Extramuros

Foi unha victoria pírrica, compartida a forza cunha Rusia que non disparou un só mísil e que ademais inclúe unha paz especialmente difícil de xestionar. En Bruselas e Washington levaban semanas implorando unha solución que evitara a invasión terrestre, a única opción que podería garantir un trunfo, probablemente daquela incontestable, sen paliativos, da OTAN. Pero esa nova escalada da guerra tería un custe moi elevado en vidas humanas propias (as alleas importan menos) que ningún país aliado estaba disposto a pagar.

Está claro que a OTAN gañou esta paz ambigua, pero ¿perdeu Milosevic? Despois de escenificar algunhas resistencias que daban a entender a todos que a súa posición non era tan feble como se pretendía, o Presidente iugoslavo comparecía ante a súa cidadanía para asegurar que o cese dos bombardeos e os acordos de Kumanovo viñan a confirmar a razón e a utilidade da resistencia serbia. Noutras palabras, que isto non acabou.

A desbordante satisfacción dos residentes de Belgrado é a mellor expresión desa arraigada convicción de que foron eles os que obrigaron a pasar polo aro ós todopoderosos aliados: compromiso de defensa da integridade territorial; despregue de tropas internacionais (e non só da OTAN) baixo bandeira da ONU (e non da OTAN); garantías de presencia policial e militar iugoslava na zona, anque limitada.

Poucos apostarían en serio agora polo efectivo encausamento de Milosevic ante o Tribunal Internacional que xulga os crimes contra a humanidade na antiga Iugoslavia. Todas son concesións moi significativas que lle van permitir salvar a cara ó Presidente serbio. Moscova, que non dixeriu aínda a ampliación da OTAN ó Leste, permitiuse a alegría de respaldar a posición iugoslava e, no medio do desconcerto, desafiar con inusitado éxito a maquinaria militar occidental. O reforzo do entendemento estratéxico con Beijing pode ser o último dique de contención dese hexemonismo americano que se apresta a librar as máis decisivas batallas nos próximos anos.

Mentres, ¿qué foi dos albanocosovares? O seu balance non pode ser máis desgarrador: aldeas e fogares devastados; as principais infraestructuras civís e productivas destruídas; unha boa parte da poboación asasinada, mutilada ou simplemente transmutada en refuxiados; e o seu soño independentista, antes reprimido polas tropas de Milosevic, imposibilitado agora por un continxente internacional que non terá por misión preferente garantir o exercicio do dereito a decidir libremente o seu futuro senón evidenciar os límites infranqueables desa elección. Pagan un prezo moi alto para acadar tan pouco. Esta Europa rica, que teme sempre o efecto dominó nos seus propios sarpullidos nacionalistas, difícilmente aceptará máis alteración de fronteiras e precisa enviar a todos unha clara mensaxe. A día de hoxe, a única posibilidade de proclamar unha hipotética independencia de Cósova pasa invitablemente por unha conflictiva partición do territorio. A opción, sobre a mesa dende o inicio do conflicto, foi desbotada oficialmente pola OTAN e o G-8, pero os acontecementos poden precipitala se da litixiosa definición de áreas de influencia militar rusa e occidental se derivan nos próximos meses outras segmentacións.

En "After Violence: 3R, Reconstruction, Reconciliation, Resolution", Johan Galtung, un dos mais importantes estudiosos dos problemas da paz, sinala que "o alto o fogo, a tregua, aínda sendo importante, non o é todo…, que o despois da violencia pode convertirse fácilmente nun antes dunha nova violencia se non se entende que por debaixo da violencia visible e directa hai sempre unha violencia estructural (conflicto, inxustiza, contradicción) e unha cultura da violencia ou unha violencia cultural que non desaparecen mecánicamente coa firma do tratado de paz e que poden seguir sendo fonte da violencia visible".

Se tiveramos que preguntarnos polos factores subsisten na rexión para sustentar unha nova cultura política que impida a reproducción das tensións no futuro e avogen por unha convivencia democrática, pluriétnica e multicultural, sería dificil atopar respostas esperanzadoras. O denominador común desta paz é o mutuo interese en parar a guerra, non o trunfo deses nobres valores (democracia, dereitos humanos, etc) cínicamente proclamados pola Alianza como leit-motiv da intervención.

Europa afrontará agora os principais problemas da reconstrucción, en primeiro lugar económica pero tamén civil e política. O principal actor desa nova "campaña humanitaria" será o tal míster PESC, figura recentemente creada no cumio de Colonia e que terá por misión fundamental a representación de Europa no mundo. Nun clarividente artigo (Identifying Institutional Paradoxes of CFSP) publicado na Gaceta Xurídica da CEE, Rummel e Wiedemann, dicían hai un ano que á vista da situación creada despois do Tratado de Amsterdam, "si se escarba na estructura e o funcionamento da PESC, resulta que nin pode chamarse política, nin é exterior, nin se ocupa da seguridade, nin é común". ¿Tanto mudaron as cousas?

Sen dúbida Europa debe gozar dunha maior proxección política internacional, acorde co seu peso económico, territorial e demográfico. A maior parte das entidades internacionais xurdidas da guerra fría atravesan unha seria crise de identidade e nin na súa formulación nin no seu funcionamento se corresponden coas necesidades actuais. A transitoriedade caracteriza outras fórmulas como o Grupo de Contacto ou o Grupo dos Oito, mecanismos que gañan e perden protagonismo en función das circunstancias. ¿Quen as determina? Fundamentalmente Estados Unidos que aproveita o actual vacio para quitar e poñer en función da conveniencia e, en todo caso, instrumentalas sempre ó servicio da súa política: hexemonismo puro e duro.

Sería positivo, pois, que Europa aportara unha reflexión propia e non subordinada a este novo contexto internacional. Pero son moitos os problemas a resolver non soamente para ter unha voz común senón sobre todo para dicir con ela algo de interese. Porque, en suma, iso é o que se precisa, un discurso autónomo e non unha voz de coro. E nesa perspectiva, son comprensibles as múltiples e primeiras reservas expresadas dende diferentes ámbitos a respecto da idoneidade do titular elixido para personificar a PESC: o secretario xeral da OTAN, Javier Solana.

Como se demostrou en Colonia a cuestión da representación non ofrece grandes resistencias. Ata agora a representación exterior da Unión correspondía ó país en exercicio da presidencia semestral a través da figura do Alto Representante e materializabase no Secretario Xeral do Consello, complementada coa designación de representantes especiais cun mandato concreto (Oriente Medio, Bosnia, Cosova, etc). Queda por definir e detallar a ubicación de míster PESC na engranaxe burocrática e institucional da Unión e, sobre todo, perfilar uns mecanismos de decisión que se antollan excesivamente lentos para responder ás esixencias dunha sociedade internacional extremadamente dinámica. Pero tamén sustanciar en que medida estamos a falar de coordinación das políticas nacionais (información, consulta, etc) ou dunha auténtica fusión (convertir en política común competencias que ata agora son exclusivas dos respectivos gobernos). O primeiro debe ser evitar a dispersión de esforzos pero ese non é o obxectivo fundamental.

Edificar unha política xenuina e diferenciada é máis complexo pero non menos urxente e necesario. Na súa definición en ningún caso deberían subestimarse dous elementos. En primeiro lugar, a configuración de espacios para unha defensa estrictamente europea, sen a dominación estadounidense. Neste sentido, é positivo que o Consello Europeo de Colonia decidise colocar as estructuras da UEO baixo o paraguas protector da PESC, pero lembremos que a UEO é pouco máis que nada. En segundo lugar, a necesidade de que tan crucial aspecto do proceso de construcción europea conte coa participación do Parlamento a fin de non seguir ampliando os déficits democráticos da Unión e garantir unha maior influencia da cidadanía, a través dos seus lexítimos representantes, no control da acción política dunhas institucións con abultada tendencia a decidir sen render contas. O Parlamento Europeo, agora enriquecido, entre outros, coa tenacidade de Camilo Nogueira, debe ser dotado de medios e capacidades para incidir de forma efectiva no contido e na acción da PESC.