Coa mosca tras a orella

Dende o remate da segunda guerra mundial, a República Federal Austríaca estivo gobernada por unha ampla alianza, entre a dereita e os socialistas, que se rompeu en 1966 para dar paso a un goberno exclusivamente conservador. Este, sería derrotado, en 1970, polos socialistas (SPÖ) liderados por Bruno Kreiski que iniciaban, na seguinte lexislatura, unha xeira de maiorías absolutas que mesmo converteron ao chanceler en referencia para os PS europeos. Rematado este período, a "gran coalición" gobernou durante 13 anos máis.

A campaña das pasadas lexislativas do 3 de outubro foi dura dabondo. As tensións entre os partidos gobernantes, socialistas e cristián demócratas, centráronse en aspectos referidos á seguridade exterior e especialmente no debate sobre a integración na OTAN. Mentres os socialistas propoñen unha moratoria de cinco anos sobre a decisión e defendían unha "neutralidade activa" que pasase pola reforma do Consello de Seguridade da ONU, dotar de relevo á OSCE e á UE dunha "política exterior común", os democristiáns pretenden a integración inmediata na OTAN, proposta na que coinciden co FPÖ de Haider preocupado tamén pola "seguridade interior" seica ameazada polos inmigrantes do leste. Austria pasou a década final do século pendente da traxedia balcánica e lembrando un pasado no que Croacia e Bosnia-Hercegovina eran territorios integrados no imperio da aguia bicéfala e dependían administrativamente de Viena. As eleccións tiveron lugar aos poucos meses do bombardeo da OTAN a Iugoslavia e a preocupación pola seguridade era evidente.

Ao tempo os democristiáns da ÖVP sentían na caluga a presión do histórico, mesmo chegou a formar parte do goberno nos primeiros anos setenta, Partido Liberal (FPÖ), dirixido dende 1986 por un mozo ambicioso e cun gran sentido da oportunidade chamado Haider, que se lle aproximaba nas urnas e mesmo ameazaba con superalos. Durante a campaña electoral o ÖVP anunciou a intención de pasarse á oposición tentando evitar a perda de votos cara o FPÖ. Non o logrou, o SPÖ volveu gañar, mais cun 5% menos e viu reducidos os seus escanos en 10; o ÖVP mantivo os seus escanos (52) perdendo en votos; mentres o gran triunfador o FPÖ gañaba algo máis do 6% e superaba ao ÖVP nun escano cun resto de a penas 400 votos. Nun país con amplas taxas de participación esta víase reducida nun 10% e o gran prexudicado foi o SPÖ que tamén perdeu votos entre os máis novos e os traballadores do "cinto vermello" de Viena.

¿Qué acontecía na rica Austria, cun PIB per cápita de 27.900$ e unha taxa de paro por debaixo do 5%, para que unha forza política nada recatada na súa linguaxe xenófoba e autoritaria ascendese ata converterse no segundo partido en representación?

Nos últimos 10 anos, Austria, con 8 millóns de habitantes dos que o 44% segue a vivir no medio rural, recibiu máis de .000 persoas, nomeadamente das repúblicas da ex Iugoslavia, R. Checa, Eslovaquia, Hungría e Turquía. O importante número de inmigrantes ten producido mutacións no mercado laboral e xerado temores nos barrios nos que se establecen, habitados polos traballadores austríacos máis desfavorecidos. O FPÖ medrou neste ambiente e axitando a ameaza de que no futuro os inmigrantes rematarían por quedarse cos postos de traballo dos austríacos, feito que sería aínda máis doado no momento en que se producise a ampliación da UE que quince días antes das eleccións tiña aprobado a Comisión Europea. A proposta, ratificada polo Consello no Cumio de Helsinki do pasado decembro, consiste en avanzar, co horizonte do 1º de xaneiro do 2003, na integración de Polonia, Hungría, Eslovenia, Estonia, R. Checa e Chipre, abrir negociacións con Bulgaria, Romanía, Eslovaquia, Letonia, Lituania e Malta e admitir a Turquía como candidata á adhesión. Destes países proveñen moitos dos inmigrantes establecidos en Austria.

O populismo de Haider soubo manexar estes temores para aumentar os seus apoios e realizou unha campaña electoral agresiva empregando figuras creadas polos medios de comunicación (deportistas, presentadores de tv.) que, como en moitos outros lugares, teñen unha maior credibilidade que a desprestixiada clase política.

O resultado electoral sumiu a Austria en catro meses de incerteza. O ex chanceler Klima tentou recompoñer a alianza co ÖVP, mentres o presidente Kleistel insistía nun goberno con maioría parlamentar. Os democristiáns de Schüssel, entrampados nas promesas electorais, debatíanse entre refacer a "gran coalición" e o medo a que esta decisión supuxese a definitiva ocupación do espacio máis dereitista polo FPÖ. Ante a imposibilidade de formar goberno Klima renunciou. Foi entón cando apareceu o oportunismo de Haider servíndolle en bandexa a chancelería ao "principiño" Schüssel. Os democristiáns derretéronse e en poucos días chegaron a un acordo.

O avance da dereita extrema

Hai dez anos a dereita europea era feliz, o modelo soviético esfarelábase e os postulados do liberalismo económico, incluso os máis extremos, semellaban incontestables. Nas portas do novo milenio as perspectivas para as dereitas agrupadas no Partido Popular Europeo son menos optimistas. Nesta década teñen ocorrido moitas cousas no vello continente, tanto no político-militar (guerras iugoslavas, ataque da OTAN a Iugoslavia, crise económica rusa, inestabilidade no Cáucaso) coma no económico (parón da máquina alemana, desilusión do euro, control económico americano da globalización, etc.). Parte da esquerda deu mostras dunha camaleónica habilidade política e apresurouse a tirar da manga a "terceira vía" que lle permitiu disputar con éxito (Reino Unido, Alemaña) parte do espacio político á dereita. Esta perdía apoios ante unha esquerda que aceptaba algúns dos trazos fundamentais do liberalismo económico e os suavizaba na terminoloxía. Mesmo no sur de Europa unha esquerda que mantiña as distancias a respecto dos clixés neoliberais era capaz de gañar eleccións (Francia) ou mesmo de establecer alianzas con partidos de centro (Italia).

Nos últimos anos unha nova ameaza facíase patente. Os fozas conservadoras tiñan que contemplar o avance da extrema dereita, que lograba apoios próximos ao 15% en diversos estados: Francia (Fronte Nacional), Noruega (Partido do Progreso), Italia (Alianza Nacional) e mesmo se formulaba baixo tendencias disgregadoras dos actuais estados (Liga Norte en Italia e Vlams Block en Bélxica). Ao longo de 1999 as alarmas acendéronse co éxito electoral do Partido Liberal en Austria e da Unión Democrática de Centro en Suíza, fenómenos que teñen certos paralelismos.

A reacción da dereita

Ao escenario anterior compre engadirlle a crise de liderado na dereita e en Europa. O desempeñado pola CDU de Kohl e polo eixe Paris-Bonn non toparon substitutos.A República de Berlín ten demasiados problemas internos e Chirac carece de proxecto europeo, mentres que a CDU está a asistir ao seu afundimento na lama arrastrada polo peso excesivo dun líder de moitos quilos.

Cando se confirmou o pacto de goberno en Austria a reacción do Partido Popular Europeo foi dunha contundente celeridade. Fronte á posición comedida da Comisión Prodi (preocupada pola posta en cuestión por Haider da súa política de ampliación e polo incumprimento futuro da liberdade de traballo), a resposta de Chirac, do goberno belga e do PP español foi dunha radicalidade democrática loable, se non fora provocada por espurios intereses particulares. Os mesmos que se alporizan agora pola participación do "simpatizante nazi" Haider no goberno de Viena non dixeron nada durante os dous anos nos que a Alianza Nacional, continuadora do MSI e neofascista confesa, participou no goberno da dereita, xa en por si bastante extrema, de Berlusconi. Claro que a cativa Austria non é a grande Italia, e o dereito de inxerencia só se aplica cos pequenos.

Lembrémonos de Chechenia

A mellor proba de que as ameazantes propostas eran para consumo interno foron as inmorais declaracións do responsable de Relacións Internacionais do PP español, quen nunha manobra perversa pretendeu relacionar o populismo autoritario e xenófobo de Haider con partidos nacionalistas de longa tradición democrática e antifascista. Ao PP europeo desacóugao o ascenso electoral da extrema dereita, polo que supón de perda de apoios electorais, mais non semella preocuparse por corrixir os enormes custos sociais que a concentración monopolista de capitais está a producir e que son causa, entre outras, do ascenso do autoritarismo e da xenofobia na política europea. E como para estar coa mosca tras a orella.