Extramuros

"Temos que sacar do fondo do noso tempo, da nosa historia, das nosas raíces, un prantexamento ideolóxico orixinario", afirma Hugo Chávez, presidente de Venezuela, nunha recente entrevista concedida ó sociólogo Heinz Dieterich e publicada en Resumen Latinoamericano. O ex coronel golpista define o seu proxecto como esencialmente bolivariano, nin marxista nin antimarxista, sen esquemas importados, orientado á realización dunha revolución integral, ética, económica, social e política.

Na véspera dos comicios lexislativos de decembro pasado, Ilich Ramírez, "o Chacal" declaraba ó xornal venezolano "Feriado" que "Chávez podería botar as bases para unha nova Venezuela". No outro extremo, Teodoro Petkoff, histórico guerrilleiro e un dos líderes do MAS (Movemento ó Socialismo) que formou parte do gabinete do presidente conservador Rafael Caldera, advertía ó seu partido que o líder do frustrado golpe de Estado do 4 de febreiro de 1992 "será a máis colosal frustración que viviu Venezuela". Pese ás advertencias catastrofistas, a convención nacional do MAS acordou apoiar a candidatura de Chávez. Tamén o Partido Comunista de Venezuela, numerosos curas da teoloxía da liberación, movementos sociais de base e exguerrilleiros dos anos setenta como Douglas Bravo, decidiron incorporarse activamente ó movemento de Chávez.

Case tanto como no seu día os zapatistas, Chávez sorprendeu a propios e estraños con unha espiral de sucesivos e arrolladores trunfos. Con unha abstención do 45,42%, nas eleccións lexislativas e rexionais do 8 de novembro de 1998 colocábase en segunda posición co 19,84% dos votos e nas eleccións á Asemblea Constituínte do 25 de xullo, nove meses máis tarde, acadaba 120 dos 131escanos en disputa (abstención do 50%). As claves de tan clamarosa victoria podemos atopalas en dous factores. Primeiro, a súa mensaxe, cargada de referencias a unha sociedade humanista, á construcción dun modelo económico autoxestionario, fundamentalmente endóxeno, que non se peche ó mundo pero que potencie a súa forza interna, que satisfaga as necesidades básicas da poboación, un modelo equilibrado que permita a todos vivir con dignidade. Boa parte do electorado venezolano cree en Chávez e o ex coronel desenvolve o seu discurso con convicción se ben as incógnitas de futuro, especialmente no económico, non son poucas.

En segundo lugar, a desesperanzada situación do país. Como afirma Uslar Pietri, Venezuela é un país rico con unha poboación pobre. O maior exportador de petróleo fóra de Oriente Próximo mantén un 80% da poboación malvivindo en situación de pobreza. En Le Monde Diplomatique, o mesmo Uslar Pietri denuncia que os dous partidos tradicionais, a AD, de tendencia socialdemócrata, e o COPEI, de tendencia demócratacristiana, con minúsculas diverxencias ideolóxicas, parasitaban no sistema establecendo unha coalición de feito e de colaboración mutua. O partido que perdía as eleccións non perdía todos os privilexios do poder e seguía disfrutando de grandes beneficios e vantaxes. As cuotas de poder distribuíanse de xeito permanente entre a nomenklatura dos dous partidos chegando incluso ata a administración xudicial, cuestionando seriamente a súa independencia. Esta situación de complicidade, corrupción, incuria e promesas incumplidas, fixo medrar a popularidade de Chávez.

Caudillismo, autoritarismo, hibrido cívico-militar de corte castrista e fujimorista son algunhas das acusacións menores formuladas contra Chávez. Segundo The New York Times "desafiou as decisións do Senado e o Tribunal Supremo, promocionou ós seus compañeiros golpistas e ordenou que o Exército patrulle as rúas, unha medida largamente probada como ineficaz e represiva… Os xuíces que se opoñan serán expulsados e en breve os delegados da súa Asemblea asumirán os poderes do Congreso". Acusacións graves que contrastan co entusiasmo dese amplo e heteróxeneo movemento social que o respalda.


Tanta diatriba contra o mestizo Chávez contrasta coa tolerancia internacional practicada, por exemplo, con Boris Ieltsin. O "demócrata" Presidente ruso quita e pón sucesores coma se dun monarca se tratase. Investido de poderes case absolutos, acanea o país a golpes de destitución de primeiros ministros para protexer á súa "Familia", interfire activamente no funcionamento do poder xudicial para impedir as investigacións independentes, "invéntase" unha guerra no Cáucaso norte para xerar un clima de excepción, etc. En todas as chancelerías existe a convicción do seu propósito último: desestabilizar de tal forma o país que non deixe outra opción que suspender as eleccións lexislativas e presidenciais, previstas para decembro e xuño próximos. Ieltsin, din, matina en serio sobre a posibilidade de ilegalizar o Partido Comunista utilizando como pretexto a rumoreada retirada da momia de Lenin e a destrucción do mausoleo da Krashnaia Ploschad (iniciativa que quizáis debera meditar un pouco mais á vista das dificultades que teñen en Sofia para cargarse o de Dimitrov). Pero, a diferencia do que acontece con Chávez, por aquí ninguén se escandaliza, ninguén sospeita das súas conviccións democráticas. Non hai alarma, non é perigoso, a pesar de que foi Ieltsin e non Chávez quen nunha ocasión recorreu ós tanques para disolver un Congreso de Deputados.


A democracia é o argumento esgrimido polo presidente Lee Teng-hui para afirmar a soberanía do seu país (Taiwán) fronte a Beijing e para resistirse á unificación co réxime do continente que non é democrático. Lee Teng-hui ten o mérito de democratizar con éxito as estructuras autoritarias de Taiwán sen perder o poder e sen tan sequera mudar o nome do seu partido, o Kuomintang (¿alguén se imaxina aquí un trunfo do Movemento Nacional nas primeiras eleccións democráticas?). A tensión subiu varios graos no estreito de Taiwán este verán e as dificultades para reiniciar o diálogo bilateral paraoficial, practicamente suspendido dende a visita "privada" á Universidade de Cornell, en Estados Unidos, son considerables. A reunión de outubro pasado abrira esperanzas para o entendemento. A China deixaba de disparar míseis na véspera de calquer convocatoria electoral e no seu lugar enviaba misións civís para observar de preto o proceso. Por iso, cando Lee Teng-hui afirmou á Deutche Welle que o diálogo debía ser "de Estado a Estado", en Beijing as súas palabras cairon como pura dinamita.

Estados Unidos xoga a mediar, a poñer paz entre ambos contendentes, pero mentres tanto prepara xugosas vendas de armamento a Taipei. A Cámara de Representantes urxiu a realización dun balance sobre o equilibrio militar no Estreito e a propia Administración Clinton, enfrontada ó lexislativo no xeito de enfocar as relacións coa China, non nega a inclusión da illa no paraugas protector dese escudo antimíseis que pretenden instalar na rexión co apoio de Xapón. Tokio repara en que a unificación das Chinas permitiralle a Beijing controlar un estreito polo que se transporta o petróleo que garante o funcionamento do país.

Ás portas do cincuenta aniversario da Revolución e da recuperación de Macao, a China observa con preocupación o medre da influencia do lobby antichinés e da doutrina da contención. O empioramento das relacións con Estados Unidos é aproveitado por Taiwán para impoñer o seu propio ritmo a un proceso unificador que dende Beijing é valorado como unha tarea de transcendencia histórica e polo mesmo irrenunciable sen importar o prezo a pagar, mesmo a guerra. Dahí tanto empeño e tan contundente. Cómpre tomalo en serio. Os perigos son moitos porque mentres a China tenta impedir a independencia a toda costa, Taiwán desexa evitar unha unificación a toda presa. O punto de equilibrio existe pero non se aprecia aínda toda a vontade necesaria para atopalo.