Fujimori desafiado por un “Cholo”

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Nos 179 anos de existencia da República de Perú, nunca un "cholo" acadou a Presidencia. Alejandro Toledo sitúase entre 7 e 20 puntos por baixo de Alberto Fujimori, segundo as enquisas, pero a súa estrela emerxente está a ilusionar a un desleigado indíxenismo en pleno rexurdimento ao longo de Iberoamérica.

O vocábulo "cholo", que agora é exhibido con orgullo, ata hai pouco, era agachado nun exercicio de autoodio. Só resplandecía o espellismo occidentalizante e rexeitábaselle a entrada, aos lugares capitaliños de elite, a aqueles que aparecesen con vestimentas ao estilo tradicional indio. Baixo este termo só adoitan identificarse aqueles que descenden do sangue indio, e Toledo insiste en reclamar para si o alcume de Cholo. "Agora vexo que o odio cara a nos mesmos estase a desvanecer. Logo de moitos anos de servilismo, pregunto. ¿Como se atreven a menosprezarnos se estamos orgullosos da nosa cultura?".

Non é precisamente un líder emerxido do reivindicativo movemento indixenista, senón un fenómeno de trasversalidade simbiótica. Entre tradición e modernidade, entre pasado e futuro, entre vestimenta e idioma paleoinca e educación occidental impregnada de liberalismo e novas tecnoloxías.

Provén dunha humilde familia que, alá por 1953, deixou a súa aldea do interior para trasladarse á unha cidade costa central cos seus 16 fillos. Inicialmente gañou os seus primeiros cartos de limpabotas e adentrouse na educación xa ao estilo occidental.

A súa vida está marcada por unha enorme forza de vontade e por máxicos golpes de fortuna. Como premio a un concurso, gañou praza nun xornal da capital limeña. Unha beca en San Francisco foi a súa segunda transcendental conquista. Completou a súa ascensión formativa cun curso Stanford, onde se doutorou en Educación para o desenvolvemento. A súa graduación en Harvard serviulle de pasaporte para adquirir a condición de funcionario do Banco Mundial e afondou nas súas conviccións liberais.

Cando se dirixe aos indíxenas non lles oferta subvencións, nin a protección social do estado. Acende o seu espírito indio dicíndolles que non se resignen a unha indigna existencia de mendigos que demandan esmola, senón que esixan traballos honestos.

Este Cholo, de formas marcadamente populistas, de manifestas conviccións democráticas e de confeso fervor pola doutrina do libre mercado é a principal causa da preocupación do actual presidente, que chegara ao poder 1990, logo de derrotar a M.Vargas Llosa. En 1992 dera un autogolpe "Fujimorazo", co apoio do exército e disolveu o parlamento. O seu segundo rival tamén foi de enorme talla, neste caso política, o ex-secretario xeral da ONU, Javier Pérez de Cuellar, mais tamén este resultou vencido nun proceso electoral con sombras de fraude.

Nesta terceira intentona, de cuestionable lexitimidade, acumúlanse as denuncias e críticas que fustigan sen piedade a Fujimori, tanto nos xornais de Perú coma na prensa internacional.

Uns, como o director do opositor xornal Liberación, utilizan a ironía para alentar a votar por Fujimori. "Para que sigamos sen tribunal constitucional, para que continuemos sen poder xudicial independente, para quepermanezamos sen fiscal xeral da nación, para que persistamos sen organismos electorais autónomos…

Outros como "La República" enchen páxinas e páxinas coas denuncias que reciben sobre utilización de avións oficiais ao servicio partidario, despedimentos de traballadores que se negan a facer campaña por Fujimori, comidas a asistentes a mítines a cargo dos programas oficiais, sinaturas falsificadas, ocupación ata a saciedade da televisión, utilización do SIN (Servicio de Intelixencia Nacional), para facer seguimentos intimidatorios á candidatos da oposición, para pagar o fondo de reptís a xornalistas implicados nas campañas de descreto dos opositores, ou para amañar controlar informáticamente o reconto e adulterar os resultados…

Fujimori móstrase desafiante con todos os que cuestionan a limpeza das eleccións. Exhibe os seus éxitos coma estabilizador da economía e como anxo exterminador das guerrillas Tupac Amaru e Sendero Luminoso. Non pensa atender os reclamos da OEA, do Parlamento Europeo, do Centro Cárter, da Federación Internacional de Dereitos Humanos, da LASA (Latín Américan Studies Associatión), que insisten na gravidade das irregularidades. Ten o propósito de rematar co proceso electoral nunha primeira rolda. Nunha segunda, cunha medrante oposición unida e co ollo da presión internacional sobre Perú, o resultado sería demasiado incerto como para correr riscos. Para asegurarse o éxito ven de contratar, por 3 millóns de dolares, unha prestixiosa consultora española, experta en procesos electorais que levou á presidencia a Aznar, Felipe González, Pastrana, Banzer …

Todos os ingredientes están xa no cocido electoral, pero cada vez son máis os que aseguran sentir o penetrante fedor do pucheirazo.