun discurso marcadamente populista, recheo de promesas imposi beis, no que se dirixía especialmente aos máis desfavorecidos, para os que se propugnaba como único salvador.

Baixo o pretexto dun necesario esforzo recadador para xerar recursos cos que combater a pobreza, pronto aplicou medidas que, outra volta, golpearon nos máis débiles. Reformas estructurais que, en nada, se apartaron das deseñadas dende o ríxido tiraliñas do FMI. Coa aberta oposición da Central Obreira Boliviana (COB) subiu nun 25% o prezo dos carburantes, aumentou a carga impositiva, proseguiu coas privatizacións… No seu desenfreo aforrador tentou suprimir o Bonosol , unha paga de 44.000 pesetas anuais prevista para as persoas superasen as 65 anos, só unhas 350.000 xa que a esperanza de vida escasamente supera os 61 anos. Mostrábase remiso a desembolsar os 15.400 millóns de pesetas anuais que estaban depositados nas arcas estatais provenientes dos ingresos das privatizacións das empresas públicas feitas polo anterior goberno.

As revolucións perdidas

Os míticos Tupac Amaru e Murillo foron fracasados precursores das revolucións previas á independencia. No seu escaso recorrido histórico como nación emancipada, Bolivia estivo marcada por severas derrotas nas que por disputas de poder ou de control de filóns, ten perdido, en acedos conflictos cos países limítrofes (Brasil, Chile,Paraguai), grandes anacos do seu territorio que finalmente a deixaron sen saída ao Océano Pacífico.

Se o século XIX estivo caracterizado pola progresiva ocupación de terras polos indíxenas das que foron violentamente desaloxados; a primeira metade do do S. XX, viu como se conformaban tres grandes grupos financeiros: "Patiño", "Hoschchild" e "Aramayo" que amais de controlar a maior fonte de riqueza do país, o estaño, dirixirían a súa vontade aos gobernos. En 1936, unha curta revolución cabezada por José David Toro racharía este estigma ao implantar medidas socializantes como a sindicación obrigatoria, as nacionalizacións coa confiscación parcial da Standard Oil co., as leis anti- trust.. EE UU, en contra das súas practicas habituais preferiu negociar e non intervir no conflicto das nacionalizacións. Os magnates do estaño tamén asfixiarían o golpe do 42, apoiado polo MNR e liderado polo xeneral Gualberto Villarroel que propugnaba medidas de corte social.

Mais se hai unha revolución que deixou pegada legal e modificou as estructuras do estado foi a Revolución de 1952. As eleccións de 1951 déranlle a victoria ao exiliado Paz Estenssoro, a pesares de que aínda estaba vixente un sistema de voto cualificado. O trunfo non foi recoñecido polo goberno saínte, o que deu pé a unha insurrección popular dunha semana comandada polo MNR que contou coa axuda dunha parte do exército e dos mineiros que aportaban a dinamita, organizados na forte COB (Central Obreira Boliviana) de Lechín. Nos anos seguintes Paz Estenssoro e Siles Suazo alternáronse no poder mantendo propostas progresistas como o voto da muller. Paulatinamente foron abandonando as medidas máis socializantes como a nacionalización da economía, a Reforma Agraria, o que desencadeou a ruptura do partido e a expulsión do MNR do sindicalista Juan Lechín Oquendo quen, dende entón, encabezará o sector máis esquerdista.

Dende 1952 viviuse unha encadeada serie de bruscas viraxes políticas con interferencias militares e tamén nalgúns casos sindicais; entre dictaduras (Barrientos, Banzer, García Meza…), gobernos de militares social- populistas (Juan José Torres…), e eleccións democráticas ( Siles Suazo, Lidia Gueiler, Paz Estenssoro…). No medio de tanto rebumbio o exército, a través da COFADENA (Corporación das Forzas Armadas para o Desenvolvemento Nacional) fíxose co control dos sectores estratéxicos da economía como o mineiro, o automóbil, o narcotráfico, a metalurxia…

Ningún dos innumerábeis cambios políticos ten consolidado unha liña de desenvolvemento endóxeno que permita saír ao país do seu crónico postergamento. O MNR ou o MIR, que outrora se postularon como alternativa ao pesimismo histórico do antigo Alto Perú, desde posicións populistas e progresistas, foron descarrilando dos seus principios ideolóxicos para instalarse en sucesivas vías de ideolóxicas de reformismo e pragmatismo ata acabar en vías mortas, confundidos cos movementos máis reaccionarios e en coalicións desgonzantes cos dictadores, defendendo parecidos modelos sociais e luxados pola corrupción e o narcotráfico.

O sagrado cultivo da coca

As abundantes plantacións de café, algodón, millo, cana de azucre, arroz, patacas ou madeira, non dan sacado da miseria á maioría da poboación que vive aloxada nunha arraigada pobreza. Máis rendíbeis son as 38.600 Ha dedicadas ao cultivo ilícito da coca, considerada polos indíxenas coma un símbolo da súa ancestral identidade cultural, no que Bolivia ocupa un posto de podio no mundo. Só detrás de Perú e Colombia en extensión e o 2º en número toneladas.

Os planos de elimación do cultivo tiveron, ata agora, resultados discretos no volume bruto. En parte por utilizarse outras vías alternativas por Brasil ou Colombia, pero fundamentalmente porque dende finais dos oitenta o Goberno boliviano ten subvencionaddo con 2.000 dólares cada hectárea de folla erradicada. Mais a agudeza e o fraude dos extremadamente pobres campesiños, fixo aparecer novas plantacións que volvían ser subvencionadas para seren abandonadas. A producción da pasta de coca concéntrase fundamentalmente na rexión do Chaparé á que tamén chegaron para instalarse, antigos traballadores despedidos das minas estatais no ano 1985, así como labregos doutras rexión que albergaban a esperanza de facerse con unha leira na que cultivar coca ou só coa intención de beneficiarse dos anunciados "planos de desenvolvemento alternativo", para os que estaban destinados investimentos por un valor de 200 millóns de dólares. Os agardados resultados non se materializaron , agás no caso dalgunhas instalacións experimentais na agroindustria.

Paradoxalmente, ao final do proceso, a superficie cultivada de coca tiña aumentado. O Goberno de Hugo Banzer trazou, entón, un plano quinquenal coa progresiva reducción dos incentivos á erradicación dos cultivos ilegais ata a súa drástica desaparición no ano 2002. Ademais iría acompañado coa duplicación dos efectivos policiais e un quimérico plano desenvolvemento alternativo para o que están presupostados 958 millóns de dólares, dos que 161 van ser aportados polo estado e 300 xa están comprometidos conxuntamente pola UE e os EE UU. Os resultados xa que comezan a percibir, o país pasou a ocupar o terceiro lugar mundial.

No golpe contra do narcotráfico participan as militarizadas Unidades Móbiles de Patrullaxe Rural (Umopar) coordenadas polo Departamento Estadounidense Antidroga (DEA) dende finais dos 80. Contra das políticas de erradicación da coca, téñense organizado mobilizacións labregas quechua-aimaras dirixidas polo Comité de Coordenación, que en 1994 e 1995 protagonizaron dúas grandes marchas en defensa da folla da coca.

A eliminación durante o quinquenio de 5000 a 8000 hectáreas anuais non vai estar exenta de tensións. Os mineiros despedidos, reconvertidos en labregos productores, téñense organizado en «comités de autodefensa» para desafiar ás Umopar. Nas liortas xa non só se utilizan paos e pedras para defender a coca, senón que agora aparece dinamita, da que son expertos manipuladores.

Os productores de coca piden que a reducción da producción se faga de forma voluntaria e a un xusto prezo. Así mesmo, demandan que as 30.000 familias do Chaparé poidan acceder aos beneficios dos planos de desenvolvemento alternativo, non só as 15.000 directamente afectadas, xa que a maioría da poboación vive na pobreza máis esaxerada, sen acceso á auga potábel ou a outros servicios básicos. Moitos prefiren pórse a disposición dos señores da coca, antes de confiar en proxectos nos que os funcionarios intermediarios aparecen, case sempre, como privilexiados beneficiarios.

Hai tres meses un precoz infarto finaba co "altruísta" capo Roberto Suárez, " O rei", "O taita". Producía a coca máis prezada dos esixentes mercados occidentais e no seu país gozou dunha mítica aureola de benfeitor dos pobres e patriota. Ofreceuse, el só, para liquidar a débeda externa de Bolivia tirando da fortuna do seu repleto peto, e deste xeito rematar coa tiranía da pesada bota do FMI. Elaborou unha depurada teoría da acción redistributiva do cultivo da coca para as desigualdades mundiais. . " o meu obxectivo era elevar o prezo a pagar polos yuppies do mundo para investir no desenvolvemento interior". Con esta escusa subiu o prezo da pasta de coca dende os 180 dólares ata os 6.000 dólares. Para ás máis refinadas elites elaborou a "creme" máis cobizada a cocaína máis pura do mundo,a un prezo 15.000 dólares. O labor de mecenado exercido polo "taita" Suárez Gómez en doazóns de tipo social e equipamentos de uso público teñen deixado unha imborrabel pegada de admiración entre os labregos que temen un futuro peor sen coca. Proxectos para traballar no potencial turístico da zona ou proxectos agroindustriais e gandeiros, non superan a barreira da incredulidade para aqueles que precisan a tanxibilidade e non de facer gratuítos autos de fe no goberno.

Círculos corruptos do poder

Bolivia tamén posúe o seu aborrecido personaxe nacional que se desliza sobre a inestábel corda dos espectaculares negocios, bordeando a legalidade pero dende posicións moi próximas aos resortes dos poder. O Berezovski local, o Montesinos boliviano é Marco Marino Diodato. A súa exitosa carreira como respectado empresario caeu, de socato, en desgracia cando ousou facer espionaxe telefónica á embaixada dos EE UU. Non acatou a estricta norma, non escrita, de non fozar no interior dos asuntos da potencia norteamericana.

Para os que quebranten esta norma non hai clemencia, nin siquera para os máis próximos. Sabeo ben Pinochet, quen tivo que deixar procesar e encarcerar ao Xeneral Contreras, o seu delfín fiel na DINA, polo asasinato nos EE UU de Orlando Letelier, ex-canciller do goberno de Salvador Allende.

A partir do mesmo intre da espionaxe, a caza do italiano converteuse nunha prioridade para os norteamericanos.

Numerosos membros de gobernos de distinto signo teñen pasado pola Praza do liberador Murillo na capital, onde ten reputados casinos clandestinos. Soubo mercar vontades e tapar a boca con xéneros subornos a funcionarios e cargos públicos sobre os que pendura a ameaza de exhibir os vídeos coas orxías pagadas polo magnate a políticos de primeira liña. Os bolivianos aínda lembran o escándalo protagonizado por relevantes membros do partido de Banzer (ADN), como o ministro de educación Tito Hoz de Vila, o de defensa Fernando Kieffer ou o viceministro de coordinación parlamentaria Guillermo Fortum. Cando regresaban dunha viaxe oficial a China, fixeron unha escala , a cargo de Diodato, en Las Vegas para participar nos Casinos da capital mundial do xogo.

O arbritario brazo dos EE UU avanza implacábel e o goberno boliviano non ten máis remedio que deixar caer valiosos peóns como o seu ministro de información Jorge Landivar ou o ministro de xustiza Carlos Subirana implicados na presión aos xuíces para deixar libre a Diodato.

Difícil papel ten o dictador para desembarazarse dos estreitos vínculos que mantivo con Diodato. O italiano foi contratado polo ex-xefe da Casa Militar, o xeneral Luís Uriarte para limpar de micrófonos espías o Pazo de Goberno e para crear un corpo policial de elite. Para colmo da casa presidencial, Diodato, a quen o goberno dos EE UU considera como xefe da mafia italiano en Bolivia, casou con Gina Banzer, sobriña do presidente. Dende o 19 de xullo do 1999 permanece encarcerado na espera de xuízo por un caso xogo ilegal.

A oportunidade do S. XXI

Un país escasquetado na inestabilidade, corrupción e o narcotráfico está nunha interminábel espiral sen saída. Pouca esperanza se pode albiscar cando o Presidente non se atreve a prognosticar un país desenvolvido no horizonte dos próximos 25 anos, só aspira …a unha Bolivia menos pobre. O descendendes do país do Alto Perú semellan abocados á fatalidade dun destino que non deixa de golpealos. Dende hai 15 anos Bolivia está ao pairo das inclemencias do modelo neoliberal, desprotexido de calquera arancel, tanto para os productos industriais como para os agropecuarios. A máis mísera economía de Iberoamérica, só por riba da do Haití, é demasiado débil, como para albergar a distinción de ser a máis liberalizada. Os ollos están demasiado postos nos EE UU cos que se mantén máis do 25% do deficitario comercio exterior. A unha clase política entre a que abondan os Ronalds, Walters, Jonhys, Freddys,Gregorys, Harols, Percys, Mickys lles corresponderá a responsabilidade de que as novas xeracións, indíxenas na súa maioría, de luminoso colorido nas vestimentas, non sexan golpeadas pola pobreza e se afasten das escuras expectativas.

A comezos do verán Banzer lanzou a campaña do Diálogo Nacional que pretende a elaboración dunha estratexia a 25 anos para a reducción da pobreza, está dirixido fundamentalmente á sociedade civil e considera tres aspectos fundamentais: O social, o económico… o humano e ao final, tamén, o político. Temas que serán debatidos en 1.256 mesas de discusión, esparexidas por toda a xeografía boliviana que confluirán nunha mesa nacional, da que podería, mesmo tirarse a conclusión dunha nova constitución.

Calcúlase que Bolivia podería acceder, se consigue presentar un consensuado plano de desenvolvemento críbel, a un monto de 1.300 millóns de dólares nun prazo mínimo de 15 anos, provenientes da débeda externa condonada. Agora ben, serán o FMI e a BM os que dean os parabéns aos programas elaborados. Unha esperanza condicional.