De Kim a Kim

A xulgar polos antecedentes e as manifestacións, tanto oficiais como oficiosas, das delegacións das dúas Coreas, a reunión de Pyongyang entre Kim Yong-Il e Kim Dae-jung, pode transcender o mero simbolismo e a inevitable emotividade, para debruzarse de inmediato na resolución de cuestións prácticas. Nada vai mellorar de repente, pero o optimismo prudente que manifestan ambas as dúas partes permite aventuar cambios progresivos en materias tan sensibles como a recuperación dos contactos deses oito millóns de familias que levan máis de cincuenta anos separadas.

O segundo contido importante desta histórica reunión refírese ó ámbito económico. Moitas empresas do Sur desexan realizar investimentos no Norte. Entre os 180 membros da comitiva da República de Corea figuran altos executivos de Hyundai, Samsung, e outras grandes corporacións que darán substancia a esa aspiración común de facer da cooperación económica un dos temas máis salientables desta histórica reunión.

A desconfianza mutua non se esfumará por arte de maxia, como tampouco as enormes diferencias políticas e ideolóxicas que separan a ambos reximes; pero a reunión pode marcar un punto de inflexión significativo no relacionamento bilateral. A reconciliación e a unidade nacional figura na axenda oficial como base destas conversas.

Pero non todo depende das dúas Coreas. Sen alfombra vermella nin tanto boato, outro cumio na sombra seguirá con lupa este proceso. Xapón, e sobre todo, Estados Unidos, Rusia e a China teñen importantes intereses estratéxicos na rexión. Putin, que viaxará a Pyongyang nas próximas semanas, será o primeiro en explicitalos abertamente; Estados Unidos deberá imaxinar un escenario sen a presencia das súas tropas na península. Por último, unha reunificación dialogada e sen violencia leva implícita unha mensaxe de gran calado para esa China que reiteradamente ameaza a Taiwán co uso da forza para lograr a reunificación.