Enroque e fuga pactada de Montesinos

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

No medio dun extremado sixilo, á unha e media da madrugada do domingo, Vladimiro Montesinos partiu clandestinamente, dende unha base aérea do exército peruano, con destino a Panamá. Durante toda a tarde do sábado, a presidenta panameña Mireya Moscoso foi premida por insignes mandatarios sudamericanos como Fernando Henrique Cardoso (Brasil), Ernesto Zedillo (México), Fernando de la Rúa (Arxentina), Ricardo Lagos (Chile), Andrés Pastrana (Colombia)… para que aceptase a petición de asilo territorial, feita polo primeiro ministro peruano Federico Salas.

A entrada de Vladimiro Montesinos en Panamá serviu para destensar a corda das friccións internas do exército peruano, pero elevou de súpeto a presión política do país centroamericano. Dende a oposición panameña non dubidan en cualificar ao seu país como o "vertedoiro do lixo de América" que serve de refuxio para toda caste de delincuentes políticos. Á lista na que figuran os ex-dictadores haitianos Philipe Biambi e Raúl Cedrás, o deposto ex-presidente ecuatoriano Abdalá Bucaram, o fallido autogolpista guatemalteco Jorge Serrano… hai que engadir un novo e cualificado inquilino: Vladimiro Montesinos.

A poboación que se deitara convencida das firmes afirmacións da súa presidenta, no sentido de que o pequeno país centroamericano non acollería ao ex-xefe do SIN (Servizo de Intelixencia Nacional), espertou con Montesinos como privilexiado veciño na luxosa mansión de La Hermita no distrito de San Carlos. Aquí poderá gozar da fortuna que almacenou en bancos panameños. As artes diplomáticas do funcionario estadounidense Thomas Pickering e a carta do Secretario Xeral da OEA César Gaviria venceron, en poucas horas, a rotunda negativa da presidenta Moscoso.

No interior, ninguén dubidaba de que no Perú se estaba a librar unha dura pugna polo control da situación entre o goberno de Fujimori e as cúpulas do exército fieis ao ex-colaborador da CIA. A presión da diplomacia internacional certificou os peores presaxios, sobre a impunidade de Montesinos, que se manexaban en círculos da oposición. As acusacións de corrupción, suborno, abusos de poder, narcotráfico, ventas de armas que pesaban sobre o "arreglalotodo doctor", tal como era coñecido na CIA, quedarán como ferida aberta, que non permitira o definitivo peche dun período de democracia de baixa intensidade no Perú. Protexido polos seus leais peóns militares, compañeiros da promoción do 66 do ex-capitán e hoxe nas máis altas esferas do poder militar, enrocouse na sede do SIE (Servicio do Intelixencia do Exército) a onde levou unha boa parte do seu particular arquivo sonoro e de imaxe do SIN, acumulado durante os máis de dez anos como estreito colaborador do presidente, Dende alí, lanzou un reto desafiante. Se non lle permitían a saída do país abanearían os cimentos do Estado. Ten suficiente material sobre chantaxes, corrupción, crime e orxías como para arrastrar pola lama a unha boa parte das institucións do Perú e a propia CIA.

A saída furtiva de Montesinos facilita un tránsito de poder controlado para o que xa está preparado o Vice-presidente Francisco Tudela. A exitosa experiencia de Gustabo Novoa do Ecuador, tan próxima no tempo e na distancia xeográfica, invita a pensar nun cambio de nomes, pero sen reformas profundas. Todos os domesticados personaxes de Montesinos, situados nos centros de poder: xudicial, militar, policial, medios de comunicación etc respiran máis tranquilos. Os ventos de cambio non sopran coa suficiente forza como para que os levanten do escenario público. Será unha transición de consenso.

Na oposición imponse o desalento. Defraudada pola Comunidade Internacional, pola OEA, polos presidentes sudamericanos, polos EEUU… debe conformarse co anuncio de desmantelamento do SIN, sen poder esixir responsabilidades, e coas prometidas eleccións no prazo dun ano. Só coa súa desobediencia civil, co ausentismo parlamentario e o bloqueo das mesas de diálogo, en marcha, ou coa difícil acción política unitaria durante as eleccións.. poden mudar, no interior, unha crise xa controlada dende o exterior.

Enlaces relacionados:

Goberno de Perú
Mensaxe demisión