Escocia elixe o seu Parlamento 300 anos despois

En 1707 a unión voluntaria dos reinos de Escocia e Inglaterra supuxo a desaparición do Parlamento escocés. O triunfo maioritario do "si" no referendo do 11 de Setembro de 1997 marcou o inicio dun proceso de "devolución" de órganos e competencias de goberno que rematará o vindeiro seis de maio coa elección do primeiro Parlamento despois de tres centurias.

Sobre as promesas de "devolución" de competencias de goberno a Gales, Escocia e o Ulster cimentouse a maioría absoluta "maio de 1977" do Partido Laborista de Anthony Blair, despois de moitos anos de goberno "tory". Naquel ano triunfal para o Novo Laborismo, os compromisos autonomistas serviron para consolidar a maioría e precipitar a caída dos conservadores, pero non para deter o avance dos nacionalistas.

O Partido Nacionalista Escocés (SNP) aumentou amplamente o número de sufraxios e pasou de catro a seis deputados. Mentres o Playd Cymru galés aumentou en votos mais quedouse cos mesmos catro escanos que posuía. Os electores apuntaban entón a dirección: deixaron aos conservadores sen deputados en Escocia e Gales, déronllos aos laboristas pero avisáronos cun importante apoio aos nacionalistas.

Os referendos de setembro de 1977 foi de novo un éxito para Blair e os nacionalistas que conseguiron ver aprobados os proxectos de autonomía. En Gales fora unha victoria pírrica "50,3%" pero en Escocia abafante "74,3%".

Agora o enfrontamento é directo. Por unha banda o SNP liderado por Alex Salmond, pola outra os laboristas, mentres os conservadores semellan desaparecidos. Os inquéritos anuncian unha victoria gobernamental mais auguran unha forte presencia dos nacionalistas entre os 129 deputados que formarán o Parlamento.

Na sección Texturas da páxina do IGADI pódese consultar o interesante traballo do noso colaborador Fernando Pérez-Barreiro Nolla: As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades.