Colombia, un país en armas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

35.000 mortos enchen os 35 anos da máis encarnizada guerra, non declarada, de latinoamérica. Cada hora, oito fogares son desprazados por mor da violencia, así se recolle no informe "Un país que foxe" da Oficina para os Dereitos Humanos e o Desprazamento. En tres anos, do 95 ao 98, .000 persoas abandonaron as súas casas e terras, delas o 70% son familias rurais, o 55% son mulleres e o 65% son mozos con menos de 19 anos. Os instigadores dos desprazamentos, segundo este prestixioso informe, son na súa maioría, os militares ou paramilitares cun 56%, mais a guerrilla tamén é a culpable do 29% dos desaloxos. Os desprazados do interminable exilio interior xa son 1.200.000 e, nos últimos dez anos, outro medio millón partiu cara ao exterior, abandonando un país que, na maior parte dos seus 1.147.748 Km2, está baixo o control de guerrilla, dos paramilitares ou dos cárteles do narcotráfico. Neste contexto Colombia non quere converterse nun problema rexional e resístese a posibilidade dunha intervención militar exterior.

Narcotráfico e insurrección

Droga e guerrilla forman o cóctel que chucha boa parte da acción exterior dos EEUU en América Latina. A prioridade da loita contra das rutas internacionais do narcotráfico e a relación co crime organizado, ten sido historicamente unha sucesión de fracasos.

En 1989, George Bush involucra directamente ao exército nunha estratexia Nacional para o control das Drogas.A "Presidential Decision Directiva" asinada por William Clinton en 1995 establece a prioridade na acción dos servizos de intelixencia sobre o control do crime organizado e o narcotráfico.

Non existen dúbidas sobre a sinceridade na preocupación norteamericana polas consecuencias dos narcóticos na delincuencia e na seguridade interior. No informe do xuíz Baltasar Garzón lido na World Economic Forum de Sao Paulo (1977) se avala esta angustia ao certificar que entre o 60 e o 70% das organizacións criminais teñen a droga coma o centro das súas actividades. Na mesma poñencia tamén se aseguraba que unicamente o 15% do narcotráfico son interceptadas polas forzas de seguridade.

Por tanto, semella lóxico que o narcotráfico se convertese nunha das prioridades.

Cada ano Washington destina 45.000 millóns de pesetas para as estratexias antidrogas en latinoamérica e Colombia ten escalado ao terceiro lugar no podio dos países destinatarios da axuda exterior dos EEUU, confirmando a extrana correlación entre os niveis de axuda externa de Washington e a vulneración dos dereitos humanos nos países latinoamericanos subvencionados.

Calcúlase que ao redor do 80% da cocaína e o 50% da heroína que circula polos EEUU provén de América Latina, fundamentalmente de Colombia e compréndese a súa preocupación, pero non menos obsesiva e a inquedanza de Washington pola capacidade e dimensión das Guerrillas. A eliminación da, que adoitan en denominar como "narcoguerrilla", sitúase no no obxectivo nº1 entre as prioridades da acción exterior norteamericana.

Ao canalizarse as inxentes axudas a través do exército colombiano prodúcense "danos colaterais" no sistema democrático coma o debilitamento do estado de dereito, a consolidación dos sectores da sociedade con menos conviccións democráticas e directamente involucrados tanto na guerra sucia coma na complicidade cos grupos paramilitares. A frase do xeneral estadounidense Charles Wilhem é significativa "…Colombia representa hoxe unha ameaza para a seguridade do continente maior que Cuba".


A situación extrema de Colombia, un país en guerra

Os triángulos da Paz e do Terror

A situación interna de Colombia é crítica tanto no terreo económico coma no político ata o punto de que, por primeira vez na historia, un 60% da poboación aceptaría a intervención exterior á cambio de rematar coa violencia do único triángulo que pervive, "o do terror", cos seus tres mortíferos lados: o dos narcotraficantes, a da guerrilla e o dos paramilitares da ultradereita.

Colombia agárrase á esperanza do amigo americano, logo da sucesiva caída dos tres triángulos da Paz: "o da negociación política", conformado, en períodos intermitentes, por tres presidentes Betancurt, Gaviria e Pastrana; "o triángulo de ouro", formado polo variopinto trípode escaleno, Washingtón"A Habana-Bogotá, que desfixo os seus lados con incompatibles solucións centrífugas e o daquel efémero "triángulo equilátero máxico do Presidente Pastrana", 90 días para a distensión, 90 días para o diálogo e 90 días para a negociación do que só quedan restos da súa fugaz volatilización protagonizada polas FARC cando anunciou o 24 de xaneiro a conxelación das negociacións, iniciadas 17 días antes, ata o fin da impunidade das bandas paramilitares.

Ao desacougo e a fartura de violencia engádese a peor crise económica vivida por Colombia. Por primeira vez na súa historia vese obrigada a solicitar un creto do FMI e o peso devaliouse nun 23% no que vai de ano.

Estaba afeita a medrar a ritmos do 5% e non se dixire un crecemento raquítico do 1,6% como previsto para este ano, aínda que estean emparedados polas recesións previstas nos países fronteirizos de Venezuela, Ecuador e Brasil que recuarán nun 8,3%, nun 5 % e nun 2% respectivamente.

Mais unhas cifras de crecemento envexables, non significaron unha redistribución equilibrada da riqueza. O 60% da poboación sobrevive cunhas 25.000 pts ao mes e o 3% da poboación controla máis da metade da riqueza nacional. Todas estas circunstancias son un caldo de cultivo ideal para a corrupción ou para a entrada nos grupos armados. A vida ten escaso valor, pouco hai que perder.

Violencia e pobreza nunha Colombia marcada por un novo compasado triángulo de treses, o de ser o 3º país maís corrupto do mundo, 3ª en volume de axudas recibidas dos EEUU e o de duplicar a producción de coca, na zona sur, nos 3 últimos anos.

Fracasados os tres triángulos da Paz, os EEUU apréstanse a prescribir a vella receita da casa para latinoamérica. "Abundantes doses de asesores militares e purga final con intervención militar, se fose preciso".

Que Colombia se converterse na principal dor de cabeza dos EEUU non é só un preocupante combinado de violencia e narcotráfico, senón tamén unha obsesión pola insurxencia esquerdista máis forte de latinoamérica, cun discurso ideolóxico coherente, e que entre as dúas principais forzas suman 16.000 efectivos (13.000 das FARC-EP e 3.000 do ENL). Estas guerrillas posúen unha gran capacidade operativa e controlan unha boa parte do país.

Quizais por todo isto o Tasr antidroga "o xeneral americano Barry McCaffrey", carga as tintas acusando aos grupos guerrilleiros de financiarse coas aportacións dos "señores da droga. Segundo as súas cifras as FARC-EP e o ELN terían recibido, 600 e 215 millóns de dólares respectivamente. Máis desapercibidos lle pasan ao xeneral os paramilitares que obrigan a fuxir a funcionarios e alcaldes, que linchan selectivamente a activistas de esquerdas, a defensores dos dereitos humanos, a presuntos simpatizantes da guerrilla en cacerías colectivas e indiscriminadas, a demócratas convencidos ou a defensores confesos da paz coma o finado cómico Xaime Garzón, que convulsionou ao país recentemente.

Implicar aos países veciños para conseguir unha forza multinacional de ocupación non parece sementar ilusións na maioría das nacións que teñen vivido, padecido ou observado a negra historia das intervencións no continente.

O inequívoco rexeitamento de Cuba ou Venezuela, o nidio pronunciamento antiintervencionista do Brasil, ou dos máis vacilantes de Arxentina ou do Ecuador de seguro que inclinarán a Washington a deixar esmorecer a idea da intervención multinacional para pasar a incrementar a presencia dos eufemísticos asesores militares que arrastran unha gañada sona de eficacia antisubversiva, antiesquerdista e antidemocrática en Centroamérica, posta de manifesto co FLMN (Frente Farabundo Martí de Liberación Nacional).

Boa parte dos efectivos que se deben retirar do Comando Sur de Panamá, situaranse en dúas novas bases en Colombia para facer un total de cinco. No país xa traballan 200 asesores estadounidenses especializados en espionaxe, comunicacións, operacións fluviais e armamento semipesado. Satélites, avións de recoñecemento e instrumentos militares que teñen reorientado a súa dirección cara a Colombia para desbaratar as rutas da droga e ao tempo localizar, controlar e debilitar a eficacia das guerrillas.

A paz, un degoiro improbable

Tres son tamén os grandes atrancos para a consecución da paz na que está comprometido o presidente Andrés Pastrana: Os paramilitares, o cambio do modelo socio-politico-económico e a violencia que non cesa.

A pesares das distantes posicións de partida nas que os guerrilleros, consideran que a democracia non existe en Colombia, xa que foi confiscada polas oligarquías económicas representadas no bipartidismo, non houbo demasiadas dificultades na fixación consensuada, entre as FARC-EP e o Goberno Colombiano, da Axenda Común polo Cambio cara a unha Nova Colombia, é dicir, os temas de negociación. Nela se incluen temas substanciais coma os dereitos (humanos, fundamentais, económicos, xudiciais, culturais, medioambiente, humanos…), a recuperación e redistribución da terra adquirida irregularmente a traveso do narcotráfico, os enriquecementos ilícitos, a substitución de cultivos ilegais e desenvolvemento dos sustitutivos (contraria a política propiciada polos EEUU de fumigacións sen alternativas), a loita contra da corrupción e o narcotráfico, reformas electorais, combate aos grupos de autodefensa etc…

Tampouco puxo grandes impedimentos o presidente para a desmilitarización, esixida polas FARC, das Provincias Meta e Caquetá como zonas de distensión duns 42.000 Km2 . Mesmo sospeitase que o presidente chegou a filtrarlle á guerrilla unha investigación confidencial sobre os sectores do exército vinculados a guerra sucia, como método de ganar a súa confianza e desbloquear a negociación.

Conseguir acordos políticos que implicarían un substancial cambio no modelo socioeconómico é improbable. Superar os desencontros sobre as canxes de prisioneiros ou sobre os métodos de verificación internacional, complicado. Pero o verdadeiro obstáculo que ten rotas as mesas do diálogo é a liberdade de actuación das autodefensas. As FARC non teñen presa, levan 35 anos de loita armada e coñecen perfectamente o que lles acontece aos guerrilleiros que deciden abandonar as armas e pasarse á actividade política. Ou fracasan electoralmente como sucedeu co M-19 no 1992, ou son víctimas permanentes da ameaza, a persecución ou a violencia.

A guerrilla, consciente da súa debilidade política e a súa forza militar, engade máis presión con asaltos a cuarteis, instalacións petroleiras e eléctricas, secuestros etc.

As autodefensas respostan coa súas característica "razzias" colectivas. A sensación de caos e impotencia apodérase da sociedade civil.

O Bogotazo precipita a consolidación das guerrillas

Os primeiros xérmolos da máis antiga, potente e numerosa guerrilla esquerdista de sudamérica aparecen na década dos 30, pero non vai ser ata 1948 cando se organicen os primitivos grupos armados, tras o asasinato do liberal Jorge Eliecer Gaian, do que saíu fondamente marcado o mozo Fidel Castro, testemuña privilexiada na súa estadía nun congreso de estudiantes. Nos seguintes tres días negros, posteriores á eliminación do político, houbo unha sanguenta cacería de esquerdistas, coñecida coma "O Bogotazo" rematou coa vida de 5000 colombianos e lanzou ás montañas a unha boa parte da poboación. A persecución política desatada polo goberno do Partido Conservador (1946-53), a ilegalización do PC polo dictador Gustavo Rojas Pinilla, a violenta guerra civil entre o 48 e o 57, con 300.000 mortos, e a posterior chegada ao poder da Revolución Cubana precipita a creación en 1964 das Forzas Armada Revolucionarias de Colombia, Exército do Pobo FARC-EP, próxima ao PC. Hoxe constitúen a maior ameaza para o Estado.

Un ano máis tarde os estudiantes Vázquez Castaño e Víctor Medina fundan o filocubano Exército de Liberación Nacional ELN, que terá destacados dirixentes coma o mítico Camilo Torres ou o crego aragonés Manuel Pérez , morto en febreiro por mor dunha hepatite. Na actualidade aglutinan entre 3000 e 5000 guerrilleiros.

Outros grupos armados coma o Exército de Liberación Popular (ELP) con cincocentos efectivos de tendencia maoísta, o Exército Revolucionario do Pobo (ERP) e o Exército Revolucinario Guevarista ERG, escindidos do ENL, non sobrepasan os 200 membros integran algúns dos grupos menores.

Autodefensas paramilitares

Os grandes terratenentes teñen abandeirado o nacemento de gupos de autodefensa cun número estimado duns 6.000 homes que se agrupan ao redor das Autodefensas Unidas de Colombia (AUC). Sobre estes batallóns paramilitares adoitan actuar coa completa impunidade e complicidade do exército colombiano, tal como testemuña a organización americana Human Rights Wats. Segundo os datos dun informe manexado por analistas colombianos, entre 1990 e 1997, téñense producido 3000 operacións militares contra da guerrilla, pola contra a guerrilla fustigou ao exército con 5000 ataques, mais só se teñen contabilizado 7 enfrontamentos das Forzas armadas cos grupos de autodefensa, a pesares de que sobre eles recae a responsabilidades de dous de cada tres asasinados de orixe política nesta pertinaz guerra de baixa intensidade.

Organizados en escuadróns da morte que sementan o terror indiscriminadamente, ás AUC atribúense a maior parte das masacres arbitrarias, dos asasinatos dos ex-guerrilleiros, dos 2.500 dirixentes sindicais, dos avogados laboralistas, dos defensores dos dereitos humanos, dirixentes veciñais, opositores políticos ou dos mediadores nos secuestros.

Hoxe as AUC constitúen o maior obstáculo para a paz, xa que non son recoñecidas como parte nas rondas negociadoras e están tomando un discurso populista que defensor dos desherdados do estado e da redistribución das riquezas.

Finanzas de dubidosa reputación

Existe unha biunívoca correlación entre Xeografía dos Conflictos e a Xeografía Económica da riqueza do país. Os 72 anos que almacena Manuel Marulanda Vélez "Tirofijo", dirixente da FARC-EP son testemuña dunha forma de vida que se transmite de pais a fillos, un digno oficio, alonxado da miseria xeralizada, no que se goza dunha completa organización social, política, xudicial e financeira. Precisamente as tres fontes de recursos son controvertidas como ingredientes da utopía guerrilleira: Os secuestros, os impostos revolucionarios e a droga. Cada fortuna superior ao millón de dólares debe pagar un imposto revolucionario do 10%. Para os productores de café as tarifas son de 2.500 dólares anuais. A cada hectárea de coca correspóndelle 135 dólares anuais, 11.000 dólares por cada laboratorio, 20 por cada quilo de coca e 15.000 por cada despegue nunha pista clandestina.

Os fondos que manexan as AUC proveñen dos grandes terratenentes e dos sectores sociais privilexiados. Perseguen un doble obxectivo: manter a súa influencia e control na vida política ou aparatos do estado e defender os seus privilexios económicos.

O seu alto nivel de disponibilidade de recursos, está a propiciar algunhas desercións na guerrilla que son xenerosamente gratificadas en función da información aportada.