Europa mira de novo cara América Latina

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O pasado mes de xullo, España acusaba á Comisión europea de descoida-lo continente latinoamericano. Nun informe presentado pola delegación española ós Representantes Permanentes dos Estados membros se afirmaba que “dende hai uns meses, venimos observando unha degradación na cooperación da Comunidade con América Latina”. Se no seu día a Comisión negou que se estivese a prestar unha menor atención a esta rexión a realidade é que, dende o mes de outubro, as iniciativas a prol deste espacio voltan ocupar un espacio cada vez maior na axenda comunitaria.

As acusacións españolas do crecente desinterés por Latinoamérica xustificábanse, fundamentalmente, pola reducción dos fondos comunitarios disponibles para a rexión, os problemas de implementación do programa de reconstrucción para Centroamérica e a lentitude nos traballos de seguimento do Cumio Unión Europea/América Latina/Caribe que tivo lugar en xuño de 1999 en Río de Xaneiro. Ademáis, a delegación española acusou ó Colexio de Comisarios de falta de entusiasmo na conferencia que tivo lugar en Madrid para apoia-lo proceso de paz en Colombia.

Trala pausa estival, a reacción da Comisión non se deixou esperar. O martes 31 de outubro o executivo comunitario adoptou unha comunicación na que, se ben non establece unha nova estratexia para América Latina como en anteriores ocasións, especifica as actuacións que ten pensado levar a cabo para garanti-lo seguimento dos compromisos alcanzados no Cumio de Río. En concreto, no citado documento establécense tres áreas prioritarias: no plano político, a promoción dos dereitos humáns, no eido económico, a cooperación no sector da sociedade da información, e a loita contra as desigualdades sociais, no que se refire á cooperación bilateral.

Conscentes dos limitados avances realizados ata o de agora, non por falta de interés se non por unha cuestión de descoordinación entre as partes interesadas, a idea da Comisión foi concentra-la cooperación nun número limitado de ámbitos a fin de poder alcanzar un verdadeiro progreso antes do vindeiro Cumio que terá lugar en Madrid no 2002.

Ó documento complétase cunha serie de iniciativas que pretenden contribuir tamén a desmenti-las acusacións de abandono de Latinoamérica por parte da Comisión Europea. Por unha parte, o compromiso do Presidente Prodi de que tódolos países latinoamericanos sexan visitados por un comisario antes do Cumio do 2002. Igualmente, a finais de outubro, anuncióuse un importante paquete financeiro de axuida a Colombia por un importe de 321 millóns de euros nos próximos seis anos. Finalmente, adoptáronse unha serie de prioridades rexionais tendo en conta as disparidades existentes entre os países de América Latina: se a principal prioridade co Mercosur e Chile é a conclusión dos acordos de asociación, a cooperación coa Comunidade Andina céntrase no fortalecemento da democracia e o estado de dereito. Pola súa parte, no que se refire a Centroamérica o obxectivo é mellora-lo sistema de axudas, recoñecendo certas deficiencias no pasado.

Sen dúbida, a Comisión ven de tentar deixar patente o seu compromiso con América Latina pero, con todo, non se pode esquecer que o principal obstáculo, e unha das principais acusacións españolas, son as perspectivas financeiras. O importe previsto de 2,1 billóns de euros para o septenio 2000-2006 manteñen o mesmo nivel do período anterior 1995-1999, cun importe lixeiramente superior de 2,4 billóns de euros. Ademáis, as novas prioridades non veñen acompañadas de partidas presupuestarias específicas para levalas á practica. Queda por tanto, averiguar ata que punto a Comisión será capaz de sacar adiante os compromisos adquiridos cos cartos dispoñibles.