Elián

Dicía Juvenal que os nenos merecen o máximo respecto. A xulgar pola disputa cubano-americana sobre a repatriación de Elián González, o "neno balseiro", o que menos importa a moitos é o propio benestar do rapaz. As circunstancias e derivacións do caso Elián constitúen unha mostra máis de como a paixón impón a súa peculiar "razón" nas relacións entre Cuba e os Estados Unidos. Con estes actores, o chimpo dun simple litixio civil a un enrevesado conflicto internacional é doado de dar. Para complicalo aínda máis, a carreira electoral estadounidense engade a súa pinga de oportunismo. Mentres Clinton e a súa fiscal xeral, Janet Reno, comprenden o natural dereito do pai á custodia do seu fillo, o propio Al Gore, candidato demócrata á Presidencia, secundou o chamamento á desobediencia esgrimido polo exilio cubano para evitar a entrega de Elián ás autoridades federais.

Toda Cuba ergue a súa voz reclamando a entrega de Elián ó seu pai. Pero en Estados Unidos a posición dos movementos cubanos máis radicais ubicados en Miami e do goberno federal orientanse por camiños distintos e enfrontados. Un problema de fondo é ise radicalismo, a visceralidade con que estes sectores abordan sempre calquer asunto relacionado con Cuba. Para eles, máis semella que o pai de Elián non é o tal Juan Miguel, senón o propio Fidel. Nada novo, en suma. En realidade, o goberno estadounidense está a pagar, unha vez máis, as consecuencias da "privatización" da súa política cara a Cuba, xestionada dende hai coarenta anos polo todopoderoso lobby da illa.

Resulta difícil sorprender a Fidel. Cando moitos imaxinaban que o líder cubano non permitiría a saída do pai de Elián, quizáis por medo a que tamén solicitara asilo en Estados Unidos en lugar de regresar a Cuba co seu fillo, La Habana anuncia que tanto o pai como parte da súa familia, profesionais médicos e mesmo compañeiros do parvulario estaban listos para viaxar a Miami. Entre os pupitres da súa escola, viaxaría tamén Ricardo Alarcón, presidente da Asemblea Nacional. Para Cuba, Elián tamén é unha cuestión de Estado.

Toda a transcendencia do asunto ben merecía escoitar a opinión de tantas instancias e ongs adicadas a velar pola protección da infancia. Demasiados e sorprendentes silencios, quizáis consecuencia de outras tantas servidumes ou, pior aínda, dese suposto arredismo da política que se ben impregna este contencioso, non nos debería impedir a explicitación dun firme compromiso cos máis elementais dereitos do neno e do pai. Coa interpretación dos restantes aditivos, alá cada quen.